Actualidade

Presentada a nova tempada do Ciclo Principal do Teatro Rosalía da Coruña

PUBLICIDADE

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento da Coruña, José Manuel Sande, presentou onte a programación para outono do Ciclo Principal do Teatro Rosalía Castro, que inclúe 12 espectáculos que se representarán entre o 23 de setembro e o 22 de decembro no equipamento cultural municipal.

A tempada abrirase coa obra El funeral, con guión e dirección de Manuel M. Velasco e cun elenco que conta Concha Velasco e Antonio Resines, entre outros. Na seguinte fin de semana, os días 28 e 29, representarase La zanja, con guión e dirección de Diego Lorca e Pako Merino. Xa no mes de outubro, Ron Lalá levará ao escenario do Teatro Rosalía o espectáculo Crimen y telón, unha homenaxe ao teatro universal con forma de thriller de xénero negro, e o día 21 representarase Ahora es todo noche (liquidación de existencias), de Eusebio Calonge, unha coprodución na que participa La Zaranda Teatro Inestable, e que propón unha reflexión arredor “das persoas invisibles no espazo público, as e os sen teito”. Xa na última fin de semana do mes, presentarase unha versión de José Martret do texto Placeres íntimos, de Lars Norén, un traballo protagonizado por Toni Acosta e Cristina Alcázar que ten como punto de partida o conflito familiar que xorde tras un funeral.

De cara ao mes de novembro, o Ciclo Principal contará con espectáculos todas as semanas. Así, os días 2 e 3 terán lugar dúas funcións de Tal vez soñar, de Antonio Tabarés, producida pola canaria Factoría Unahoramenos, e na fin de semana do 10 e 11 de novembro Ibuprofeno Teatro presentará Casa O’Rei, con guión e dirección Santiago Cortegoso. A seguinte cita será o 16 e 17 de novembro, con Rojo, unha adaptación da obra de John Logan centrada na figura do expresionista Mark Rothko, e que contará con Juan Echanove e Ricardo Gómez de protagonistas.

Xa na fin de semana do 23 e 24 chegará ao Rosalía “unha obra mestra dentro da creación contemporánea galega”, segundo cualificou o director do teatro, como é Commedia, de Cándido Pazó. A peza, que se estreou no ano 1993, é un dos fitos do teatro galego e 25 anos despois volve aos escenarios, con practicamente o mesmo elenco. Finalmente, o día 30, Cáscaras vacías, de Magda Labarga e Laia Ripoll, abordará unha serie de historias tecidas arredor da Operación T4 nazi.

Os días 13, 14, 15 e 16 de decembro, con catro funcións, chegará unha das propostas más innovadoras da programación, como é Cosas que se olvidan facilmente, de Xavier Bobés. O espectáculo terá un aforo reducido e representarase nun espazo diferente á sala principal do teatro. A tempada pecharase co traballo Hablar por hablar, de Juan Cavestany, Yolanda Garía Serrano, Anna R. Costa, Juan Carlos Rubio e Alfredo Sanzol, que situará ao público fronte ao mítico programa nocturno de radio.

 

Renovación de abonos

O abono, que representa un desconto do 25% sobre o prezo da entrada –que van desde os 6,50 até os 26 euros–, inclúe oito das funcións programadas –todas as dobres programadas en venres en sábado– e ten un prezo que vai desde os 46,25 euros, até os 101,25 euros, en relación á situación da butaca. A maiores, catro espectáculos que non forman parte do abono –El funeral, Ahora todo es noche, Cáscaras vacías e Cosas que se olvidan fácilmente– contarán con tarifa especial, pero as entradas poderanse adquirir co mesmo e contarán cun 25% de desconto sobre o prezo establecido para esa función de localidade.

 

Foto: Diego Seixo (unha escena de Casa O’Reide Ibuprofeno Teatro).

Compartir

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

Deixar un comentario

Subscríbete

Recibe as novas, artigos, entrevistas e contidos da Erregueté para que non perdas unha!