in

No confín de… Areta Bolado

Areta Bolado
Actriz. Membro da compañía A Panadaría xunto a Noelia Castro e Ailén Kendelman. Pan! Pan! (Premio da Crítica de Galicia no 2015), Panamericana e Elisa e Marcela (Premio María Casares ao mellor espectáculo, mellor dirección para Gena Bahamonde, mellor texto orixinal e mellor actriz para Bolado) son os espectáculos dunha das compañías con máis éxito na escena galega contemporánea. Ademais, Areta Bolado traballou nas producións Soño dunha noite de verán de Voadora Teatro ou Neorretranca e Posmorriña do Centro Dramático Galego. É, tamén, directora de escena do conxunto de ficción Áureas (Premio Martín Códax da Música 2017).

 

O libro que tes sobre a mesa de noite.

O que máis leo é poesía e ensaio e iso é o que teño na mesiña, sempre un monte deles acumulados coma nunha pira. Catro poemarios que sempre me gusta reler: Os afluentes de Vicente Vázquez, Carne da minha carne de Susana S. Aríns, Poesía para niñas bien de Txus García e unha antoloxía da poesía de Idea Vilariño. Agora ando enfrascada nas Orientaciones en el desierto: Itinerarios para materializar lo invisible en la creación teatral de Eusebio Calonge, autor da compañía La Zaranda, e agarda por min Crítica del pensamiento amoroso de Mari Luz Esteban. Interésame moito a reflexión sobre o xénero, os corpos e o amor.

A túa banda sonora destes días.

Unha mestura caótica de Faia, Mayra Andrade, Gaelynn Lea, Guadi Galego, reguetón comercial, Oîma, Alicia Ramos, podcasts de historia, paxariños cantando, Tremenda Jauría, Cuarteto Caramuxo, Mercedes Peón e a Ailén tocando o acordeón ou facendo soar unha bandexa de metal ao ritmo de muiñeira.

O último filme que te impresionou.

Fascinoume o documental de Marie Losier Cassandro The Exotico!, sobre o profesional da loita libre Saúl Armendáriz. Un dos poucos loitadores que se declara abertamente homosexual. Detrás de toda a parafernalia dos combates e a mestura de violencia, humor e transformismo, atopei un retrato moi inspirador.

A obra de arte na que te perderías agora.


Publicidade

Non sei se agora mesmo me perdería nunha obra de arte ou se sairía a dar un baño no mar ou camiñar polo monte. Por mesturar as dúas, iría facer unha foto coa artista chicana Laura Aguilar nos pedrolos do Monte da Risca.

A peza que che gustaría interpretar.

Se soubese tocar, interpretar algunha composición de Bach para clavecín.

Unha figura histórica coa que compartir unha caña.

A min danme un pouco de medo as pantasmas. Se podo escoller a unha muller viva que xa fixo historia, escollo á deportista rarámuri Lorena Ramírez, que gañou varias ultramaratóns vestida coa roupa tradicional do seu pobo –o Tarahumara– e calzada con sandalias.

Se non foses actriz, serías…

Polos meus estudos posiblemente sería mestra de primaria. Por querer, querería ser bailarina ou música. Tamén locutora de radio. Oes, nunca se sabe!

Ernesto Is

(Xixón, 1988) É dramaturgo, narrador oral e docente. Premio Abrente (ex aequo) con 'Fendas' e Premio Rafael Dieste con 'Despois das ondas'. Foi seleccionado polo INAEM no Programa Dramaturgias Actuales ('El hombre que soñaba con elefantes en las estrellas'), no grupo de escrita teatral DramaturXA do CDG ('Onde veñen morrer as baleas') e na bolsa Nuevas Dramaturgias de Euskadi ('Canciones amarillas para flores tristes'). Cofundador da compañía Feira do Leste, coa que estreou 'Exilio das moscas' e 'Tras Tannhäuser' (axudas á Creación Joven do INJUVE). Membro do consello de redacción da erregueté-Revista Galega de Teatro, colabora tamén coa Revista Grial e A Movida de Vigo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

theater filephoto |

A Rede Galega de Teatros e Auditorios reabre a contratación de espectáculos con novas medidas que facilitan a programación

Miguel de Lira | Premios FETEGA

Máis de 100 obras e espectáculos inscritos na convocatoria aos premios FETEGA 2020