in

O CDG emitirá espectáculos en liña grazas a un novo sistema de streaming

CDG sistema de streaming
O Centro Dramático Galego instalou na súa sede compostelá do Salón Teatro un sistema de cámaras e de realización ao vivo que permitirá tanto a gravación dos espectáculos como a súa emisión en streaming. Con esta medida, que desde a compañía pública sinalan como pioneira na nosa Comunidade, a institución súmase á transformación dixital para facilitar a accesibilidade e a internacionalización dos procesos creativos.

 

Esta instalación, que equipara o Salón Teatro con outros espazos internacionais, está composta por catro cámaras con calidade 4k, das que dúas son fixas e outras dúas están monitorizadas, ao tempo que vén solucionar os problemas de conectividade do edificio, situado no casco histórico da cidade de Compostela. Deste xeito, poderanse captar imaxes do que acontece no escenario desde varios puntos de vista e con distintos planos, desenvolvendo unha realización en directo para a súa emisión simultánea.

O sistema de transmisión en liña estrearase coa produción propia O charco de Ulises, que están a dirixir Marián Bañobre e Santiago Cortegoso para o CDG. En concreto, poderase seguir en liña a función inclusiva do espectáculo, programada para o domingo 24 de xaneiro e que contará, así mesmo, con interpretación en lingua de signos.


Publicidade

Con esta medida, a sede do Centro Dramático Galego dispón dunha ferramenta que favorecerá o contacto co público e mais o traballo dos creadores, garantindo a accesibilidade á programación do Salón Teatro a aquelas persoas que non poidan asistir fisicamente ás representacións, tanto por motivos xeográficos como de mobilidade, ao tempo que facilita o labor de promoción e difusión do teatro galego.

Este avance tecnolóxico supón tamén un apoio nas fases de creación e produción, xa que lles facilita un instrumento aos equipos de dirección para documentar os procesos artísticos, realizar actividades de mediación cultural, experimentar formatos híbridos conxuntamente con outros espazos internacionais ou mesmo buscar unha visión ou colaboración externa de profesionais que non se poidan desprazar até Compostela.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Allea proxecto transmedia de Xosé Leis

Presentación en Coruña do proxecto ‘Allea’ de Xosé Leis

Bajazet | Castorf

Bajazet, considerando o Teatro e a Peste