in , ,

‘A xente 2.0’, ‘Liberto’ e ‘Prostitución’ pechan esta fin de semana o FIOT en pausa

Prostitución | Andrés Lima | Carmen Machi, Nathalie Poza y Carolina Yuste
O Fiot en pausa pecha esta fin de semana a súa programación. O programa promovido pola Asociación Cultural Telón e Aparte en colaboración co Concello de Carballo acolle desde este venres 16 ao domingo 18 de outubro unha intensa oferta para a fin de semana que inclúe espectáculos destacados do panorama escénico galego e estatal como Liberto e Prostitución e a estrea de A xente 2.0, primeira montaxe de Amorodos Producións.

 

A fin de semana comezará coa estrea absoluta de A xente 2.0 da man da compañía Amorodos Producións, formada por María Vázquez e Vítor Duplá. Trátase dun proxecto que explora novos formatos  e que, nesta ocasión, presenta a adaptación realizada pola propia Vázquez dun texto de Pérez e Disla, finalista dos XII Premios Max. A través dunha experiencia grupal na que o público asiste cos intérpretes a unha asemblea, A xente 2.0 pon en cuestión o propio concepto de participación e as súas metodoloxías á hora de transformar a realidade.

O sábado 17 a vez será para Liberto, de Rebordelos Producións, no Pazo da Cultura. Dirixida por Tamara Canosa sobre un texto de Gemma Brió, Liberto é unha das propostas destacadas dos últimos meses na escena galega. Cun elenco conformado por Rocío González, Cris Iglesias e Lucía Aldao, o espectáculo pon sobre a mesa un relato silenciado sobre a maternidade como é a morte perinatal.

Por último, o domingo 18 o traballo de teatro-documento porá o ramo a esta edición do FIOT en pausa. Baixo a dirección de Andrés Lima, Prostitución é unha proposta teatral, musical e documental “que nace na rúa e chega ao escenario”. O propio Lima, xunto a Albert Boronat, asina unha dramaturxia construída a partir de textos e testemuños reais e un proceso de investigación no que participaron tanto o equipo técnico como artístico. As galardoadas Carmen Machi, Nathalie Poza e Carolina Yuste , a través da ficción e da música ao vivo, procuran dar voz a quen consideran as verdadeiras protagonistas: as prostitutas.

 


Publicidade

Metro Cadrado e FIOT Fónico

O Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, cita de apoio á creación escénica de novos formatos e ás compañías e artistas emerxentes, tamén pechará a súa cuarta edición o sábado 17 con dúas propostas da man de Helena Salgueiro e Constance Hurlé.

Por unha banda, Helena Salgueiro presentará no Salón de Plenos da Casa do Concello de Carballo Ferro, Federici (unha introdución): un poema escénico no que a danza e a poesía conflúen nunha peza baseada nas ideas da escritora e activista Silvia Federici. De igual modo, Constance Hurlé estreará Lara Hierro: monólogo para o corpo en movemento, unha performance sobre a realiade vivida durante o confinamento a través da experiencia da súa protagonista.

Xunto con estas pezas, o FIOT en pausa amplía o número de funcións da ficción sonora que inaugura o proxecto FIOT Fónico con A lúa, válvula de spray. Trátase dunha dramaturxia de Rosalía Fernández Rial que dirixe Quico Cadaval e que pon en relación o teatro coa arte urbana de Carballo. O público interesado en asistir a algunha das sesións poderá solicitalo previa reserva vía whatsapp (600 008 235). Unha vez que a organización confirme a praza por esta canle, as asistentes deberán descargar no seu teléfono móbil a aplicación Carballo a un paso e introducir o código que se lle facilite desde o FIOT para poder gozar do teatro sonoro á hora do inicio da función.

Na imaxe: Prostitución, de Check-in Producciones

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Carlos Labraña

Carlos Labraña gaña o II Premio Platta – Galicia 2020

D6C4278 |

O Teatro do Noroeste-CDV presenta o IV Festival de Teatro de Viana do Castelo