in

O Teatro Pastor Díaz de Viveiro celebra o seu centenario

PastorDiaz |

O Concello de Viveiro prepara a celebración do centenario do Teatro Pastor Díaz cunha exposición que lembrará a súa historia. O vindeiro 18 de xaneiro inaugurarase, ás 20:30, no hall do teatro, unha exposición na que se fará un repaso pola traxectoria do emblemático edificio.

A parte histórica da mostra corre a cargo do cronista oficial de Viveiro, Carlos Nuevo Cal, e ao acto asistirán diferentes colectivos culturais da localidade, coñecidos pola súa longa traxectoria. Construído entre 1918 e 1919 a iniciativa particular de Nemesio Barreiro Casal, o teatro pasou por varios propietarios ata que foi adquirido polo Concello en decembro do 1988. Estivo pechado oito anos ata a súa rehabilitación, cun custo de 200 millóns de pesetas. Foi reinaugurado no ano 2001.

Proxectado por Mario Páez Suárez, na parte alta do escenario ten gravados os rostros de Rosalía de Castro e de Pastor Díaz, obras de Sandra Escohotado Gil e Fernando Cano Vidal.

O edificio ademais dun teatro con ambigú e a vivenda do empresario, tiña unha chocolatería, colindante con outro edificio do mesmo promotor. A diferenza doutros grandes teatros da época, situados en amplos espazos, o Pastor Díaz está localizado no casco vello de Viveiro, entre estreitas rúas, sen a monumentalidade propia do xénero.


Publicidade

Componse de tres zonas: a primeira ten planta trapezoidal apoiada na rúa Constanza de Castro, cun frente de 11 metros sobre o que se elevan tres plantas. A segunda zona corresponde ao salón de espectadores que ten forma de U, cos seus palcos arredor do patio de butacas. O espazo interior segue os esquemas dos clásicos dos teatros italianos.

A terceira zona corresponde ao escenario, sobre a rúa Luís Trelles. Despois da rehabilitación, debaixo do escenario están os camerinos. A fachada principal que da á rúa Constanza de Castro ten tres ocos a cada altura, cuxa única decoración son unhas máscaras representativas do teatro clásico e as ménsulas dos balcóns con dous escudos.

Trala súa rehabilitación, o teatro reincorporouse á vida social de Viveiro, de xeito que é onde se realizan a maioría das actividades culturais do Concello e tamén as organizadas polo seu tecido asociativo.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

NekrassovAbadía |

O Teatro Rosalía de Castro da Coruña presenta o seu programa para o próximo semestre

premiomariacasares |

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia convoca os XXIV Premios de Teatro María Casares