in

Bajazet, considerando o Teatro e a Peste

Bajazet | Castorf
Mathilda Olmi

Miraxes

 

Existen dúas formas de chegar a Despina: en barco ou no lombo dun camelo. A cidade preséntase diferente segundo cheguemos a ela por terra ou por mar. Se atracamos na súa costa neboenta, a silueta das casas recortadas contra o ceo semellarán as xibas dun camelo. Porén, se cruzamos a entrada amurallada montados sobre o animal, as roupas que secan penduradas das ventás transformaranse nas veas dun navío a piques de partir. Cada viaxeiro/a que chega a Despina recibe a forma do deserto oposto polo que vén. Así imaxinaba Italo Calvino, hai anos, a maxia das miraxes en As cidades invisibles, nunha das partes dedicadas ás cidades e aos desexos. Porque un espellismo é, na súa esencia, iso: un desexo, unha ilusión (‘una sombra, una ficción’, engadiría Calderón), o engano que a refracción da luz provoca no noso ollar coa aparición de visións irreais.

Ao longo das catro horas que dura a representación de Bajazet, considerando o Teatro e a Peste, o director berlinés Frank Castorf ofrécenos un continuo xogo de ilusións sobre as táboas. Ilusións que se sustentan nunha posta en escena, en principio, simple: proscenio espido para que as intérpretes desenvolvan os longos parlamentos en verso; un enorme retrato do sultán Amurat, ausente do seu reino por mor da guerra, mais cunha presenza absoluta na trama, tal e como indican os seus ollos perforados por pequenas luces e o luminoso Babylon 0-24 a modo de comercio aberto de sol a sol; unha tenda azul que semella un burca; caixas con mercancía comestible; unha gaiola con rodas; numerosas burras para a roupa con fermosos vestidos pendurados; e todo o chan cuberto de palla. As ideas a transmitir co espazo son claras: estamos en movemento, non hai estabilidade, as emocións e as persoas poden mercarse, todo ten un prezo.

Castorf aglutina a acción desta traxedia nun mesmo espazo que oculta moitos outros lugares onde os personaxes actúan dun xeito visceral, amosando as súas verdadeiras intencións. O interior da tenda é o serrallo destinado ás mulleres da corte. As partes traseira e lateral do retrato do sultán agochan unha cociña completamente equipada, unha máquina expendedora de Coca-Cola e un banco cun gran anuncio do bourbon Wild Turkey (Pavo Salvaxe ou, ironicamente, Turco Salvaxe), só visibles a través das imaxes que a cámara –personaxe fundamental– amosa nunha pantalla. Incluso o exterior do edificio teatral, a Praça da Batalha de Porto, intégrase na acción coas saídas e entradas dos personaxes desde a rúa, deambulando polas tripas labirínticas do São João até chegar ao corazón mesmo do palco.

A iluminación de Lothar Baumgarte é sinxela, mais efectiva. Sobre a escena contrastan os claroscuros cenitais e laterais cos luminosos de neon integrados na escenografía (todos eles logotipos de recoñecidas empresas do sistema capitalista: Opel, Wild Turkey e Coca-Cola), e nos espazos interiores onde só chega a cámara, apoia ao aparato de vídeo no rexistro de imaxes, volvéndose cálida ou fría en función do ton e do lugar onde estea a desenvolverse a acción. Cabe destacar a fantástica escena na que, no interior da tenda da sultá Roxanne (Jeanne Balibar), ela e Bajazet (Jean-Damien Barbin), xunto ao visir Acomat (Mounir Margoum), se drogan cunha cachimba. Os movementos flotantes da cámara de Andreas Deinert, a interpretación tola e desencaixada dos tres intérpretes, a guitarra lisérxica de William Minke e o material do que está feita a haima (veludo azul) remítenos ao universo cinematográfico de David Lynch. Estas atmosferas desconcertantes, alucinóxenas, son unha constante do espectáculo e están vencelladas a determinados monólogos descarnados dos personaxes fronte a un espello ou directamente á cámara, a cal actúa como reflexo artaudiano da realidade: “Todo o que actúa é crueldade. É en base a esta idea de acción extrema levada ao límite que o teatro debe ser renovado”. [1]

A interpretación das actrices e dos actores enmárcase, tamén, na liña teórica do Teatro da Crueldade de Artaud. O artista francés buscaba recuperar os poderes específicos do teatro a través da linguaxe. Unha linguaxe a medio camiño entre o pensamento e o xesto dinámico no espazo: entoacións, pronunciación específica da palabra, movementos, actitudes, palabras transformadas en signos, berros… E así acontece no Bajazet de Castorf. A adaptación que o director alemán fai desta traxedia exacerbada de Racine (escrita en 1672), casa perfectamente coas ideas artaudianas, e as magníficas interpretacións do elenco, por veces intimas, por veces tolas, son o claro exemplo de como desde a visceralidade e a desmesura pódense transmitir emocións naturais, coas que é posible empatizar, sen caer no temido cliché ou na sobreactuación.


