in

A danza volve á escena co Festival de Primavera de TRC Danza, no Rosalía de Castro da Coruña

Thesaurus
Despois dun peche histórico provocado polas medidas cautelares ante a pandemia da Covid-19 e no medio dunha situación sen precedentes o Teatro Rosalía de Castro, dentro do seu programa TRC Danza, reabre as súas portas á danza. O Festival de Primavera, os días 25, 26 e 27 de xuño, ofreceralle ao público a oportunidade de gozar das obras de Ánxela Blanco, Cristina Balboa e Javier Martín que tiveron que adiarse nos meses anteriores.

 

Ademais das funcións, o festival contará cun completo programa de actividades expandidas dende o día 17 de xuño para que o público poida coñecer a fondo os procesos artísticos dende o campo do movemento, da creación ou da crítica con distintas colaboradoras da comunidade cultural.

Por suposto, o protocolo hixiénico e sanitario será respectado en todas as actividades presenciais, para velar pola saúde de todas as participantes.

 

Tres espectáculos

Os espectáculos comezarán o día 25, ás 21:00, coa estrea de Thesaurus, de Ánxela Blanco. Rodeada dunha equipa de artistas multidisciplinar a bailarina galega presenta esta nova creación para afondar na palabra e as texturas que compoñen o corpo.

Un tesauro é un vocabulario estruturado, unha lista de palabras ou termos controlados empregados para representar conceptos. Do latín thesaurus (tesouro), que á súa vez procede do grego thesauros (almacén, tesourería). Aqui serán fragmentos da paisaxe do corpo, texturas sonoras, e cualidades de movemento coma descritores abstractos. Invernos, veráns invencibles, sementes ou o ar da urda tecnolóxica. Todo aquilo que resulta de intentar reconstruír un tesauro do corpo dende o corpo.

O día 26, tamén ás 21:00, Cristina Balboa presentará o seu último espectáculo, O que segue. A nova obra de Balboa constitúe un acto de resistencia a través da composición musical, o vídeo e a danza; un relato feroz do cotiá e as contradicións entre a arte e a vida.

Mesturando a súa faceta de compositora musical, a súa afección por bailar nas discotecas e o seu amor polos textos demoledores, Cristina Balboa constrúe unha obra en primeira persoa para atopar un xeito intelixente de vivir a cabalo entre a escena e o mundo exterior. Unha peza que pecha as portas á ira do pasado para comezar de novo a ritmo de techno refinado con tinturas africanas. Unha onda vital que dirixe a súa enerxía cara a nós.

Finalmente, o 27 de xuño, á mesma hora, Javier Martín presentará Soma. O encontro entre o coreógrafo galego e investigador no eido das artes do movemento e o escultor ambientalista e performer Joaquín Jara deu lugar a unha experimentación escénica e matérica que se concentra no estudo do corpo e do movemento como sombra e fragmento.

Nesta creación –performance, acción e instalación– bailarín, escultor, iluminador e músico comparten a acción escénica, transitando por diferentes estados físicos, conceptos estéticos e calidades de movemento, relacionándose e esvaíndo roles mediante esculturas, materiais, ambientes, obxectos e coreografiías que se van despregando nun espazo conformado ante o espectador.

 

Miradas periféricas

Como antesala ás tres funcións, o festival lanza un programa de prácticas de movemento con distintos artistas para preparar o corpo que se senta na butaca. Na procura dese corpo atento, que se deixa afectar e se volve vulnerable na súa condición de espectador, cada artista conducirá a súa sesión de movemento dun modo distinto –propio da súa practica artística– pero coa mesma intención compartida, a de afondar na percepción sensorial e a mirada periférica que contempla tanto o que está dentro como fóra de foco. Tal e como di Marina Garcés, “liberar a visión pasaría por deixar que os ollos caian de novo no corpo”.

As prácticas estarán conducidas –os días 25, 26 e 27, de 19:00 a 20:30– por Javier Martín, Nuria Sotelo e Alexis Fernández no Teatro Colón favorecendo o tránsito da práctica á función no Teatro Rosalía de Castro pola proximidade de ambos teatros.

As inscricións para estas prácticas poden facerse aquí.


