in

Desde Londres

The Globe Theatre Londres
Globe Theatre. Londres, Agosto de 2022. Foto: Afonso Becerra

Este mes de agosto ando por Londres e observo o fenómeno puxante dos teatros. Mes de agosto e practicamente todos os teatros funcionando a tope. Case todo teatro de texto e moitos musicais. Hai unha efervescencia nas rúas, arredor dos teatros, que me sorprende. Parecen lugares moi integrados na vida da cidade. Un dos seus valores de prestixio.

Case todas os espectáculos que consultei tiñan practicamente o oitenta e cinco ou noventa por cento dos billetes vendidos previamente. Os prezos non son nada populares. Por exemplo, The Seagull de Anton Chékhov no Harold Pinter Theater, ou The Glass Menagerie de Tennessee Williams no Duke of York’s Theatre, os billetes van dos £25  (uns 30 €) aos £186 (uns 220 €) e no caso dos musicais aínda son maiores os prezos. Porén, os teatros están cheos.

O aparato de mercadotecnia e publicidade é grande e o sector parece que emprega a moita xente e que dá diñeiro e dinamismo.

Vexo todo este fervedoiro e penso na miña cidade, moitísimo máis pequena que Londres, aínda que sexa a máis populosa de Galiza. Londres anda polos nove millóns de habitantes, polo tanto triplica á poboación de toda Galicia. Xa sei que non hai comparanza, pero resúltame inevitable e, á vez tentador, comparar.

Pensar en Vigo, co seu teatro público pechado practicamente desde finais de maio até mediados de setembro, faime pensar tamén no difícil panorama que teñen as nosas compañías e artistas para ofrecerlle á sociedade o seu traballo.


Publicidade

Creo que fai moita falta que os concellos de Galiza comecen a tomarse en serio a responsabilidade que teñen neste sentido. Analizar as posibilidades de que os teatros acheguen un valor ás cidades e que sexan un motor de dinamización en moitos aspectos. Creo que xa vai sendo hora de que as artes escénicas en Galiza deixen de estar na excepcionalidade e pasen a ser algo máis habitual.

Señor alcalde, non pode ser que para poder ter unha vida cultural máis estimulante e rica teña que marchar da cidade na que vivo, na que traballo e na que pago os meus impostos.

E que pasa con agosto ou cos meses de verán? Acaso non hai que alimentarse tamén no verán?

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2024, de prensa especializada, do Festival de Almada, organizado pola Câmara Municipal de Almada, do que tamén recibira unha Mención Honrosa en 2020.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

AMA 01 |

AMA. La terrible belleza | 38ª MIT Ribadavia

Festival Vaudeville Rendez-Vous Mort de riure

O circo (tamén) encheu as rúas portuguesas no 8º Festival Vaudeville Rendez-Vous