in

Comeza o último tramo de Escenas do Cambio

RomainTeuleLegende |
Escenas do cambio, o Festival de inverno de teatro, danza e arte en acción da Xunta de Galicia na Cidade da Cultura, encara xa a súa segunda e derradeira semana da edición de 2020 coa representación de cinco pezas, entre as que se atopa o relato contado, cantado e bailado dunha sobrevivente do xenocidio de Ruanda e un xuízo real ao personaxe literario Hamlet para o que se contará cun xuíz, fiscal e psiquiatra en activo e no que os espectadores exercerán de xurado popular.

 

O festival da Cidade da Cultura desprazarase o xoves ao casco histórico de Santiago —dentro da súa filosofía de expandir o festival máis aló do espazo físico do Gaiás— para estrear en España e no Teatro Principal de Compostela Samedi Détente. Trátase dun relato en primeira persoa de Dorothée Munyaneza sobre o asasinato de 800.00 tutsis, cometido en Ruanda a medidos dos anos 90 polo goberno hexemónico hutu.

Dorothée Munyaneza fai uso da palabra para contar e cantar este relato do horror, da que ela foi testemuña na infancia. E faino como unha terapia -con baile e cancións- e como un xeito de amosar a través da arte as cicatrices propias e da historia, co ánimo de advertir dos perigos dos fanatismos identitarios.

Ese mesmo día e antes desta estrea, Escenas do cambio 2020 leva ao Salón Teatro –tamén situado no casco antigo de Compostela- a obra en portugués Légende, peza que forma parte da colaboración do festival co Instituto Camõesde Portugal en Vigo e coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Trátase dunha orixinal conferencia de Romain Teule, na que xogará coa linguaxe, tamén dos animais, para abordar na práctica conceptos tales como a interpretación e a malinterpretación.

 

Xuízo real a Hamlet


Publicidade

O venres o festival continuará a súa programación polo centro da cidade, xa que levará a representación de Please, continue (Hamlet) á Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela. Nesta obra, o dramaturgo catalán Roger Bernat xulgará o personaxe de Shakespeare. Para iso, converterá o público asistente en xurado popular e terá o atractivo engadido de que contará cun equipo xudicial real en activo.

En concreto, esta peza terá a participación de Ángel Pantín, presidente da sala compostelá da sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña; de Antonio Roma, ex fiscal da área de Santiago e actualmente coordinador de xustiza no Programa de Cooperación de Loita contra a Criminalidade organizada en América; do avogado Jesús Alonso; e do psiquiatra Tiburcio Angosto.

Débese salientar a peza de Jerk, de Gisèle Vienne, que se presentará o sábado ás 19:00, na Cidade da Cultura. A partir dunha novela de Dennis Cooper, co que habitualmente soe colaborar, a francesa reconstrué nesta obra o caso real de Dean Corll, quen asasinou nenos en Texas coa axuda de dous adolescentes. A representación destas historias será a través dun actor-ventrílocuo e monicreques.

Pechará o festival, o sábado 8 de febreiro, Tres vellas (polo menos) que reúne nun mesmo escenario a tres dos mellores narradores orais de Galicia: Quico Cadaval, Celso Fernández Sanmartín e Luís Gutiérrez Guti, que ademais de fiar con humor e retranca historias cotiás e de vida, tamén cociñarán ‘in situ’ para os e as asistentes.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Xampatito

Catro compañías galegas na FETEN de Xixón

ParlamentoC |

O BNG pide no Parlamento a dimisión do director da Agadic