in

Monicreques de Kukas (1979-2019), 40 anos de tiruleques

kukasdoncela guerreira |
OLYMPUS DIGITAL CAMERA

capa97b |


A compañía Os Monicreques de Kukas vén de recibir o Premio da Cultura Galega, na categoría de Artes Escénicas. Con este motivo, recuperamos este artigo publicado no número 97 da edición en papel da erregueté para conmemorar o 40º aniversario da compañía.

 


José M. Breijo Vidal |
| Foto: A doncela guerreira, 2007, cedida pola compañía |

 

Marcelino de Santiago «Kukas» e Isabel Rey son os fundadores da compañía Monicreques, que no ano 1979 crearon en Compostela e que despois pasaría a chamarse Monicreques de Kukas no ano 1991. Conta Isabel Rey que «xa que todo o mundo a chamaba así eu decidinlle cambiar o nome». Kukas foi un neno precoz, «con 8 ou 9 anos facía veladas e representaba poemas de Machado, imitaba a Charlot, e tiven que deixalo porque cobraba entrada, e para que a xente viñese ao teatro regalaba chufa, regaliz, e perdía cartos… tamén facía rifas e cromos… e facía cine, quitáballe o pegamento ao celo e despois o debuxaba en viñetas para facer o movemento. Estiven no Seminario Menor, de aí saíron moitos actores e artistas como Xesús Olveira Pico, Celso Parada… O Seminario tiña un teatro con focos e cuncha… e alí facía unhas veladas cobrando entrada, representábamos El Médico a Palos de Molière, eu era o director, cortabámolo e duraba 30 minutos… e como non había rapazas, non había personaxes femininos».

Xa con 14 anos, conta Marcelino que: «Tiñamos un grupo de teatro amador, e faciamos pantomima, pero era autodidacta, non tiñamos referentes. Despois empezou a vir xente a Santiago como Marcel Marceau, ou un grupo polaco que era impresionante que non me lembro do nome, tamén viñan artistas cataláns e algún espectáculo de marionetas. Santiago era un fervedoiro de cultura, había clubs de cine e logo da proxección había sempre unha tertulia. Tamén aos 14 anos fixen a primeira exposición de pintura, despois poesía, tocaba a gaita, nese mundo da cultura era todo mesturado… reuniámonos nos bares, cantabamos, tocabamos. Era o final do franquismo e foi moi duro, cando tocabas a gaita ou faciamos pantomima na rúa, viña a policía e tiñas que fuxir. Escribía obras dadaístas, eu non sabia que era dadaísta, pero decateime despois, cando amigos que foron fóra trouxeron libros. Había moi pouco nas bibliotecas, principalmente autores españois, moito de Arniches, teatro burgués… e eu mesturaba cousas, obxectos, poesía, música, pantomima. Eramos moi atrevidos, no ano 78, 79 ,80 César Lombera saía o 25 de xullo polo Obradoiro vestido de Apóstolo, en zancos, e eu coa gaita».

 

Os espectáculos

1979. Fabanola e o televexo, foi a primeira montaxe de Monicreques, estreada o 4 de marzo en Arzúa, durante a celebración da Feira do Queixo. Conta Isabel Rey que: «volvera César Lombera de Barcelona, onde aprendera a facer máscaras con cartón, e ensinounos a facer as máscaras. Para o entroido fixeran unha exposición Kukas, Jacobo Remuñán, e César Lombera, no pub Modus, e alí contactamos cos de Arzúa». Conta Kukas que: «Empezamos coas marionetas e estreamos o primeiro espectáculo porque viñeron os da feira do queixo de Arzúa a contratarme para facer pantomima. Despois da actuación, de borracheira, falamos de marionetas, de Barriga Verde, dos cristovos. Dixeron que non había nada para os nenos en galego e, de feito, non había nada de marionetas, eu dixen que eran moi malas as que viñan de Madrid como a Bomba Atómica». Intervén Isabel Rey: «E díxolle Kukas: ‘non vos preocupedes que para a Feira do Queixo teredes unha obra de marionetas, verdade Isabel?’, eu dixen que si… Eu estudiaba matemáticas! Percorremos a libraría Follas Novas e nin un texto de títeres, non había ningún texto para marionetas! Entón Kukas escribiu Fabanola e o Televexo, xa que nesa época a xente estaba moi colgada da televisión. Era unha mestura do teatro popular tradicional co empresario, o cura, a bruxa e Fabanola, que era un rapaz medio parvo de ver a tele. En galego, aos nenos só se lles falaba na casa, pero despois non había outra actividade lúdica. O circo, o cine, o teatro, a televisión eran en castelán, non existía a televisión galega». Kukas, Jacobo Remuñán, Rosa e Isabel Rey foron os manipuladores nesa primeira función, «e un apuntador amigo noso; fixemos os catro a primeira función a cambio de comida, gasolina e que nos fixeran un teatriño de madeira».

