in

Elefante Elegante: “Temos que dirixirnos ás crianzas co grao de responsabilidade e esixencia que require un adulto”

DreamingJuliet scaled |
Neste 2020 a compañía Elefante Elegante, formada por María Torres e Gonçalo Guerreiro celebra 20 anos de vida e proxectos. A crise sanitaria desatada polo Covid-19 obrigou a adiar a estrea de Dreaming Juliet prevista para o 20 e 21 de marzo no Teatro Rosalía de Castro de A Coruña. Precisamente, na Coruña encontrámonos no mes de xaneiro antes da súa partida a Madferia para presentar Patapatúm, Premio ao Mellor Espectáculo Infantil en 2019. Compartimos a charla con Gonçalo e María para conversar sobre as súas dúas décadas de historia e sobre a súa forma de facer escena.

 

Elefante Elegante celebra vinte anos de traballo cunha ampla e variada produción escénica entre a que se atopan varios Premios María Casares como son Nuncabunga, A danza da choiva ou Patapatúm. Cal foi o primeiro proxecto da compañía?

Gonçalo Guerreiro.- Nós comezamos no 2000 e do 2000 ao 2007, mentres estivemos estudando e viaxando, fixemos tres espectáculos. Nesa época viviamos en Bélxica pero viñamos no verán ensaiar a Galicia. Naquel momento aínda non nos chamabamos Elefante Elegante, senón Teatro Escondido. Nesa época estabamos moi namorados de Eugenio Barba e do teatro antropolóxico. Eugenio Barba falaba dun teatro perdido e por iso traballaba con linguas perdidas. O concepto de teatro escondido vén de aí, no sentido de atopar un teatro noso que xa existía dalgún xeito pero que estaba agochado. Empezamos a traballar cun grupo que se formou en Italia no que estabamos María mais eu, un actor italiano, unha actriz belga, un actor valenciano e outro catalán. Nese proxecto inicial cada un tiña a súa lingua e a lingua común era un italiano mal falado. Despois viñemos vivir en comunidade para a Rúa Sol na Coruña e o proxecto desa vida comunitaria tamén era facer teatro. Precisamente, no momento en que cada un falaba a súa lingua, a palabra non podía ser o vehículo narrativo principal e empezamos a traballar a partir do xesto, a corporalidade e a máscara.

María Torres.- Ese primeiro espectáculo chamábase Rúa Sol porque vivíamos nesa rúa. Despois fixemos outro baseado nas bruxas encantadas do Algarve que se chamou Encantamentos e logo houbo un terceiro que era Silence, a partir de lendas alemás dentro dunha liña de traballo que tiñamos sempre baseada na antropoloxía.

G.G.- Aí o grupo cambiou un pouco pero seguiamos na mesma lóxica de falar cada un na propia lingua. Cando volvemos para aquí xa puxemos a palabra de lado e xa con nós os dous e co resultado destes sete anos de traballo en 2007 arrinca Elefante Elegante.

Despois de Rúa Sol, Tristán cara de can, O Forno, Iliria e Granito, In é a peza que vos dá unha maior visibilidade e que asenta elementos plásticos que vos definen a día de hoxe. Cal é a evolución que vós testades entre ese primeiro Rúa Sol e Dreaming Juliet?

G.G.- Con Dreaming Juliet eu sinto que regresamos á mesma lóxica creativa que tivemos en In e iso déixame moi contento porque foi algo que quedou aí; algo que con Kassa se perdeu porque a escenografía gañou un peso moi grande e manipulou todo o proceso. Creo que a lóxica da construción dramatúrxica de Dreaming Juliet é máis sólida, máis compacta, máis orixinal. En In estaba esa estrutura d’A voda dos pequenos burgueses de Brecht pero tamén estaban os contos de Andersen e agora hai un tema e a nosa creatividade, a nosa imaxinación.

Para Dreaming Juliet partides de Romeo e Xulieta de Shakespeare. Que peso ten a palabra neste proxecto?

