in

Francisco Pillado Maior e o teatro

Estampa de Circo. 1974. Luís Seoane
Estampa de Circo. 1974. Luís Seoane

Non son as cousas nin os bens materiais o que permanece, son os feitos e os bens inmateriais. “Car la mort et les choses sont liées, car la mort e la matière morte ne font qu’un: comme le dit si magnifiquement Bossuet: Tout ce qui se mesure périt”, como escribe o dramaturgo Valère Novarina (Porque a morte e as cousas están ligadas, porque a morte e a materia morta son unha, como o di magnificamente Bossuet: Todo o que se mesura perece). O que quero compartir aquí non se pode medir, nin pertence ao ámbito do que caduca, do que se compra ou do que se vende, vai alén das modas e das tendencias. Quero tentar describir o legado vital que nos deixa un ser excepcional, con quen tiven a sorte de compartir algunhas teimas e algúns momentos inesquecíbeis. Trátase de Francisco Pillado Maior (1941-2021).

El foi un dos artífices principais para que isto das artes escénicas en Galiza puidese darse, malia ao contexto político maiormente adverso ou pouco facilitador. Non esquezamos que a cultura galega subsiste baixo a presión da cultura española en castelán e a globalización homoxeneizadora. O apoio económico, a difusión mediática, etc. son tan desiguais que a literatura e o teatro galegos, a danza e outras manifestacións artísticas de noso, sempre quedan relegadas a un segundo plano fronte á literatura e o teatro españois en castelán, ou á danza que se produce e difunde en lugares cunha maior aposta e prestixio das escénicas.

Xa en tempos de prohibicións e dificultades máis extremas, o mozo Pillado foi impulsor de iniciativas fundamentais para a renovación estética e política do teatro galego, como a Agrupación Cultural O Facho (1965), a Escola Dramática Galega (1978), a sala Luís Seoane (1980) ou Elsinor Teatro (1990), ao lado do seu colega o dramaturgo Manuel Lourenzo (1943).

Publicidade

Lourenzo e Pillado son os autores da primeira historia do teatro galego, publicada en 1979 en complicidade con Isaac Díaz Pardo, na editorial Ediciós do Castro, da prestixiosa empresa de cerámicas de Sargadelos. En 1982 tamén publican Antoloxía do teatro galego, en Ediciós do Castro, abarcando desde a peza fundacional da nosa literatura dramática, Entremés famoso sobre a pesca do río Miño (1671) de Gabriel Feixóo de Araúxo, ata pezas de principios dos 80 de Euloxio Ruibal, Roberto Vidal Bolaño, Camilo Valdeorras, Millán Picouto e o propio Manuel Lourenzo.

Pillado embarcouse, durante toda a súa vida, na case utópica e colosal tarefa de facer país para o teatro, porque sen teatro non hai país. Só coa literatura Galiza acabaría por ser unha lenda pechada nos libros. Co teatro, a palabra en acción, Galiza encárnase, revélase con v e rebélase con b. Desde unha sensibilidade e unha cultura moi amplas, foi un dos primeiros e principais editores relacionados coas artes escénicas, sempre atento e xeneroso.

Desde finais dos 70 ata mediados dos 90 foi director dos Cadernos da Escola Dramática Galega, a lado, tamén, de Manuel Lourenzo, como coordinador. Neles viron a luz obras teatrais históricas que estaban inéditas ou eran inaccesíbeis, así como pezas orixinais do momento, pequenos ensaios sobre diversos aspectos, traducións ou versións de obras de Antón Chékhov, Bertolt Brecht, etc.

Cando eu comecei a facer teatro en Becerreá (Lugo), foi nos Cadernos da Escola Dramática Galega, que chegaran á biblioteca do colexio, onde atopei as primeiras obras que me serviron para xogar en escena. Petición de man de Chékhov, na versión de Pillado Maior e As aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela de Manuel María. Aínda podo dicir de memoria algunhas réplicas de ambas.

A principios do 2000, Pillado dirixe Cadernos de Teatro, coa coordinación de Lourenzo, nos que seguen publicando na mesma liña que os da Escola Dramática Galega e facilitando a incorporación de nova autoría de textos teatrais. Igual que acontece coa revista anual Casahamlet, cuxo número 1 aparece en 1999 e que se publica ata 2012, cada número arredor dun tema monográfico, cun apartado teórico e outro de creación de pezas breves, cunha factura editorial moi atractiva, debido ao deseño e ás ilustracións.

Outro libro imprescindible de Francisco Pillado Maior e Manuel Lourenzo é Dicionário do teatro galego. 1671 – 1985, publicado por Sotelo Blanco en 1985. Neste volume gárdanse as referencias principais dunha época fundamental. Botando un ollo ás súas páxinas decátome de que, sen este volume, algúns nomes e algúns eventos, que forman parte da historia do teatro galego, probablemente hoxe terían desaparecido.

A parella Manuel Lourenzo, dramaturgo, director e actor, e Francisco Pillado, estudoso, editor e promotor, facía un tándem que foi e é moi importante para o teatro galego, pola súa complementariedade e complicidade, pola súa visión global e completa do fenómeno artístico. A erudición, os ensaios teóricos, a edición de textos facíase desde unha perspectiva absolutamente implicada coa práctica escénica. Cada vez que leo algún escrito de Pillado Maior observo esa perspectiva, na que o estético e o político, o humano e o artístico, resultan indisolubles.