No ano 1980, Barriga Verde foi o segundo espectáculo. Conta Isabel Rey que: «O acceso á compañía era tomando cafés, se tomabas catro cafés xa eras da compañía. Para a segunda obra entrou Cecilia e Lokis e nós os catro para facer o Barriga Verde de Manuel María. Estreamos outra vez en Arzúa e foi unha catástrofe. Actuabamos nun palco que compartiamos con Milladoiro, empezou a chover, a xente subiuse ao escenario que estaba cuberto e de repente caeuse o palco, houbo feridos porque había xente debaixo, foi horrible». No mesmo ano de 1980, Marcelino escribe Toca que toca a muiñeira, e Peluquillas Langarillas, que foron os seguintes espectáculos representados pola compañía Monicreques. Conta Isabel Rey que: «Despois tivemos que montar un espectáculo novo por encargo do Concello de Santiago para o 25 de xullo que era o Peluqueiro Langarillas. Lokis e Cecilia dixeron que era unha merda, marcháronse xunto con Fernando Pedrido e montaron Picapolaina. Nesta primeira etapa, os manipuladores foron Kukas, Isabel Rey, Rosa Rey, J. Mendez que, xunto a César Lombera, Asun Ribero ou Carlos Clemente, empregaron as técnicas de luva e de variña para escenificar os seguintes espectáculos: no ano 1981 presentan A Don Esmirriao non lle gusta o bacallao, Pirula do vertedeiro, e O colar de Marica.

Neste ano tamén montan dous espectáculos de rúa en coprodución ca compañía Titirití titulados Ruada do Mago Augusto e Cortegada; no 82, Chiquilicatro e Ruada do gran circo Chachiguai con Titirití; no 83, Maisguarrita Phacher, O colar de Marica na 2ª versión, Ruada da Carolina e Ruada dos vertidos radioactivos coa compañía Titirití. No ano 1984 realizan A triste historia do mundo Facundo e con esta última montaxe Monicreques abandona a actividade por diferentes criterios artísticos. Kukas formará, xunto a Jorge Rey, a compañía de títeres Cachirulo. Isabel Rey fará dobraxe para a TVG, e Carlos Clemente xunto a Rosa Rey fundarán, na cidade da Coruña, Dhantea Teatro.

No ano 1989 realízase en Vigo, organizado pola Asociación de Titiriteiros Galegos, un curso de construción de títeres a cargo do mestre Paco Peralta del Amo. Conta Jorge Rey, da compañía Cachirulo, que: «O curso era para 10 titiriteiros, que cada un faría unha marioneta. O problema era que eramos once compañías… ao final, despois de moito pelexar, conseguimos que Paco Peralta aceptara aos once. Kukas foi o alumno máis destacado de Peralta, creou novas cousas, mellorou sistemas. Creo que ese é o curso que profesionalizou a construción de marionetas en Galicia. Despois, durante o Encontro de Titiriteiros do ano 90, fixemos unha representación».


