in

No confín de… Mabel Rivera

Mabel Rivera
Mabel Rivera é unha das grandes actrices da escena e do audiovisual en Galicia. No seu extenso currículo sobre as táboas dos nosos teatros destacan as montaxes Agasallo de sombras, escrita e dirixida por Roberto Vidal Bolaño; Os vellos non deben de namorarse, con dirección de Eduardo Alonso para o CDG; Inventarios, dirixida por Fernanda Lapa; e Voaxa e Carmín de Esther F. Carrodeguas, con dirección de Xavier Castiñeira; entre moitas outras. Habitual da pequena e gran pantalla galega e estatal, a intérprete ferrolá participou en filmes tan destacados como El bosque animado de José Luis Cuerda, Los fantasmas de Goya de Milos Forman, Mar Adentro de Alejandro Amenábar (Premio Goya á mellor actriz secundaria), El orfanato de Juan Antonio Bayona ou, o pasado ano, en María Solinha de Ignacio Vilar.
Na imaxe, Rivera interpretando á personaxe de Àngele en Inventarios, de Philippe Minyana, montaxe de Teatro do Malbarate no ano 1990.

 

O libro que tes sobre a mesa de noite.

Literalmente ‘sobre a mesa de noite’ teño Materia prima (Relatos contemporáneos), en galego, de varias autoras/es de Galicia. E, en libro electrónico, estou nas últimas páxinas de Three women da escritora americana Lisa Taddeo.

Eu leo constantemente, sen virus nin nada, e no que vai de ano levo máis de 30 títulos; entre eles, unha colección de traducións ao galego (algunha delas especialmente boa, abofé) feitas en conmemoración do XXX aniversario do Auditorio de Galicia celebrado en 2019; aínda así, prefiro as versións orixinais, como é o caso da xa mencionada Three women, e gustoume especialmente a relectura de The catcher in the rye de Salinger e V de Thomas Pynchon. De autoras galegas, o último que lin foi O libro da filla de Inma López Silva (editado por Galaxia) e Infamia de Ledicia Costas (Edicións Xerais).

A túa banda sonora destes días.

Canto nun coro, e como tivemos que suspender os ensaios por culpa do virus, a miña banda sonora son as partituras do Gloria de Vivaldi, por máis que non vexo posible que fagamos os concertos previstos para o próximo mes de xuño.

O último filme que te impresionou.

Teño máis recente a boa impresión que me fixo unha serie irlandesa (nada maratoniana: 6 capítulos de 45 minutos a primeira temporada; e acaba de saír a segunda, por certo) titulada Blood. Thriller ‘familiar’, con personaxes de carne, algúns mesmo con carne ‘de máis’, desamañados, mal peiteados, con dentaduras imperfectas, que transcenden o personaxe e compoñen un material humano tan imperfecto coma as súas dentaduras e dunha credibilidade total. Magnificamente interpretada e ambientada. Envexa!

A obra de arte na que te perderías agora.


Publicidade

Tal como están as cousas, non me importaría nada darme un paseo e un baño nalgunha desas praias luminosas pintadas por Sorolla. Sen máscara, por suposto.

A peza que che gustaría interpretar.

Un proxecto interrompido a causa da pandemia. Por se non se puidese retomar non digo máis de que se trata dun texto de José Sanchis Sinisterra que eu mesma traducín e para o que xa contamos cos correspondentes permisos de adaptación, representación, etc. Outro de tantos proxectos pendentes, e temo que non moi fácil de recuperar neste caso…

Unha figura histórica coa que compartir unha caña.

O poder político que Juana de Vega chegou a acadar no seu tempo era algo excepcional nunha muller. Moito máis excepcional é o uso exemplar que fixo de tal poder. O seu testamento recolle toda a grandeza do seu pensamento, e nel deixou disposto, entre outras cousas, que dentro da súa Fundación se crearía unha Escola Teórico-Práctica de Agricultura “de la que carece Galicia con gran perjuicio suyo”.

Atrévome a afirmar que seguro que a Condesa opinaría que o momento que estamos a vivir é perfecto para apostar por unha agricultura propia como garantía dunha alimentación saudable e de calidade, da creación de moitos postos de traballo dignos no rural e como arma decisiva para loitar contra a degradación do clima. Encantaríame charlar con ela destas cuestións, aínda que non sei se unha birra non sería algo pouco para unha muller afouta coma ela. Que tal un licor de toxo?

Se non foses actriz, serías…

Cantante.

Avatar

Ernesto Is

(Xixón, 1988) É dramaturgo, narrador oral e docente. Premio Abrente (ex aequo) con 'Fendas' e Premio Rafael Dieste con 'Despois das ondas'. Foi seleccionado polo INAEM no Programa Dramaturgias Actuales ('El hombre que soñaba con elefantes en las estrellas'), no grupo de escrita teatral DramaturXA do CDG ('Onde veñen morrer as baleas') e na bolsa Nuevas Dramaturgias de Euskadi ('Canciones amarillas para flores tristes'). Cofundador da compañía Feira do Leste, coa que estreou 'Exilio das moscas' e 'Tras Tannhäuser' (axudas á Creación Joven do INJUVE). Membro do consello de redacción da erregueté-Revista Galega de Teatro, colabora tamén coa Revista Grial e A Movida de Vigo.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Thesaurus

A danza volve á escena co Festival de Primavera de TRC Danza, no Rosalía de Castro da Coruña

MartaPazos |

Marta Pazos participa nos encontros virtuais ‘Paris ne finit jamais’