in

O Festival Galicreques comeza mañá a súa 25ª edición con seis espectáculos

Velocíclopes
O XXV Festival Galicreques, organizado pola Asociación Barriga Verde, celébrase entre o 10 e 18 de outubro.

 

O Festival Internacional Galicreques, organizado pola Asociación Barriga Verde co apoio do Concello de Santiago, a Consellería de Cultura e Educación a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a Deputación da Coruña e do Instituto Nacional de Artes Escénicas y de la Música (Inaem), abrirá mañá sábado a súa 25º edición, que se celebrará até o próximo domingo 18 de outubro e contará con máis de corenta funcións. Nesta primeira xornada, o encontro internacional de monicreques ofrecerá un total de seis espectáculos que terán lugar na Carpa da Alameda, na Praza do Toural, na Praza de Praterías e no Parque de Vista Alegre, O espectáculo inaugural será Velocíclopes, unha ruada a cargo da compañía galega Fantoches Baj, que partirá ás 13.00 da Praza do Toural e percorrerá as rúas do casco antigo.

Media hora despois, ás 13.30, abrirase a xa tradicional Carpa da Alameda do Festival Galicreques, que inaugurará a actividade deste 2020 coa peza Crucru Show, de Sofía Ferrari. Este espectáculo contará cun segundo pase ás 17.00, na Praza de Praterías, dándolle ao público unha nova oportunidade de gozar co talento desta artista arxentina.


Publicidade

Ás 14.00, tamén na Praza de Praterías acollerá o espectáculo Os limpabotas, da compañía galaico-francesa Moving Compass, unha peza de máscara e teatro en movemento que nos presenta a dous personaxes, Nino e Mambrú, que son os dos últimos representantes do seu gremio. A peza, para todos os públicos, terá un segundo pase ás 18.00 no Parque de Vista Alegre, nos exteriores do edificio SGAE.

Finalmente, a programación do sábado concluirá ás 19.00 na Carpa da Alameda coas pezas O barbeiro e A tourada, dous espectáculos de monicreques que forman parte da tradición do Dom Roberto portugués. O artista luso Rui Sousa será o encargado de representar estas dúas obras para todos os públicos, cunha duración duns corenta minutos.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Congreso Teatro Galego

O Consello da Cultura presenta o seu informe sobre as artes escénicas no Congreso do Teatro Galego

Curvaespaña35 |

Experimentación escénica na apertura do FIOT en pausa