Na vida de Lois Tobío todo parece de película. Un breve repaso pola súa biografía ofrécenos emoción, valores morais, xiros de guión, acción… Nace no mesmo ano que a RAG e a Estrella Galicia, fillo dun mestre e unha fidalga de Viveiro; recala en Compostela para aprender música e alemán; estudando Dereito, gaña un premio ao mellor expediente universitario da súa promoción; axuda a fundar o Seminario de Estudos Galegos; logo vai vivir e aprender máis Dereito a Berlín, onde entra en contacto con Margot Sponer, directora da sección hispánica do Romanisches Seminar da Universidade de Berlín e primeira persoa en realizar unha tese doutoral sobre a lingua galega, e onde fará de anfitrión de Vicente Risco na viaxe que deu pé a Mitteleuropa; diplomático na embaixada española de Bulgaria, no 37 témolo de Tenente na fronte do Ebro, polo bando republicano; o exilio lévaos, a el e a súa muller, a París, Nova York, A Habana, Mexico D. F… até acabaren en Montevideo, onde participa en programas de radio e na creación do Consello de Galiza; regresa no 63 e coa chegada da transición á democracia volve exercer de diplomático e comeza a se interesar pola figura do Conde de Gondomar, aquel ignorado diplomático do século XVII de quen semella ter herdado o dinamismo vital e o compromiso político. No 76 comeza a traducir o Fausto de Goethe, un proxecto co que andaba a voltas desque se fixera cun exemplar en 1921. É esta unha película das de antes. Das de John Ford. Ou David Lean. Un argumento épico.
Se nos poñemos ambiciosas, aínda poderiamos facer outro filme cuxo argumento se baseáse unicamente na súa tradución do Fausto de Goethe. Lois domina o alemán desde cativo e sabe que iso lle outorga unha responsabilidade para coa normalización da cultura galega. Como é un home de Nós, ou do SEG, que é o mesmo espírito, fai o que despois aprederíamos no ensino que facían: internacionalizar a cultura galega, poñer o país á altura de Europa, traer a Galiza ao centro do mundo. Goethe sempre estivo no centro do canon literario. O seu Fausto é un deses tours de force literarios e filosóficos que occidente empuña para crerse máis, unha das obras cimeiras da literatura universal de todos os tempos, resultado de máis de 60 anos de traballo por parte do romántico bávaro. Como texto dramático é unha desas catedrais do teatro imposible das que ten falado Vidal Bolaño como textos que precisamente por semellaren irrepresentables ofrecen un auténtico estímulo creativo para a dirección e a creación escénicas. Textos, como os de Valle, Otero, Pisón, Müller, que parecen estar pensados para ler ou recitar, pero que no fondo gardan un segredo sobre a verdadeira teatralidade antinaturalista e unha oportunidade para poderosas solucións imaxinativas.
Que poidamos gozar do Fausto de Goethe en galego desde o ano 1997 debémosllo en primeiro lugar aos 22 anos de esforzoso traballo de tradución de Lois Tobío, que non en van foi merecedor por Premio de Tradución Plácido Castro polo seu labor neste ámbito (tamén traduciu outro texto dramático canónico como Nai coraxe e máis os seus fillos, de Bertolt Brecht, ademais de Os sonetos de Orfeu de Rainer María Rilke); en segundo lugar, debémosllo á existencia dunha editorial como Laiovento, fundada e dirixida por outro incansable como foi o recentemente desaparecido teatreiro Francisco Pillado Mayor. Son persoas e proxectos que parecen de antes, de tan épicos que foron, agora que xa non hai épica e todo é rápido, banal, inmediato, individual e rentable.
Lingüísticamente, Tobío demostra o seu bo facer como traductor ao darnos unha versión chea de palabras patrimonias que en ningún momento cae no diferencialsimo hiperenxebrista. Antes ben, este Fausto de Tobío que agora reedita Laiovento é un regalo para o futuro da lingua, ao servir como modelo culto. É o que acontece coa tradución, que ás veces, sobre todo cando ten que recrear estilos pretéritos e elevados, contribúe máis que a escrita literaria contemporánea (tendente á oralidade) a crear un corpus de textos de referencia para unha expresión requintada nesa mesma lingua que non hai tanto alguén dicía que servía para as vacas pero non para as matemáticas. No caso dunha tradución teatral, e máis concretamente dunha tradución teatral dun texto antigo, o rexistro culto trascende o eido da escrita para conquistar forzosamente o da oralidade. Deste xeito, o Fausto de Goethe-Tobío ben pode servir como material de prácticas de dicción de galego culto para as persoas que estudan ou traballan interpretación actoral, e mesmo para xentes do mundo da esfera pública como eses representantes políticos que tanto necesitan aprender a falar minimamente ben a lingua que din protexer.
* Fondo Teatral da libraría Abrente
Este libro forma parte do fondo teatral da libraría Abrente, que conta con douscentos títulos relacionados coas artes escénicas galegas, e do que se seguirán a destacar diferentes libros nesta sección.