in

L’État de Siège

Etatdesiege |

Os donos do medo

| Manuel Xestoso |
| Foto: Jean Louis Fernandez |

 
A tese manéxase moito nos últimos anos: se recortamos liberdades para defendernos da violencia estamos facilitándolle a vitoria aos que atacan unha forma de vida conquistada a base de innúmeras loitas e sacrificios. Pero o certo é que ante a Historia, tendemos a entregarnos ao medo con máis facilidade que a arrepoñérmonos ante a adversidade. Tendemos a deixar que outros tomen as rédeas do noso destino sen preguntarnos a quen beneficia ese absentismo nin quen son os verdadeiros donos do medo.

L’État de Siège foi escrita despois da fin da II Guerra Mundial e explora ese fenómeno colectivo de aceptación do totalitarismo. Fala sobre o terror pero, de xeito principal, sobre o seu manexo por parte do poder. Camus abordou o tema de xeito metafórico, a través dun personaxe que se presenta como a Peste e que se presenta ante a sociedade esixindo o poder absoluto. Pero a metáfora non resulta tan abstracta cando nos decatamos de que a descrición de como as autoridades e a poboación van deixándose gañar polo pánico e pola submisión ten un alarmante eco de actualidade. De que a proclamación dun estado de sitio que permite ao goberno esquivar a lei invocando un perigo inminente para a nación é un mecanismo que non perdeu vixencia.

Demarcy-Mota acepta o reto de traer aos nosos días o texto de Camus construíndo un escenario distópico e atemporal que permite unha imaxinería que abala entre o medieval e o futurista. Esa indefinición temporal, unha certa disposición coreográfica do movemento e un tratamento moi elaborado do son e da imaxe videográfica que acompañan a representación redundan no carácter deshumanizado do marco descrito e permite centrar a atención no debate de ideas. A crenza humanista de Camus de que abonda con amar e non ter medo para resistir semella bastante inxenua e dunha inocencia política case preocupante: daquela, a operación de Demarcy-Mota de reforzar o carácter de fábula da obra dálle a volta ao discurso, colocándoo no plano do alegórico. Canto máis se afasta escenicamente da intriga, máis forza gaña a función en convicción ideolóxica.

A compañía logra axilizar a trama convertendo o argumentario en espectáculo, manexando as claves simbólicas con habelencia plástica e dramatúrxica: en ocasións, o fresco que se nos amosa adquire un carácter operístico que fai boa parella coa transcendencia do tema. A función manéxase mellor nese campo onde se exhibe músculo dramático que no matiz sentimental da intimidade dos personaxes. Probablemente por causa desa candidez política do texto de Camus, mais tamén pola circunstancia que nos arrodea: hai que ter en conta os telexornais para entender cal é a lectura exacta que nesta época lle debemos dar á alegoría. Hai que ter en conta o que sucede aí fóra para ler correctamente unha proposta que nos interroga dende un presente talvez xa distópico.

 


Publicidade

L’État de Siège de Albert Camus

Dirección: Emmanuel Demarcy-Mota
Compañía: Théâtre de la Ville
Elenco: Serge Maggiani, Hugues Quester, Alain Libolt, Valérie Dashwood, Hannah Levin Seiderman,Jauris Casanova, Philippe Demarle, Sandra Faure, Sarah Karbasnikoff, Gérald Maillet, Walter N’Guyen, Jackee Toto, Pascal Vuillemot
Asistente de dirección: Christophe Lemaire
Iluminación: Yves Collet, Christophe Lemaire
Creación sonora: David Lesser
Creación vídeo: Mike Guermyet
Vestiario: Fanny Brouste
Maquillaxe: Catherine Nicolas
Atrezzo: Griet de Vis
Máscaras: Anne Leray

Festival de Almada. Teatro São Luiz, Lisboa. 14 de xullo de 2018.

Manuel Xestoso

Manuel Xestoso

Crítico cultural e escritor. Traballou como editor e xornalista cultural en A Nosa Terra e colabora en publicacións como Grial, Faro de Vigo, Sermos Galiza ou Nós Diario, entre outras. Foi subdirector da Erregueté dende 2016 ata 2020. Publicou Antón Reixa. Ghicho distinto, xunto a Xosé Cid Cabido (Xerais, 2012), e o volume de poemas As ruínas de Europa (Galaxia, 2017).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

slav3 |

Rolda Internacional: 16 / 07 / 2018

casaorei8 |

Presentada a nova tempada do Ciclo Principal do Teatro Rosalía da Coruña