in

No confín de… Atenea García

Atenea García
Actriz e narradora oral. Creadora da compañía Xarope Tulú xunto a Nicolás Zamorano. Formou parte do elenco de Neorretranca e Posmorriña, a última montaxe do Centro Dramático Galego con dirección de Gena Bahamonde, baseada nos textos de Esther F. Carrodeguas e Roi Vidal Ponte. Na actualidade traballa como actriz en Mai Mai, unha montaxe da compañía Baobab Teatro. | Foto: Paula Iglesias |

 

O libro que tes sobre a mesa de noite.

Pois son a mítica persoa que comeza varios libros a un tempo. Agora mesmo na mesa de noite teño: Los cantos de cada cual de María Eloy; a carón do sofá, a Antología poética de Ángel González; enriba do escritorio, Antoloxía do conto popular galego (editado por Galaxia), Los Combatientes e Léctura Fácil, ambos de Cristina Morales. Lectura Fácil remateino hai unhas semanas, pero resístome a gardalo, goceino moito.

A túa banda sonora destes días.

Ando bastante fascinada con Jeleh, a ópera prima da arxentina Melanie Williams. Cada poucos días volvo a María Arnal e Marcel Bagés (unha constante desde que as coñecín), Aldous Harding (descubrimento recente), Tim Bernardes, Franco Battiato, e para bailar/suar Justice. Certo! En días alternos a banda sonora son eu mesma azoutando a pandeireta. Esta semana ando entre a muiñeira de Ons e a Jota de Rubiós. As miñas veciñas están encantadas…

O último filme que te impresionou.

Respira de Melánie Laurent. Deixoume un mal corpo … Nestes dous meses vin varias películas que gocei moito: Sierranevada de Cristi Puiu, 120 battements par minute de Robin Campillo e N-VI de Pela del Álamo. Esta última foi un oasis na metade do confinamento, unha viaxe pola paisaxe cando o único que vía eran paredes!

A obra de arte na que te perderías agora.


Publicidade

Perderíame en calquera espectáculo de danza no que unha chea de persoas estiveran en contacto físico, pel con pel. Venme á cabeza o Gran Bolero de Jesús Rubio Gamo. Creo que boto en falta un bo pogo, suar a cachón…. Aínda que tamén me gustaría moito perderme nas esculturas Kickass de Sally Hewett. E en calquera das pinturas de Paula Rego. Parece que son algo indecisa.

A peza que che gustaría interpretar.

Encantaríame formar parte do elenco de Com a pedres da compañía valenciana El pont Flotant. Vin a montaxe no desaparecido ALT de Vigo, aló polo 2009, e durante o confinamento veume á cabeza en varias ocasións. Recordo a sensación de volta á infancia que me quedara no corpo.

Unha figura histórica coa que compartir unha caña.

Violeta Parra, supoño. Aínda que son a típica persoa que se bloquea cando ten a alguén ao que admira diante. Diría parvadas constantemente e querería saír correndo.

Se non foses actriz e narradora, serías…

Imaxino que algo que tivese que ver coa educación social, non sei se educadora exactamente… Aínda que até os seis anos quixen ser pediatra. Estaba profundamente namorada da miña médica e quería seguir os seus pasos. Dá a vida que logo recuei.

Avatar

Ernesto Is

(Xixón, 1988) É dramaturgo, narrador oral e docente. Premio Abrente (ex aequo) con 'Fendas' e Premio Rafael Dieste con 'Despois das ondas'. Foi seleccionado polo INAEM no Programa Dramaturgias Actuales ('El hombre que soñaba con elefantes en las estrellas'), no grupo de escrita teatral DramaturXA do CDG ('Onde veñen morrer as baleas') e na bolsa Nuevas Dramaturgias de Euskadi ('Canciones amarillas para flores tristes'). Cofundador da compañía Feira do Leste, coa que estreou 'Exilio das moscas' e 'Tras Tannhäuser' (axudas á Creación Joven do INJUVE). Membro do consello de redacción da erregueté-Revista Galega de Teatro, colabora tamén coa Revista Grial e A Movida de Vigo.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Roberto Pascual

No confín de… Roberto Pascual

Castro | Nuno Cardoso

Xa se coñece o programa do Festival de Almada