in

O que fracasa

Foto Pablo Carrera

Estamos demasiado acostumados a triunfar e vivir na onda infinita do éxito aparente non nos está beneficiando. Podemos entrar en grandes debates filo-políticos sobre este tema. Debater e pensar sobre o ritmo de vida, o sistema económico ou as precariedades laborais son obrigas, pero este tipo de conversas non acaban nunca de chegar a un lugar de luz o suficientemente construtivo.

Onde quero poñer o foco, agora mesmo e con estas liñas, é no fracaso. Penso moito nel porque son unha persoa que o fixo e o fai moito. Tal vez agora menos, pero son moi experto en que as cousas non acaben de saír ben. Non pasa nada, durmo pola noite, pero son consciente de que, tal vez, se tivese errado menos, tampouco pasaba nada.

Ollo con isto. O éxito e o fracaso son termos moi perversos. E adoitamos entendelos cunha perspectiva liberal-norteamericanista que eclipsa o lado humano da relación entre estes dous conceptos.

Sen perdernos en preguntas infinitas sobre iso, o importante é que as posibilidades de que un proxecto funcione son, en realidade, bastante baixas. Que algo poida gustarlle a moita xente, de moitas idades e realidades diversas, é, se o pensas con algo de perspectiva, case un milagre. Atinar en elementos que nos conecten como seres humanos é cada vez máis complexo.

Levo moitos anos acostumado a expoñerme e a meterme en “saraos” que non chegaron a ningún sitio. Podería ter dito que non máis veces. Por que non o fixen? Porque no seu momento parecían pasos cara adiante. Agora tería actuado diferente, iso seguro. O que non quero e pretender que moitas desas cousas non pasaron nunca. E debe ser así.


Publicidade

Ocultamos moito o que non sae ben. É máis, ás veces parece que ninguén fai nada mal nunca e que todo sae sempre fabulosamente. E iso é terriblemente triste, porque debemos ser esixentes coas cousas que facemos e onde máis se aprende é nos erros.

Supoño que todos os non-éxitos da miña vida foron fabricando en min unha óptica diferente sobre aquelas cousas que si funcionan e si teñen éxito. Ás veces aparecen proxectos que saen á luz grazas ao traballo inconmensurable de grandes profesionais. E que ben e que bonito e canto talento… e canta envexa.

Ao igual que fracasar, creo que tampouco pasa nada por envexar. Eu envexo moitas cousas e disfrazo o sentimento cunha aparente indiferenza cando por dentro sinto… rabia por non ser eu. Pero canalizo iso cara a un lugar que implique buscar ser mellor, tanto na vida como no meu oficio.

Invito a repensar a relación entre o que é o éxito e o que é o fracaso. E como gran fracasador que son, animo a seguir as instrucións de Samuel Beckett e fracasar moito e ben. E así, cando deamos coa tecla correcta nalgunha obra, nalgún texto, ou no que sexa, será moito máis bonito.

Pablo Carrera Simón

Pablo Carrera Simón

(Vigo, 1991) Master en Artes Escénicas polo Instituto de la Danza Alicia Alonso & URJC. Graduado en Interpretación Textual e Dramaturxia pola ESAD de Galicia. É un dos fundadores da Asociación Galega de Commedia dell'Arte. Actor, docente e condutor de furgonetas, o que sexa necesario. As palabras fante conservador ou revolucionario. E nesas andamos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Malasombra

AGADIC apoiará a 30 compañías coas axudas á creación escénica 2021

Falece Francisco Pillado Mayor

Falece Francisco Pillado Mayor, figura clave na dignificación do teatro galego