Publicidade

No ano 1990 Kukas abandona Cachirulo por diferencias artísticas e volve retomar a actividade con Monicreques, poñendo en escena A Rúa das Balconadas. Nesa montaxe emprega unha marioneta que se colga con arnés, e leva fíos e mecanismos, un modelo especial adaptación do títere de Peralta del Amo. Outra das innovacións que presenta Monicreques é a gravación das voces das personaxes. A este respecto Marcelino de Santiago conta que: «Eu empecei a gravar as voces porque os micros eran moi caros e tiñamos que competir cos feirantes e os seus altofalantes; ademais había obras que tiñan moitas personaxes e era imposible darlles voz a todos. Chamaba a Xan Cejudo, Evaristo Calvo, Tereixa Navaza e outros moitos que tiñan unhas voces impresionantes…e logo no cine non dobran as voces?, e no teatro non se leva a música gravada?». Continúa Kukas xustificando a utilización das voces gravadas explicando que: «Por outra banda, a non ser excepcións, as marionetas non teñen boca para falar, co cal é o movemento o que dá a sensación de que parece que fala. Outra das razóns é que o ruído que provoca a manipulación das marionetas se coa polos micros e ensucian moito. Ensaiabamos no local e montabamos previamente o tráfico da obra, despois quedabamos cos actores, coñecían as marionetas, e faciamos ensaios, eles metendo o texto e nós manipulando. Era complicado, tiña que estar todo moi medido e ensaiar moito. Os aparatos eran moi antigos, tiñamos ás veces dúas bobinas con voces, un tocadiscos coa música, unha gravadora con efectos, un barullo para facelo en directo, para pinchar todo xunto era moi complicado!»

Polo tempo en cartel dos espectáculos, e debido a outros compromisos dos actores/manipuladores, a compañía Monicreques tiña varias equipas de manipuladores, entre os que destacan (1º equipo): Carlos Clemente, Kukas, Isabel Rey; (2º equipo): Luisa Aguado, Kukas, Isabel Rey; (3º equipo): Marián González, Nekane Fernández, Isabel Rey, ou Beatriz Sánchez, Pedro Rubín e Mercedes Castro. Xa co nome de Monicreques de Kukas, na década dos anos 90, crearon os seguintes espectáculos: No ano 1991 porán en escena Historias dun papel; no 92, A Casca dunha árbore xunto a Don Gaiferos; no 94, Canonxo, e O Mariscal, no Centro Dramático Galego; no 95, A culpa foi de Mozart; no ano 1997 poñen en escena Adubíos e Unha noite no Pórtico do Paraíso, representada no pórtico da Catedral de Ourense.

No ano 1998 representan Odisea. Neste espectáculo a compañía cambia as equipas de manipulación coas que traballou durante case 10 anos. Pasan a formar parte de Monicreques de Kukas os manipuladores e actores Javier M. Oro, Gena Baamonde, Eugenia Iglesias, Marcos Viéitez que, xunto a Isabel Rey e Kukas, porán en escena no ano 1999 Cucarandainas; no ano 2000, Petruska; no 2001, Xan Trapallas e tamén representan o Retablo de Maese Pedro, espectáculo realizado coa Real Filharmonía de Galicia; no ano 2002 escenifican Anxélica no ombral do ceio; no 2003, Carnaval dos animais, espectáculo que repiten coa Real Filharmonía de Galicia, sendo directores Antoni Ros Marbá e Maximino Zumalave; ese mesmo ano tamén estrean Contos do vento acatarrado.

No ano 2004 Monicreques de Kukas porá en escena Galiza Máxica. Con este espectáculo a compañía entra nunha nova etapa, renovando a equipa de manipuladores e actores. Os novos monicrequeiros son Mayrata Fernández, Nacho Ortega, Isabel Rey, Gonzalo Mateos, e Noé Orosa xunto a Fili Cabaleiro ou Camila Bossa, que representan a Cantanta de San Nicolás, novamente coa música en directo interpretada pola Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Maximino Zumalave e estreada o 18 de decembro do ano 2004, no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela. Xa no ano 2005 porán en escena Cantar da Cantaruxa; no 2006 crean un espectáculo para gravar en vídeo titulado A sopa máxica, de carácter didáctico, coa finalidade de motivar ós nenos a manter unha alimentación equilibrada. Neste 2006 tamén poñen en escena Celestino Tarambainas, con música en directo interpretada polo quinteto Pentafonia.

