in

Ítaca Teatro debuta no Vicedo con ‘Cinco minutos sen respirar’

ItacaCincoMinutos |

O vindeiro sábado 15 de decembro, ás 20:00, na Casa da Cultura do Vicedo, debuta unha nova compañía teatral, Ítaca Teatro, coa estrea da súa montaxe Cinco minutos sen respirar. A primeira peza da Compañía é unha adaptación da obra homónima do dramaturgo contemporáneo venezolano Gustavo Ott, que afonda na necesidade humana de imaxinar ficcións para fuxir da realidade.

Elea López e Carlos Rebolo, baixo a dirección de Carlos Neira, póñense na pel de Margarita, unha empregada de banca, e Víctor, un supervisor de supermercado, dous personaxes que albergan medos e anhelos a partes iguais. Trátase dunha proposta contemporánea baseada no traballo de interpretación, e cunha dirección escénica que incide nos delirios e nas dualidades propias do mundo de hoxe .

ÍTACA TEATRO nace no 2018, produto do reencontro de dous antigos compañeiros, Elea López e Carlos Rebolo, que deciden xuntarse para levar adiante un proxecto que lles permita antepor o goce do proceso creativo e que, ao mesmo tempo, lles conceda a liberdade necesaria para afrontar as propostas que lles gustaría ver a eles como espectadores.

Publicidade

Logo da estrea no Vicedo, a obra terá unha segunda representación no local de Hipócrita Teatro, en Lugo, o venres 21 de decembro ás 20:30.

 

Sinopse

A Margarita acaban de despedila do seu traballo no banco e vai refuxiarse ao supermercado, non só preocupada polo seu despido, senón tamén fuxindo dunha relación tormentosa que iremos coñecendo pouco a pouco entre decenas de citas literarias.

Víctor é supervisor do supermercado e coñeceu a Margarita recentemente como usuario do banco. Ambos personaxes mergúllanse nunha conversa sobre as súas vidas, os seus desexos e os seus medos, mentres parecen ficar atrapados na tenda.

 

O autor

Gustavo Ott é un novelista, director teatral e autor dramático venezolano que, dende finais dos anos oitenta, ten unha carreira como dramaturgo que o leva a ser considerado un dos autores máis prolíficos de toda Sudamérica, con decenas de textos que están a levarse a escena por todo o mundo. As súas pezas teatrais teñen recibido múltiples galardóns como o Premio Internacional de Dramaturxia Tirso de Molina, o Premio Internacional Ricardo López Aranda, o Premio Aguijón Theater/Instituto Cervantes de Chicago e o VIII Premio de Textos Teatrais “Raúl Moreno” FATEX, entre moitos outros.

 

Publicidade

O director

Profesor e Director da Escola de Teatro e Danza Espazo Aberto, fundada no 1992. Durante este tempo creou e dirixiu diversas pezas de teatro contemporáneo, nas que renuncia a esquemas e formas tradicionais para formular propostas máis arriscadas e conectadas coa actualidade. Neste proceso de busca creou a compañía Nut Teatro, que pasou por diferentes etapas. Dende traballos como Tuanis, Mudanzas ou Peep Show ata unha versión de 4.48 Psicosis de Sarah Kane. A esta continua exploración, súmase a incorporación de medios arquitectónicos durante a última etapa de Nut Teatro, onde destaca a peza Wake Up. Actualmente, Carlos Neira investiga, crea e dirixe unha serie de intervencións, nas que a acción definitivamente adopta un espazo diferente ao convencional e onde continúa vixente o seu interese pola escenificación de autores literarios.

 

Elea López

Formouse como actriz con Carlos Neira, Nuria Gullón, Débora Pérez e Sonia Méndez na Escola de Teatro e Danza Espazo Aberto de Santiago de Compostela, onde tamén recibiu formación en Danza Contemporánea con David Loira. Inicia a súa traxectoria profesional coa interpretación de Winnie en Los días felices dirixida por Carlos Neira. A partir dese momento traballa en diferentes pezas teatrais e performáticas con Nut Teatro, Duelirium, E-330, Hipócrita Teatro… No 2010 crea a súa propia compañía de teatro: GlupGlup Teatro coa que realiza dúas montaxes infantís, unha dirixida por Petra Hoffman e outra por Marcos Ptt.

Compaxina o labor de actriz coa dirección de espectáculos e coa faceta de formadora en teatro e artes escénicas en Espazo Aberto (dende 2011), en Hipócrita (2014-17) e cursos intensivos. En 2017 abre a súa propia escola de artes escénicas: Ítaca, onde dirixe, coordina e imparte formación para adultos e nenos e nenas. Logo de dirixir diferentes proxectos, retoma a labor de actriz creando a compañía Ítaca Teatro xunto con Carlos Rebolo.

 

Carlos Rebolo

Comeza a súa traxectoria, como actor e director de teatro, en compañías amadoras no ano 1990. É membro fundador de Hipócrita Teatro (2004), compañía que dirixe dende 2010, e coa que protagonizou pezas de distintos xéneros, entre as que cómpre destacar A Turbia Historia de Claudio e Mesalina ou Homes en Escabeche (Premio Manuel Lugrís 2012 ao mellor actor). Ademais participou, coa súa compañía e con outras, en diferentes espectáculos teatrais (de rúa, improvisación, conta contos, máscara…).

Logo de formarse, durante todos estes anos, en distintas disciplinas dramáticas e acudir a cursos con Areta Bolado, Carlos Neira, Alfredo Sanzol, Tito Asorey, Andrés Lima, Oscar Codesido, Daniel Salgado, Sergio Macías, Marion Sarmiento, Alicia Corral, Nuria Inglada… decide pasar do teatro amador ó profesional e crea, xunto con Elea López a compañía Ítaca Teatro.

 

Ficha

Dirección: Carlos Neira
Elenco: Elea López e Carlos Rebolo
Tradución e Adaptación: Rubén Pérez Pombo
Iluminación, Fotografía e Son: Juan Rivas
Música Orixinal e Espazo Sonoro: David Alonso Garzón
Voz en Off: Rosalía Fernández Rial
Deseño Gráfico: La Cosa Gráfica
Escenografía, Vestiario e Atrezzo: Diego Valeiras

Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

SalonTeatroInversa |

O Salón Teatro de Compostela acolle oito funcións de ‘Sofía e as postsocráticas’

TelonMaríaCasares |

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia convoca os XXIII Premios de Teatro María Casares