in

A verdade da tía Concha

Concha
Fotograma de 'Zelig' (1983), filme de Woody Allen

Irene dedícase ao mesmo que a tía Concha! —sentenciouse na sobremesa.

A miña cabeza fervía sen permiso… A tía Concha sería unha cabareteira dos anos 20, unha empresaria teatral, escribía para gañar a vida… Curioso, supoñía que “directora teatral” non ía ser, o descoñecemento da profesión e a difícil situación de poder vivir só diso, facíame visitar traballos lindeiros que, por outra banda, a día de hoxe non teño claro se desempeñei na vida laboral. E nesas andaba cando fixen a pregunta pertinente: a que se dedicaba a tía Concha?

—A túa tía avoa Concha era bruxa e recibía xente na súa casa para… A ver como o explico… Para contactar cos mortos.

—Ostras, que fábula familiar! —escapóuseme.

—Non, o tema estaba estudado. Tiña un sistema organizado xunto co seu home, o teu tío. Estaban combinados para que o engano funcionase. O tío estaba no faiado e, aos sinais da Concha, que adoitaban ser golpes de bastón ou frases en alto, comezaba o seu traballo: andar polo piso de arriba, arrastrar cadeas e demais efectos sonoros do alén. En resumo, Irene, que enganaba á xente, como o que fas ti no teatro. Con iso gañaba a vida.

Entón, dei en pensar que tiñan razón. Un dos obxectivos do teatro é enganar moi ben ao público, tan ben que no tempo que dure a función non o cuestionemos. Buscamos o engano incansablemente, a través da verdade na dirección actoral, artellando historias e situacións incribles que sexan críbeis, facendo teatro documento e incluso facendo falso teatro documento. E aquí sempre me vén á cabeza a referencia cinematográfica de Zelig, do máis que cuestionábel Woody Allen; aínda que tamén a montaxe Isabella’s Room da Needcompany, co marabilloso Jan Lawers á fronte. Tamén, pezas políticas coma Os piares das sociedades, de Elfriede Jelinek, onde escribe sobre Nora, propoñendo un malabarismo de ficción e historia contrafactual.


Publicidade

Teño que confesar que meu pai se enfada sempre que a familia fala así da tía Concha e fai unha defensa do seu traballo dicindo que non era un engano exactamente. O mesmo que pensarán moitas persoas cando lean esta Irreverencia sobre o teatro documento e sobre o teatro en xeral. E a verdade é que é certo, o teatro documento parte dunha realidade e a súa transdución ao escenario. E, nese traslado e nese termo, hai moito que cuestionar. Realidade xa é un concepto complexo dende a caverna: a realidade propia, das demais, dun feito, subxectiva, única, múltiple… E, despois, trasladar a un escenario, mudar a natureza dunha linguaxe a outra, que leva a carga de colocar todos os signos teatrais a favor dunha visión, dun discurso, dun punto de vista. É filosoficamente complexo. Ou sexa, intenso.

Isto non implica que o que pase na función non pase de verdade, e é aquí onde os extremos se achegan e o realismo máis “pureta”, de interpretar vivenciadas as emocións e a defensa do teatro-documento entregada á verdade sen mácula, rózanse eroticamente, sensacionalmente. Digo eu: o mellor será admitir que no escenario sempre hai engano e realidade convivindo, como o equilibrio precario que existe na visita a unha terapia na que sabes que van usar todos os medios posibles para que saias felizmente enganada, tanto que nin reparas no prezo, sexa da entrada ou da consulta.

Para enganar usamos moitos recursos: un pouco de verdade na información, estéticas con distanciamento, invocar a empatía do público, engaiolar coa interpretación, anestesiar con datos… Se cambio a palabra enganar por mentir, esaxerar… Xa nos recoñecemos no feito ou non é fascinante deixármonos arrastrar cando a  audiencia está entregada a escoitarnos unha anécdota?  Aquí, atopamos en nós a clave do pracer do engano. Ese vicio que se coa inesperadamente na vida cotiá e, despois, fai complexa a volta á honestidade. Ben, pois ese pracer no teatro é propio, por iso queremos facelo ben, enganar con permiso,  supoño que é unha perversión máis que sumar na listaxe.

Para marchar hoxe só que me restan dúas preguntas:

Será verdade o da tía Concha? É importante se é verdade ou non?

Irene Moreira

Irene Moreira

(Vigo, 1980) Directora de escena e profesora de arte dramática. Actualmente dirixe a compañía teatral Xerpo, e, xunto con Álex Sobrino, fundou a Sala Ingrávida (Porriño), da que foi responsable de programación. Imparte docencia na ESAD de Galicia, traballo que combina co podcast 'Radio Ingrávida' e a experimentación co novo teatro confinado.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Gustavo del Río

Gustavo del Río: “Para min é moi importante traballar sobre a diferenza. A necesidade de contar cousas que non son visíbeis”

front view books with glasses |

Convocado o VIII Premio de Textos Teatrais Varela Buxán