Publicidade

As intrigas políticas e amorosas do pazo que acontecen no pentágono de relacións/accións que conforman Roxanne, Bajazet, Atalide (magnífica Claire Sermonne), Acomat e Osmin (Adama Diop), aproxímanse, por momentos, aos códigos da telenovela/melodrama, sen traizoar ao medio escénico no que se desenvolven. Os múltiples cambios de vestiario, a utilización de perrucas, coroas e demais atrezo para transformar o status dos personaxes, o body painting, o traballo con máscaras (hilarante a conversa silente entre as caras de papel de Emmanuel Macron e Donald Trump), o traballo coa dramaturxia sensorial a través dos diferentes cheiros que se producen coa cociña en directo ou o fume das drogas, a musicalidade do verso recitado, así como a contorsión imposible dos corpos e os cambios no timbre de voz dos intérpretes, non fan máis que acrecentar a teatralidade da proposta de Castorf.

Cruzar un deserto non é unha tarefa sinxela. Vai calor, a area impídenos avanzar e o desánimo e o medo apodéranse de nós cando quedamos sen provisións e a liña do horizonte vólvese repetir, infinita, unha e outra vez. Porén, é unha experiencia única. Ás veces podemos atopar unha haima na que descansar e refrescarnos cun té ou, talvez, unha caravana de camelos coa que provernos de víveres. E sempre estarán as miraxes. Esas ilusións que nos fan ver oasis onde só hai dunas, cidades amuralladas en vez de rochas, persoas no canto de sombras. Falsas e traizoeiras, si, mais necesarias para permanecer alerta e poder chegar, deste xeito, á nosa meta. O mesmo tipo de ilusións que quero atopar cada vez que sento nunha butaca e as luces da sala se apagan.

 

[1] Antonin Artaud, El teatro y su doble (ed. Edhasa)

Bajazet, considerando o Teatro e a Peste, Frank Castorf (a partir de textos de Racine e Artaud)

Dirección e adaptación: Frank Castorf
Textos: Jean Racine e Antonin Artaud
Citas: Blaise Pascal e Fiódor Dostoievski
Interpretación: Jeanne Balibar, Jean-Damien Barbin, Claire Sermonne, Mounir Margoum, Adama Diop e Andreas Deinert (cámara)
Escenografía: Aleksandar Denić
Figurinos: Adriana Braga
Vídeo: Andreas Deinert
Asistente de son: Glenn Zao
Música: William Minke
Deseño de luz: Lothar Baumgarte
Produción: Théâtre Vidy-Lausanne (Suíza), Maison de la Culture de Seine-Saint-Denis (Francia)

Teatro Nacional São João, Porto. 18 de decembro de 2020.

Avatar

Ernesto Is

(Xixón, 1988) É dramaturgo, narrador oral e docente. Premio Abrente (ex aequo) con 'Fendas' e Premio Rafael Dieste con 'Despois das ondas'. Foi seleccionado polo INAEM no Programa Dramaturgias Actuales ('El hombre que soñaba con elefantes en las estrellas'), no grupo de escrita teatral DramaturXA do CDG ('Onde veñen morrer as baleas') e na bolsa Nuevas Dramaturgias de Euskadi ('Canciones amarillas para flores tristes'). Cofundador da compañía Feira do Leste, coa que estreou 'Exilio das moscas' e 'Tras Tannhäuser' (axudas á Creación Joven do INJUVE). Membro do consello de redacción da erregueté-Revista Galega de Teatro, colabora tamén coa Revista Grial e A Movida de Vigo.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

CDG sistema de streaming

O CDG emitirá espectáculos en liña grazas a un novo sistema de streaming

Sobresemento da causa contra Carlos Santiago

Sobresida a causa contra Carlos Santiago