in

Cía. Prácido Domingo: “A nosa profesión é un pequeno acto revolucionario de resistencia”

PradioDomingo4 |
Non hai que ser unha casa para ter pantasmas foi a carta de presentación da compañía Prácido Domingo, formada por Belén Bouzas, Fran Martínez e Diego M. Buceta. O espectáculo, gañador do Xuventude Crea 2017 e presentado no marco do proxecto .EXE de Teatro Ensalle, pasou neste mes de xullo polo festival Corpo(a)Terra. A erregueté conversou coa compañía para coñecer un pouco máis sobre este proxecto que toma o corpo como centro do seu universo creativo e tende pontes entre as artes marciais e a danza contemporánea.
| Vanesa M. Sotelo |
|Foto: Joaquim Leal |

 

O nome da compañía remite a un xogo de palabras no que a pracidez do sétimo día da semana se mestura co nome dun recoñecido tenor. Tomando como punto de partida ese compoñente lúdico no que a delicadeza, o humor e a poesía parecen mesturarse, cales son os elementos fundamentais sobre os que se asenta a compañía?

DIEGO.- Para nós o máis importante de todo e o que máis valoramos é o corpo, centro do noso universo creativo. A nosa traxectoria é diversa ao igual que as nosas inquedanzas, dende o teatro textual á danza contemporánea, pasando polas artes marciais ou o teatro físico. Queremos poñer en valor todo ese amplo espectro de posibilidades partindo da investigación para crear algo que sexa noso, un traballo persoal onde o corpo cobre outras dimensións, levalo máis alá, explotando todas as súas capacidades expresivas. Todo isto enmarcado na poética das imaxes e a creación de atmosferas que serven de soporte ao traballo físico.

Non hai que ser unha casa para ter pantasmas foi a carta de presentación da compañía. Cales son as liñas temáticas sobre as que se asenta?

FRAN.- Partimos do concepto de resiliencia como capacidade dun material ou organismo para adaptarse ao choque, ao conflito. Quixemos levar este concepto material ao físico, á maleabilidade e manipulación dos corpos, e como estes se adaptan, se reestruturan e continúan. Por outra banda, está a investigación que Belén leva anos desenvolvendo en relación a tender pontes entre o Aikido e as artes escénicas, de onde apareceron materiais novos e motivos físicos que nos axudaron a profundar no concepto de resiliencia. É agora, despois do parto, que comezamos a comprender que é o que temos entre mans, sentimos que a base deste traballo é a fronteira, delicada e terrible, entre o amor e a dor, o coidado e a agresión, unha fenda que deu acceso a unha experiencia do corpo próxima ao fantasmal, ao inconsciente.

Forza e delicadeza son dúas claves que se mesturan na peza. Como abordan nela esa conxunción de artes marciais, danza contemporánea e teatro físico que son un dos selos de identidade da compañía?

BELÉN.- Esas tres disciplinas parten na súa esencia do corpo como canal expresivo e comunicativo. O traballo de investigación sobre o que xirou esta creación en concreto buscaba afondar nas pontes existentes entre elas en canto ao puramente físico. Foi así como comezamos un traballo de exploración en material específico de Aikido como arte marcial, buscando a raíz diso levalo a outros lugares sen que a esencia da actitude marcial e esa calidade de movemento que lle é propia se difuminasen. Mantivemos así a esencia da arte marcial dentro do contexto da danza e o mesmo camiño se seguiu cos trazos de teatro físico presentes na obra. Poderiamos dicir que o número 3 é un número fundamental dentro da nosa creación e da nosa compañía. En Aikido trabállase en moitas ocasións con 3 movementos que despois se fusionan en 1. Nós somos 3 corpos que se fusionan ata converterse por momentos nun só. E de novo o número 3, 3 disciplinas que buscamos fusionar nunha única creación bañada por todas elas.

En canto ao traballo da compañía, artes marciais, danza e teatro conviven como selo persoal e identificativo dun xeito inevitable, xa que xs tres nos coñecemos e comezamos o noso camiño escénico a través do teatro na ESAD de Galicia e, posteriormente, hai xa 9 anos Fran e Diego se mergullaron de cheo no universo da danza contemporánea e eu no do teatro físico. Estas disciplinas forman parte de nós e impregnan o noso traballo e os nosos corpos.