No ano 2007 estréase en Madrid, no centro Conde Duque, A Doncela Guerreira, e nese mesmo ano tamén estrean na casa da cultura de Muros a proposta Sen título 4x8x6 (técnica mixta sobre escenario). Neste espectáculo os manipuladores son Helena Fernández, Alba Fernández, Alberte Viveiro e Kukas. A partir deste ano os actores-manipuladores sucédense, entre os que atopamos a Miguel Cabaleiro, Borja Insua, Raquel Queizás, Mario Tomás, Jorge Casas ou Isa García Coldeira. No ano 2007 poñen en escena Un xoguete para Xoaquín; no 2008, Sete contos capitais; no 2009, O castelo da rocha vella, espectáculo coa música en directo da Real Filharmonía de Galicia; no 2010, Andainas; no 2012, O KiriKixote; no 2014, Xan Perillán compra queixo, compra pan; no ano 2015 poñen en escena A Frauta Máxica no maxín xunto ao coro Zoar; no ano 2016, O encoro enmeigado. No 2017 poñen en escena o premio Barriga Verde para adultos Requiem por un Monicreque, de Roi Vidal Ponte; e no ano do seu 40 aniversario como compañía, o 28 de marzo de 2019 estrean a súa última montaxe, Arlequina, no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

Kukas, graduado en Artes Aplicadas e Oficios Artísticos, na súa condición de artista multi-disciplinar, deseña e realiza xunto a Isabel Rey os títeres e obxectos, a iluminación, escenografía, indumentaria e espazo sonoro. En numerosos proxectos colaboran con Monicreques de Kukas diferentes artistas: na iluminación participan Suso Bermejo, César Lombera, Manuel Núñez, Francisco Veiga, Fili Cabaleiro, Javier M. Oro, ou Baltasar Patiño; no espazo sonoro, Suso Alonso Villalón; na escenografía, J Mendez; na construción e deseño dos obxectos, Antonio Cebrian, Baltasar Patiño, Javier M. Oro, Noe Orosa; no atrezzo, Mirari Urrusola ou Borja Insua, entre outros.

Tamén indicamos que son moitos os actores profesionais que colaboraron e traballaron coa compañía Monicreques de Kukas na gravación das voces para os espectáculos. Entre outros temos a María Bouzas, Gustavo Pernas, Victor Lorenzo, X. M. Olveira «Pico», Ánxela Abalo, Carlos Clemente, Suso Bermejo, Xan Cejudo, Xavier Estévez, Susana Dans, Paco Souto, Marcos Viéitez, María Pujalte, Pilar Pereira, Mela Casal, Evaristo Calvo, Belén Constenla, Xosé Vilarelle, Diego Varela, Rodrigo Roel, Manuel Guede, Andrés Pazos, Paco Oti, Miguel de Lira, Ernesto Chao, Luisa Martínez, etc.

O estilo de Monicreques de Kukas vén dado pola creación de obras non violentas, de carácter didáctico e social e contribuíndo á normalización da lingua galega, como podemos observar na edición da primeira publicación titulada Monicreques. A publicación Monicreques foi editada no ano 1987 pola Revista Coordenada e Marcelino de Santiago Viqueira. Monicreques contén aparte do texto A Don Esmirriau non lle gusta o bacallao, outros dous textos do mesmo autor, O Peluquillas Langarillas, e Pirula do Vertedoiro. Esta edición esixía a normalización dos textos editados, xa que foi subvencionada pola Consellaría de Cultura e Benestar Social, segundo a Orde do 22 de Abril de 1986. Dos máis de 40 textos escritos por Marcelino de Santiago, «Sempre escribo para representar», só 6 foron publicados, os anteriormente citados e A culpa foi de Mozart, Unha noite no Pórtico do Paraiso, e A rúa das Balconadas, editados no ano 2010 por Edicións Xerais de Galicia.

Finalmente facer eco da ilusión coa que na actualidade traballa Monicreques de Kukas despois de 40 anos de profesión e do seu desexo de rematar esta andaina coa creación da Casa Dos Monicreques en Santiago de Compostela. Promesas políticas incumpridas (curiosamente é a única vez nun pleno do Concello de Santiago, desde que goberna En Marea, que tódalas forzas políticas votan a favor dunha proposta: a creación da Casa dos Monicreques), e un silencio sepulcral do Concello de Santiago non desaniman a Isabel Rey e a Marcelino de Santiago. Levan máis de 40 anos marabillando, animando, creando arte e non van perder a ilusión de ver todo o seu traballo reunido para sempre nun espazo público da súa ben querida Compostela. Kukas e Isabel son profetas na súa terra.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Kukas |

Premio da Cultura de Galicia para Os Monicreques de Kukas

concert 984237 1920 |

A plataforma dixital Mundo Escénico preséntase mañá na Culturgal