Pillado estudou, por exemplo, o teatro de Luís Seoane, sobre o que publicou un ensaio en 1985. Tamén o traballo Contribución de Luís Seoane ao teatro galego, análise da súa obra gráfica, literaria e teórica, polo que recibiu un recoñecemento no III Premio de Investigación Teatral, organizado pola Aula de Teatro da Universidade de Compostela.

A súa faceta como tradutor tamén é moi relevante. Eu lin Á espera de Godot de Samuel Beckett en galego a través da súa tradución. Tamén traduciu ou versionou pezas de Molière, Michel Ghelderode, Jean Genet, Eugène Ionesco, Antón Chékhov, Osvaldo Dragún, Luís Seoane.

Publicidade

No mundo da edición foi e aínda continúa sendo central o papel da Editorial Laiovento. Na súa fundación en 1990 participou Francisco Pillado Maior, xunto a Xosé Manuel Beiras, Pepe Carreiro, Xesús Couceiro, Manolo González Millares e Afonso Ribas, actual director, desde que Pillado deixou a dirección en 2014.

Pillado Maior era un home atento a todo o que se movía no ámbito do teatro. Desde a publicación da miña primeira obra, Agnus patris (Edicións Xerais, 2002) e do meu primeiro libro de ensaio, O ritmo na dramaturxia. Teoría e práctica da análise rítmica (a partir da primeira dramaturxia galega en verso), publicado na colección Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Maior da Universidade da Coruña, en 2005, unha colección que recibe o nome da valiosa biblioteca que Pillado cedeu á Universidade. Desde entón, sempre estivo atento a todo o que eu escribía e convidoume, en reiteradas ocasións, a publicar en Laiovento. Podo dar fe do seu altruísmo e sensibilidade especial, porque o primeiro texto que me publicou en Laiovento, a obra titulada Crio-Xénese, en 2007, é unha peza posdramática totalmente inhabitual, que saía cun fermoso prólogo de Manuel Lourenzo, titulado “A cor do silencio”.

Laiovento foi a miña casa editorial mentres Pillado Maior a dirixía e aínda hoxe a considero casa. Nela viron a luz, ademais de Crio-Xénese (2007), Dramatículas (2010), Textículos dramáticos e posdramáticos (2013) e o ensaio Roberto Vidal Bolaño e o xogo do teatro (2012), que fai o número 300 da editora.

En Laiovento podemos encontrar libros fundamentais, como Teatro ignorado de Ramón Otero Pedrayo, en edición e estudo de Aurora Marcos. Unha alfaia da dramaturxia galega, composta por pezas breves onde o arcaico e a vangarda, o real e o fantástico, se tocan.

Tamén en Laiovento está o volume colectivo titulado Banqueiros (2012), coordinado por Pillado Maior, no que publicamos pezas breves un amplo grupo de dramaturgas/os, poñendo en solfa a denominada “crise económica”, da que aínda non acabamos de levantar cabeza.

Pillado escribía na contracapa de Banqueiros:

“Parece evidente que, cando falamos de ‘crise’, estamos a empregar un vulgar eufemismo tras o que se agocha un calculado e programado saqueo da mafia financeira internacional para acabar de vez cos logros acadados pola clase traballadora no decurso dos séculos: Seguridade Social, ensino e sanidade públicos, dereito a un traballo digno, vacacións remuneradas, etc. […]

O Teatro – xunto cos púlpitos – foi secularmente, por mor do elevado índice de analfabetismo, o principal medio de comunicación de masas… Por esa razón, consideramos que, nas actuais circunstancias, o xénero dramático debe recuperar ese necesario protagonismo, denunciando o que outros silencian, ocultan ou manipulan.”

Recordo a paixón contida e o brillo nos ollos de Pillado con este e con outros proxectos. Recordo como Pillado vía no teatro un posible lugar de liberdade de expresión, á marxe dos intereses das grandes corporacións.

Recordo os momentos compartidos nas presentacións dos libros, sempre tan afable e sorrinte, cun aquel de sabio despistado a quen, contraditoriamente, non se lle escapaba nada do realmente importante.

Pillado Maior lía cada semana os meus artigos en El Periódico de las Artes Escénicas y Visuales. Artezblai. Seino porque mo dicía e porque, en moitas ocasións, me escribía para comentar algúns e para pedirme que os xuntase nun libro. Eu agradecíallo, porque non é fácil encontrar a alguén que te lea e que, de maneira desinteresada, teña o detalle de comunicarse contigo para expresarche a súa gratitude e para animarte.

Hoxe, de maneira un pouco desordenada e incompleta, intentei escribir sobre a vida mellor que Francisco Pillado nos deixou. Creo que merece que comparta contigo o meu testemuño sobre a súa persoa e o seu facer. Creo que a morte non o leva todo por diante. Este artigo non é máis ca unha pequena contribución a iso: ao que a morte non pode levar.

Publicidade
Publicidade
Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Mención Honrosa no Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2019 do Festival de Almada (Portugal, 2020).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Festival de Títeres de Redondela

O Festival de Títeres de Redondela programa máis de 40 actividades do 1 ao 5 de setembro

Danza no Claustro Solo Dos

SóLODOS celebra a 9ª edición de Danza no Claustro