M.T.-. Talvez o 15% do espectáculo é palabra o que, aínda que é moi pouco, para nós é bastante. Partimos de Romeo e Xulieta dun xeito moi libre pero, sobre todo, partimos do amor. Quixemos falar sobre que pasaría coa amor se Romeo e Xulieta non morresen, se o amor sobrevivise porque, despois de todo, foron mozos moi poucos días.

G.G.- Con iso, automaticamente estamos na dinámica de calquera parella en relación ao tempo. En calquera relación hai varias etapas: ao primeiro hai un amor sincero pero o tempo pasa e, coa confrontación coa vida cotiá, onde fica o amor? Como o tratamos? Que tempo lle damos? A onde nos empurra esta sociedade con esta maneira de vivir tan líquida, tan consumista?

O tempo parece ser unha constante xa que despois de Patapatúm a temática volve repetirse en Dreaming Juliet

M.T.- Ao longo dos anos sempre falamos a nivel temático do que nos inquietaba segundo o noso momento vital. Honestamente, é o que podemos facer: falar do que nos pasa e nos inquieta e intentar plasmalo. Cada espectáculo é fundamental para que teña existido o seguinte. Por exemplo, cousas coas que non me identificaba en Tropical foron fundamentais para o desenvolvemento do seguinte, para poder chegar a este Dreaming Juliet.

G.G.- E sinceramente, a partir dos 45 o tempo comeza a volverse unha obsesión.

Gonçalo comentaba que con Dreaming Juliet regresades a unha lóxica creativa. Cal é esa lóxica e como desenvolvedes a dramaturxia?

M.T.- A lóxica que recuperamos é tanto dramatúrxica como estética. Sempre creamos a partir do tema sobre o que queremos traballar, recompilamos información e creamos un esqueleto dramatúrxico. Eu recupero información sobre o tema, Gonçalo encárgase de elaborar a estrutura e nesa dinámica imos debatendo. Para a dramaturxia de Dreaming Juliet levamos 16 versións e o proceso de creación é moi lento porque facer unha creación é unha responsabilidade moi grande; sobre todo cando non partes dun texto previo.

Como construídes a rede de accións prescindindo da palabra?

G.T.- Hai unha pequena narrativa e despois esa narrativa ímola fragmentando en escenas, en cadros. En cada escena acontece algo que fai avanzar a narrativa. Temos que ir vendo de que xeito facemos para facer avanzar esta narrativa con unha lóxica plástica, temos que ver cal é a posición dos corpos, como pode ser a composición para que o teu trazo teña un estilo. Eu diría que estamos recuperando reivindicar un certo misterio que perdemos en Kassa e en Tropical. E é algo que nos frustraba e que creo que estamos recuperando.

M.T.- Interésanos moito o lado máis onírico, o lado ambiguo, o que pode ofrecer varias lecturas. Interésanos para non acoutar aquilo que o espectador pode ver. Procuramos contar cun espectador activo, coa súa subxectividade, que entre con nós e que viaxe.

Ao tempo que sodes intérpretes asinades a co-creación da peza, como repartides esa esquizofrenia de organizar o sentido dentro do proceso?

M.T.- Cando imos ensaiar o espectáculo xa existe, xa ten esa estrutura que mencionamos. Improvisamos como se desenvolve a acción pero como empezamos e como acabamos está clarísimo. Se non…sería unha loucura. O como é o que temos que descubrir.

G.T.- E desde hai catro anos traballamos con Pablo Sánchez que é alguén a quen coñecemos de toda a vida, ten a mesma formación que nós a nivel de Lecoq e que fai a dirección de actores. Dámoslle as liñas básicas e o guión e axúdanos na dirección de actores. Deste xeito nós podemos ser actores e podemos gozar dos ensaios. Pablo xa fixera este tipo de traballo en Rúa Sol hai vinte anos. Para nós é un piar, un harmonizador.

Anteriormente falabamos do compoñente visual que caracteriza as vosas propostas. Como se realiza a escolla da concepción plástica de cada espectáculo?

