in

Falar todo o mundo do mesmo

Un momento da actuación de Tanxugueiras no Benidorm Fest. Foto de Rocío Cibes.
Un momento da actuación de Tanxugueiras no Benidorm Fest. Foto de Rocío Cibes.

Hoxe toca falar do que aconteceu onte no concurso ese do Benidorm Fest, no que elixiron a representante de España para o Festival de Eurovisión. Toca pensar e falar todo o mundo sobre iso e sobre o que iso significa. As redes sociais e algúns medios de comunicación ferven co asunto. As Tanxugueiras e a equipa artística galega, que presentou Terra, a primeira canción en lingua galega que podería ter ido a Eurovisión, gañou o voto do público, pero o Xurado da televisión española decidiu apostar por unha canción de letra machista. Terra de Tanxugueiras ofrecía unha peza inusual, con música de cerna tradicional actualizada e cunha mensaxe feminista e galeguista internacionalista. Pero o xurado optou, no musical, polo de sempre, e reforzando a imaxe da muller obxecto do heteropatriarcado.

Hoxe parece o máis importante iso. Quizais o sexa. Estes días toca ese monotema. E mañá a ver que toca. A ver que cancelo temos que poñer e que causa debemos asinar e exhibir.

As forzas superiores mándannos cinguirnos ao monotema que lles cadre mellor e nós tentamos, como sexa, estar ao día, estar á moda, subirnos a ese podio esvaradío para tentar colocar a nosa mensaxe.

Baixarse do trending topic, en que o noso exercicio de pensar se está a transformar, non é fácil. A nosa contorna empúrranos a iso e a disidencia cada vez se torna máis difícil.

Un amigo envíame unha mensaxe para dicirme que debo escribir algo para a erregueté sobre este asunto controvertido de Eurovisión e sobre o que supón para a nosa cultura, a galega, o que está a pasar.

Pero eu onte tiven a sorte de ir ver Sin la soga al cuello de Gonzalo Cunill ao Teatro Ensalle de Vigo. Unha peza na que, entre outras angueiras, se aborda ese peso de termos que parecernos todos, uns aos outros, de termos que falar todos de cousas semellantes, de termos que pensar tamén, máis ou menos, o mesmo. E como calquera que se aparte diso fica, cada vez, máis repudiado.

O meu amigo, cando lle contesto que non penso escribir sobre isto, dime: “Non podes ir de costas á realidade”. E ese é para min o principal problema. A realidade, na actualidade, volve ser unha soa. A que nos marcan as grandes corporacións e os medios de comunicación de masas. A realidade volver ser unha e grande e todas as persoas debemos pregarnos a ela e seguir as súas consignas. E así nos vai, claro. Nunca tan obedientes e submisos fomos!


Publicidade

O meu amigo ten un Máster en marketing e comunicación e na conversa dime tamén: “Se non te posicionas, non estás”.

Velaí o perigo. Velaí como o propio sistema nos pode eliminar. Mentres, seguramente, alguén saca tallada.

O meu amigo fai máis presión: “Ir contra aquilo do que se fala, cando afecta á cultura, é mirarse o embigo. O erro endémico da cultura que vai por riba da realidade. A que se afasta da xente. A que non conecta. A que morre por suicidio.” E con iso, o meu amigo, formado en xornalismo e militante dun partido político, outórgalle o poder á xente, como se a xente non se equivocase e si quen decide baixarse dese carro da maioría absoluta. Claro, os políticos e as empresas dependen da maioría, iso é certo. Non poden permitirse ser impopulares, aínda que ser populares, como se ten demostrado, tamén ten os seu perigos.

Como bo amigo, ante os meus retruques de asomo misántropo, dime que ese negarme é un exercicio de soberbia, de enfado de cativo. Porque lle dixen que eu non son a cultura nin nada diso. Pero o amigo non se rende: “Es cultura. Decidiches selo cando aceptaches facer o que fas”. “Pois agora decido non selo”, dígolle. E responde: “Coma un neno caprichoso. Son cultura cando quero.” E eu, cabezán, “Si, efectivamente, con esa liberdade do neno, caprichoso e, se callar, até absurdo.”

En fin, como non quero acabar como o Coriolano de Shakespeare, aquí tes o artigo. No que discutindo ese estrés de termos que arar todas polo mesmo rego que marca o choio do marketing e a comunicación (esa na que a xente non se mira aos ollos, a que trafega e trafica con datos, informacións e opinións ao seu servizo), acabo por sucumbir e sumarme ao clamor popular que se rebela contra o que onte pasou nese concurso da televisión española. Galiza non vai representar a España en Eurovisión e o aparato de publicidade, que tería sido para a nosa lingua e a nosa cultura ese escaparate, foinos negado. Vaia novidade, non si?  Tanxugueiras din que non hai fronteiras. Pois, velaí, que algunha aínda queda. Pero, como no verso de Novoneyra, a forza do noso amor non pode ser inútil.

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Mención Honrosa no Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2019 do Festival de Almada (Portugal, 2020).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Tanxugueiras Benidorm Fest |

There are no borders

'Bailar Agora'. Foto Mila Ercoli

O FETEGA abre o prazo de aceptación de propostas para a 33ª edición do festival