Publicidade

 

Taller de públicos

Como vén sendo habitual na Programación Expandida TRC Danza, terá lugar un taller de público(s) da man da investigadora e xestora cultural Sabela Mendoza e da artista e coordinadora do programa Caterina Varela. O obxectivo é compartir e conversar sobre as distintas derivas que emerxen no campo da danza e da creación contemporánea, acompañando a programación anual do ciclo TRC Danza 2020.

Se asistir ao teatro é unha experiencia transformadora, sen dúbida o noso rol como público(s) vai moito máis aló do rato que pasamos nunha butaca. Un convite a todas as persoas interesadas no campo da danza e da creación contemporánea, curiosas de ampliar a súa mirada dende unha posición de espectadoras activas.

O taller desenvolverase ao longo de catro sesións: na sala Eirís do Rosalía de Castro o día 17 de xuño de 19:00 a 21:00; o 20, de 11:00 a 13:00; e o 27, tamén de 11:00 a 13:00. Ademais, o día 23 celebrarase unha sesión online ás 17:00. As inscricións poden facerse aquí.

 

Encontros online

Ademais, TRC Danza propicia varios encontros online, a través das súas redes sociais, cos artistas que protagonizan as funcións do Festival de Primavera. O día 18 de xuño, ás 17:00, o encontro Artistas na casa reúne ás tres artistas que forman parte do programa para falar dos procesos e investigacións detrás das obras que se verán nas táboas do Teatro Rosalía de Castro no festival de primavera, Ánxela Blanco, Cris Balboa e Javier Martín. Ademais de conversar sobre o particular e o transversal das súas prácticas artísticas, este encontro formúlase tamén como un espazo para coñecer as reflexións que o actual estado de crise sanitaria trouxo ás nosas vidas, tanto no plano da relación entre os corpos coma no lugar que ocupa na sociedade a comunidade cultural.

O día 19, ás 17:00, haberá un curso online de composición musical Garage Band, Compoñer un temazo, a cargo de Cristina Balboa, que parte da premisa de que compoñer musica é fácil. Aínda que non saibas tocar un instrumento ou ler unha partitura de solfexo, só precisas unha aplicación e uns cantos titoriais do Youtube. Nesta aproximación á composición de musica electrónica con garage band a artista escénica galega indagará sobre a matemática, o erro e as coincidencias afortunadas para xerar un tema con punch.

O día 22, ás 17:00, celebrarase Materia e cambio, un encontro con Paula Pin e Joaquín Jara. Xúntanse neste encontro online dúas persoas afeitas a colaborar dende a materia nos procesos de artes vivas, para falar das pontes entre a escultura, a tecnoloxía e a danza. Por unha banda, a investigadora, artista e biohacker galega Paula Pin, cunha investigación experimental situada na intersección entre bioloxía, ciencia e practicas Queer. Pola outra banda, o escultor ambientalista catalán Joaquín Jara, que centra a súa obra na relación antropolóxica coa natureza e o paso do tempo e nos conceptos de descubrimento, desaparición e aparición.

 

Obradoiros

Finalmente, o Festival de Primavera ofrece dous obradoiros. Bio-Trans Lab –o día 26, de 17:00 a 19:00, no escenario do Teatro Colón– propón un hackeo á ciencia de cara a unha nova narrativa transfeminista. Baseado no concepto de aprender facendo, o laboratorio busca a apertura dun espazo-tempo particular, un lugar para a confluencia de cyberbruxas e alquimistas. Como fío condutor da práctica está a construción dun microscopio a partir dun sinxelo hack (modificación) nunha webcam. A mesma tecnoloxía na que se centrou a colaboración da artista no proceso de creación de Thesaurus, de Ánxela Blanco. Unha aproximación ao marabilloso mundo da microscopía e da experimentación coas células, fluídos e microorganismos do ecosistema “corpo”. Inscricións, aquí.

No mesmo escenario do Teatro Colón, o día 27, de 17:00 a 19:00, Cristina Balboa dirixirá Pospandemia. Reinventar o presente, un xogo de autoficción baseado na resurtección da Ave Fénix, un novo nacemento ou un rexurdir dende as cinzas para construír un presente máis amable onde coidar a esperanza de novo son as chaves da proposta de Balboa para esta práctica que pretende reinventar o presente. Inscricións, aquí.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ernesto Is, dramaturgo

Obradoiro de escrita dramática en Vigo a cargo de Ernesto Is

Mabel Rivera

No confín de… Mabel Rivera