M.T.- Gonçalo é quen deseña e constrúe e o propio tema é que che vai dando a clave de como representar cada espazo. Patapatúm precisaba un interior, cun certo compoñente abstracto. Para Dreaming Juliet, buscamos algo abstracto que non representase interior ou exterior, nin tampouco ningún lugar determinado para non pechar por completo a historia.

G.G.- Á hora de pensar o espazo de Dreaming Juliet, para min o amor maniféstase como algo vertical e expansivo, por iso non necesitabamos algo pesado. Necesitabamos liñas que tiren cara ao ceo, que se expandan. Entón comezas a ver esa lixeireza, ese aire, as nubes…empezas a ver cousas, ves altura… E a partir de aí, todo vai derivando. Tiñamos tamén ganas de achegarnos ao contemporáneo, á vida de hoxe en día. Un móbil é algo que nunca utilizariamos porque nos parece un obxecto banal pero temos un fillo adolescente e un móbil é un motivo de conflito na familia. Tiñamos vontade de empregar o móbil ao servizo desta engrenaxe.

M.T.- O móbil é un elemento importante na comunicación, na incomunicación, nas redes… e non tiña sentido obvialo. Dreaming Juliet pedíanos ese lado máis real que representa o teléfono móbil.


Publicidade

G.G.- E con isto teño que dicir que eu creo que Patapatúm era para os pais que teñen nenos de 8-9 anos mentres que Dreaming Juliet é para os adolescentes que teñen pais de 50 anos.

Á hora de pensar no público, caracterizádesvos por ser unha compañía de teatro familiar. Como definides o teatro que fai Elefante Elegante?

M.T.- Traballamos para toda a familia, para as diferentes idades. Dar algo que non as interpele a todas dalgunha forma é unha oportunidade perdida para transformar algo.

G.G.- Eu sinto que estou entre dúas xeracións. Estamos entre dous tipos de teatro: un teatro que se facía dez anos antes ca nós, no principio dos 90 e outro que se comezou a facer dez anos despois. Hai vinte anos que nos marcan e estamos entre un pasado e un futuro.

M.T.- Eu, pola contra, sinto que somos como unha especie de ponte entre dúas tendencias.

G.G.- Para min somos o río e para María somos a ponte.

M.T.- Supoño que estamos entre un teatro máis narrativo e outro máis posdramático. Nós estamos máis nun limbo porque non somos ningunha das dúas cousas. E iso non é moi comercial porque non encaixamos en ningunha caixiña. Pero tamén temos que ser honestos e facer o que artisticamente precisamos, o que debemos facer; pero por outra parte queremos acompañar os tempos. Estou contenta porque creo que Dreaming Juliet avanza sendo fiel a esas dúas correntes: seguimos sendo novas pero ao tempo o espectador segue atopando unha lóxica construída que non é a do teatro posdramático.

G.T.- A culpa desta crise tena Jacques Lecoq que nos deu unhas ferramentas para construír unha linguaxe corporal sólida pero ao tempo nos ata a unha mentalidade dos anos 80. A factura que hai que pagar é esa. Seguimos aí, intentando romper o cordón umbilical con todo o cariño e todo o amor.

Honestidade e vontade de investigación parecen ser algunhas das guías de Elefante Elegante á hora de crear. Á hora da selección temática pensando no público máis miúdo pero tamén no poder dos programadores á hora de abrir ou pechar portas, ata que punto vos atrevedes con temas tabús ou que poden ser motivo de conflito?

G.G.- Nunca nos xurdiu porque non somos nada punkis. Quero dicir: somos pacifistas, ecoloxistas, temos un xeito moi hippie de estar. Somos así, buscamos a harmonía.

M.T.- Eu diría que temos máis a necesidade de traer luz que xerar polémica. Entón non somos provocadores por natureza, somos conciliadores. Os temas veñen diso, do que somos, do que nos apetece defender.

G.G.- O que é decisivo para traballar con un tema ou non é se nos aporta un universo. Se sacamos un tema e hai dúas ideas que outro consegue visualizar, sabemos que vai haber algo. Se non hai eses elementos mínimos, cae. A censura que podemos ter é unha censura ditada pola imaxinación: por se me estimula ou se non me estimula para ter ideas.