Publicidade

Non hai que ser unha casa para ter pantasmas presentouse no Teatro Ensalle dentro do proxecto de residencias artísticas .EXE (Espazo Xerador Ensalle). Que supuxo para a compañía a presenza neste espazo?

FRAN.- Para unha nova compañía como a nosa, que ademais traballa no ámbito das artes do corpo e a creación contemporánea, é extremadamente difícil acceder a espazos de exhibición ou ser programada en festivais. Por fortuna, en Galicia hai moita xente e colectivos que cren e apostan por este tipo de propostas e traballan precisamente para proporcionarlles espazo e visibilidade. Unha destas estruturas é o Teatro Ensalle, imprescindible no ámbito da creación contemporánea en Galicia, e sempre confiaron no noso traballo máis do que nós mesmxs. Alí non só puidemos estrear Non hai que ser unha casa para ter pantasmas, senón que tamén dispuxemos dunha residencia técnica e de creación ao abeiro do proxecto .EXE. Sen o seu impulso non sei se seguiriamos con vida ou non, pero sen dúbida todo sería máis difícil.

Sodes unha compañía de nova creación que presentou o seu traballo en festivais de Galicia como o Herdanza ou o Corpo(a)Terra e tamén en programacións como a do Espazo Inestable de Valencia ou o Festival Cortoindanza de Cerdeña. Existe un mercado para a danza contemporánea máis alá dos festivais?

DIEGO.- O mercado da danza é preocupantemente precario en xeral. Festivais como os que nomeas son heroicos exemplos de resistencia, de como sen apoios e con moito esforzo unha comunidade loita por facer visible e dignificar a nosa profesión. Hoxe en día, e máis para as pequenas e novas compañías que tratamos de facer parte do tecido cultural, estes espazos de encontro son fundamentais, non só pola oportunidade de compartir o noso traballo senón tamén por poñer en contacto e afianzar lazos entre xs profesionais do sector, unindo forzas. A danza está tan invisibilizada nas programacións culturais convencionais que apenas queda espazo para nós, véndonos relegadxs a loitar por pequenos ocos na maioría dos casos cunhas condicións pouco dignas que non permiten o desenvolvemento e profesionalización real das compañías. A nosa profesión é un pequeno acto revolucionario de resistencia, e é deste xeito como seguimos traballando para que a danza faga parte activa da realidade cultural e acade así o lugar que merece.

Prácido domingo ten un espazo reservado para a pedagoxía. Que obxectivos perseguen desde esta área?

BELÉN.- En canto aos cursos que impartimos conxuntamente como compañía (Aikido para danza), cómpre dicir que se trata dunha metodoloxía que parte dunha profunda investigación previa en relación ao Aikido como posible ferramenta para o adestramento físico actoral que iniciei durante a elaboración do meu TFM (titorizado por Manuel Vieites). Unha vez xuntxs, tras experimentar en nós mesmxs como intérpretes as posibilidades desta disciplina marcial no enorme universo da danza (como obxectivo de creación no noso espectáculo), comezamos unha investigación conxunta de traspaso de coñecementos entre esta Arte Marcial e a Danza Contemporánea, que nos levou e está levando, a impartir cursos en escolas a bailaríns e bailarinas pero tamén a aquelas persoas interesadas no traballo de corpo, sexa cal sexa a súa disciplina. Para nós, cada experiencia docente supón compartir e medrar. O que buscamos agora mesmo é profundar cada vez máis no estudo pormenorizado desta nova metodoloxía e continuar compartíndoa, vivenciándoa e aprendendo de cada unha desas experiencias para mellorar como docentes. Supón para nós, por tanto, un enriquecemento persoal pero tamén unha fonte de ingresos puntual que apoia a nosa actividade sobre o escenario. En moitas ocasións, os ingresos destes cursos intensivos serven para amortizar os gastos de viaxe das funcións que realizamos fóra de Galicia. Poderíase dicir que é un apoio económico á precariedade sobre a que nos movementos nestes momentos na nosa profesión sobre as táboas.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

casaorei8 |

Presentada a nova tempada do Ciclo Principal do Teatro Rosalía da Coruña

Ameiodanoite1 |

A meio da noite