in ,

O festival PLATTA de Nigrán crea vencellos entre as tres linguas

O aniversario do casamento. Nova comedia Bracarense |
'O aniversario do casamento'. Nova comédia Bracarense. Imaxes de Pablo Iriarte.

A ceo cuberto, os espectáculos e as lecturas dramatizadas representáronse no Auditorio Municipal de Nigrán, mentres o curso de formación e as Mesas Platta tiveron lugar na Residencia de Tempo Libre de Panxón, situada nun enclave tan evocador como é a praia de Patos, coas Cíes e Cabo Home ao fondo. Xuntas, paisaxe natural e humana compartiron entre xeracións, todas estas experiencias que vos imos contar.

O acto inaugural foi presidido polo alcalde de Nigrán, Juan A. González, a presidenta da FEGATEA, Chelo Pampillón, e o director do CDG, Fran Núñez, gran coñecedor do teatro amador e ex-directivo da FEGATEA. A continuación, deu comezo o primeiro espectáculo.

Avelaíña Teatro, o grupo galego seleccionado para abrir o festival, tivo que ser substituído a última hora por enfermidade dun membro. Ocupou o seu lugar Escoitade Teatro, que pertence ao Centro Veciñal e Cultural de Valladares. Doro Piñeiro asina o texto e dirixe Dominó celeste ou “Que vai ser de ti Ernesto”, un espectáculo que se desenvolve no cuarto dun manicomio habitado por un personaxe que posúe un cerebro difuso e confuso. Esta persoa oe voces, voces que se espallan polo universo, lugar no que pululan centos, milleiros, millóns de neuronas desorientadas que discorren entre a nada existente e o todo fragmentario.

Tramando Teatro, da Asociación Cultural Cimbalaria, de La Bañeza, León, pasou o sábado unha peza de Santiago Cortegoso, 0´7 Molotov. Con acios no ambiente, un home e unha muller desenvolven un discurso político entre o neoliberalismo e a acción social. Os personaxes ispen os seus interiores para amosar pensamentos e recordos. Mentres todo isto acontece, o amor vai agromando a distinta velocidade. O actor Luis Sánchez e a actriz Belén García, nos papeis de El e Ella, acadaron unha magnífica interpretación e, dun xeito realista, desenvolveron personaxes tan opostos e tan cribles que conseguiron namorar e seducir ao público do auditorio.

Pola banda portuguesa, o domingo actuou o grupo de Braga, Nova Comédia Bracarense, coa obra O aniversário do casamento, a partir do libro Ópera-Bufa, de Fernando Pinheiro, que tamén asina a dirección. Baixo unha coidada escenografía, con proxeccións e un coche dentro do palco, un matrimonio vai de viaxe para celebrar o seu aniversario. A peza desenvólvese cun ritmo trepidante e nela xorden tensos diálogos de parella, do cotiá que, con humor, amosan as imperfeccións conxugais e tamén o amor que os une. Comenta o director que este texto foi escrito pensando na actriz e no actor que o interpretan, Helena Machado e Diamantino Esperança. Representada con tanta naturalidade e espontaneidade, máis que parecer unha representación teatral, dá a sensación de que, o que está a ocorrer no palco, podía suceder noutro lugar calquera. Un excelente espectáculo, moi coidado e traballado en todos os seus aspectos, que puxo ao público de pé respondendo cuns aplausos que transmitían un “muito obrigado pelo vosso trabalho”. Agardamos ver tamén, a segunda parte, que xa están preparando.

Cómpre sinalar os acordos realizados nas Mesas Platta sobre o número de convocatorias para os grupos que queiran participar en próximas edicións. Pasarán das tres actuais a unha única que abarcará as tres edicións.

Durante estes días, os distintos grupos que formaban as lecturas dramatizadas foron ensaiando un fragmento de Os doces anos da guerra, de Luísa Villalta, publicado no número 29 da erregueté. O domingo pola mañá leuse este texto nos tres idiomas que caracterizan ás tres comunidades.


Publicidade

Os primeiros en saír foron os e as lectoras castelá-leonesas, Amalia de Prado, Félix Nieto e Paco Guillén García, este último con acento portugués e seseo, que familiarmente adoptou na súa estadía no Brasil, e logrou achegarse, polo miúdo, ao cantar galego. Quen dirixiu esta lectura en galego foi Paco Pernas, de Petanaporta, que incidiu no espazo sonoro que circunda a peza.

O texto en castelán foi dirixido polo zamorano Rafael González, de Fénix Teatro e lido polos portugueses Ana Sousa, José Sousa, Helena Trindade, Manuel Silva, todas de Porta de Cena. Se na anterior lectura destacamos o espazo sonoro, este diferénciase na creación de espazos. Ao remate, Rafael González recordou ao seu compañeiro recentemente falecido, Javier Bueno Aparicio, membro do grupo de teatro Aquí se hace Teatro, de El Encinar, e moi querido dentro destes encontros nos que ten participado como representante de FETACyL.

A tradución da peza ao portugués, feita por Zé Paredes, dirixiuna María Meixeiro, de Porta de Cena, sendo interpretada polas galegas Yuyi Bastida, Mercedes Pardavila, Reyes López, Carmen Vega, con claras reminiscencias hippies, época que viviron os personaxes.

Nas Mesas Platta tamén se tomaron novos acordos para as lecturas. Cada grupo de lectura estará formado por membros das tres falas e non de dúas como se viña facendo ata o momento.

Na anterior Mesa Platta de La Bañeza, concordouse tamén, organizar regularmente un curso de formación en cada encontro. Un curso que reúna as características necesarias para propiciar a relación entre os participantes nas tres linguas. En Nigrán levouse adiante un obradoiro de maquillaxe impartido por Rubén Rodríguez Casal con máis de quince participantes do pobo e das tres federacións que aprenderon a facer feridas, postizos ou caracterización de personaxes fantásticos.

Durante esta fin de semana falouse un pouco de todo entre corredores. De como deben ser as lecturas dramatizadas; de como o termómetro marca o estado artístico en que se atopan as tres rexións, a túa, o teu grupo; de como as horas de ensaio incrementan o resultado final dun espectáculo; de como o novo goberno de Castela e León destina cartos de cultura para piñas taurinas… E sobre todo, como lle dicía o raposo ao Principiño, estes encontros son necesarios para crear vencellos, e así, segundo se aproxime o tempo, descubrir o que custa a felicidade. Agardamos atopar a felicidade nun novo encontro que se organizará entre o 16 e 18 de setembro en Viana do Castelo.

Xoán Carlos Riobó

Xoán Carlos Riobó

Director de escena e dramaturgo. Desenvolve a súa actividade teatral con grupos de adolescentes e adultos dentro do ámbito escolar e amador (Obradoiro de Teatro María Soliña, Teatro a Réplika e Teatro Aberto). Como dramaturgo ten publicados varios textos para crianzas e adolescentes en Edicións Fervenza: 'O retábulo das marabillas no país do chapapote', 'Acariñando os desexos' e 'A viaxe de Burhan: Éxodo'. Fundador da Mostra de Teatro Escolar de Cangas. Dirixe o Ciclo de Teatro Afeccionado do Morrazo. Membro dos grupos de traballo que organizan a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) e a Mostra de Teatro do Ensino Secundario do Morrazo (MOTESMO). É membro do consello de redacción da 'erregueté'.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Programación Titiriberia

Titiriberia di adeus á edición 2022 con Fantoches Baj, Alakrán e A Cova das Letras

Presentacion do festival Galicia Ilusiona |

Arranca o festival internacional de maxia Galicia Ilusiona