E ofrecendo unha mirada panorámica ao teatro familiar que se fai en Galicia, que forzas e que debilidades detectades?

G.G.- Hai algo que nós debatemos moito. Eu non nego que para min é máis doado crear un espectáculo para a infancia que para o público adulto. Se creo unha obra destinada a unha persoa de 8 anos ou a unha persoa de 20-30, o tempo de vida non é o mesmo. Como seres humanos non ten a mesma duración, non son entidades coa mesma profundidade, coa mesma complexidade, coa mesma experiencia. Aquilo que lle vou contar a unha crianza está limitado á idade que ten, ao tempo que leva aquí. Naturalmente, o discurso simplifícase. Agora, por ter sete anos non deixa de ser intelixente nin de merecer o teu esforzo máximo. Se non é intelixente non me cabe a min tratalo como un necio. Eu teño que dirixirme a unha crianza con todo o grao de responsabilidade e esixencia que tamén require un adulto. Só que tes que abordar o tema doutra maneira. Pero non podo finxir. Se non finxo para un adulto non podo finxir para unha crianza. As emocións son de verdade.

M.T.- Tes que ser honesta, moi verdadeira e poñerse a súa altura. Sen mirar de arriba para abaixo. Son seres humanos completos coma nós, que sofren e teñen as mesmas emocións. Non teñen unha visión máis lixeira da realidade. E por ser nenos tampouco lles temos que explicar o que están vendo. Moitas veces, como no espectáculo non hai palabras os maiores teñen medo de que non entendan. A diferenza creo que está aí: entre os espectáculos que tratan ao espectador máis novo como unha criatura intelixente ou como unha criatura que lle teño que dicir, facer e explicar. A diferenza está aí. E no teatro galego hai de todo. Por outro lado, as persoas esfórzanse para facer unha produción pero eu ás veces como espectadora sinto que non hai esforzo creativo, que non hai rigor artístico. Creo que hai que esforzarse por ser máis máis rigorosos na posta en escena e non conformarnos.

Tedes unha relación moi fluída con Portugal. Como se ve o voso teatro fóra do territorio galego e como se ve a produción de teatro galega fóra de Galicia?

No norte de Portugal talvez se coñeza un pouco pero non sentimos que no resto se coñeza. Cando imos actuar non hai o hábito das compañías iren. Recentemente, estivemos en Faro e os programadores e o público quedaron sorprendidos polo tipo de traballo que facemos porque abunda un teatro máis infantilista que infantil.

Premio ao Mellor Espectáculo de Teatro Infantil en 2019 e con máis de 60 bolos realizados, Patapatúm aínda ten vida por diante. Que expectativas hai para o futuro?

M.T.- Con Patapatúm estaremos en Francia en 2021 nun festival asociado a Momix. Imos con calma e o noso desexo é ir máis lonxe. Agora que o traballo está feito, pararse porque xa case estivo en todos os teatros de Galicia non nos parece unha opción. O espectáculo está moi vivo en nós e non o sentimos nada desactualizado.

Para rematar, que lle pide Elefante Elegante ao 2020?*

M.T.- Chegar á estrea de Dreaming Juliet co espectáculo ao 100% e que o noso traballo se poida ver fóra de Galicia para prolongar a vida útil dos espectáculos.

G.G.- A min gustaríame conseguir dar un paso máis na forma de facer, conseguir evolucionar un pouco máis, conseguir descubrir cousas novas a nivel da creación teatral, non quedar parado no tempo. E con respecto a Dreaming Juliet, gustaríame poder fusionar o concerto co espectáculo teatral e que de aí puidese saír un disco novo.

 

*A entrevista foi realizada en xaneiro de 2020. Estou segura de que para o 2020 coincidiriamos no desexo: que o Covid-19 non tivese aparecido nunca e continuásemos encontrándonos ao vivo nos teatros.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Girlboss |

Diario de cativerio. Día 7, por Esther Carrodeguas

Yvette Hardie

Nova mensaxe de Assitej nun Día do Teatro para a Infancia e a Mocidade ameazado polo Covid-19