in , ,

8º Festival Dos Modos Nascem Coisas

O teatro e os concertos encheron os palcos e rúas de Albergaria-a-Velha

Fado Bicha scaled |
Fado Bicha

Festa, integración, pluralidade, visibilidade das minorías, artesanía e traballo en comunidade. As manifestacións artísticas que este ano nos ofreceu Dos Modos Nascen Coisas, en Albergaria-a-Velha, achégannos á cultura portuguesa, a afondar no seu modo de facer, de relacionarse. Escoitamos a respiración, como conviven todas as idades, a unión da mocidade coa experiencia, un xeito de construír futuro.

Nesta 8ª edición de Dos Modos Nascem Coisas, celebrada en Albergaria-a-Velha nos días 10 e 11 de setembro, temos que dar conta do pasamento e a lembranza da nosa querida Tucha Martins, muller creativa, loitadora e fundadora do festival xunto co seu compañeiro Victor Valente. Este acontecemento tan triste e doloroso provocou un cambio xeracional na dirección do festival, organizado pola Asociación Cultural AlbergAr-Te e, actualmente, coordinado por un equipo que lidera David Valente. Equipo mozo, mais cunha ampla experiencia na creación de proxectos musicais, performativos, comunitarios, de integración, para a primeira infancia ou pedagóxicos. Tiran con moita enerxía dunha programación plural, totalmente gratuíta e traen consigo ao público do presente e do futuro.

Victor Valente, por outra banda, comezou unha nova etapa na radio independente e sen ánimo de lucro, “1/4 de Estúdio”, que emitiu en directo desde o palco da música, na alameda 5 de Outubro, lugar onde se desenvolveron os espectáculos en distintos espazos ao ar libre, engadindo tamén, o Cine-Teatro Alba.

Teatro

Foron distintas as propostas teatrais que se programaron en Albergaria, mais o circo tivo un peso moi importante e o teatro para a primeira infancia programouse por primeira vez con ánimos de seguir apostando nas próximas edicións polos máis miúdos.

Sin remite, de Jean Philippe Kikolas xa é todo un clásico da compañía. O clown xestual e os gags cómico circenses apoderáronse do público de Albergaria que participou do xogo do actor e aplaudiu con forza eses momentos álxidos de complicados números de malabares con pelotas e raquetas ou cando se introduciu nun globo xigante. Quique Méndez crea un excelente personaxe, excéntrico e luminoso, baseado en Jacques Tati, e manexa cunha depurada técnica todos os obxectos que manipula, facendo deste, un excelente espectáculo, divertido, visual e participativo.

Há mar é a proposta que Wetumtum levou ao café do Cine-Teatro Alba, espectáculo para a primeira infancia. O músico João M. Bastos e a actriz Cacá Otto Reuss fixéronos viaxar por unha corrente de melodías e movementos entre diferentes ambientes mariños que se atopan ameazados.

Erva Daninha é unha compañía portuguesa de circo contemporáneo que explora distintas expresións das artes performativas con acabados moi particulares. En Rasto, Daniel Seabra e Vasco Gomes traballan os opostos nun espazo escénico redondo onde interactúan cun tractor. A máquina e a persoa vense obrigados a dialogar a través da acrobacia e a manipulación de obxectos. O rural e o industrial, a natureza e o urbano, mesturan os seus conceptos para integrarse.

O Sr Sabão, un personaxe divertido que anima e provoca a participación do público, percorreu a alameda 5 de Outubro cun artefacto con rodas, propio dun inventor enxeñoso e excéntrico, que expulsa pompas de xabón. Pais e crianzas brincaron cos distintos xogos que o Sr Sabão propuña e divertíronse arredor do caótico e ruidoso aparello.

MÚSICA

Na anterior edición, e debido á pandemia, os espectáculos desenvolvéronse no Cine-Teatro Alba. Este ano, a alameda 5 de Outubro, volveu converterse no espazo natural da música e do teatro. Baixo as sombrías árbores, subiron ao palco as Quatro de Nós, un proxecto de catro mulleres mozas que comezaron o seu periplo vocal na universidade. Teñen un variado repertorio a catro voces que abarca o jazz, a música tradicional, música antiga e música moderna. Tamén puidemos desfrutar do jazz coa agrupación Mira Trio. O Dj Gaiteirinho amenizou coa súa música os bailes da primeira noite, despois do remate das actuacións.

Fado Bicha sorprendeunos gratamente pola súa estética e temática, que dá visibilidade ao colectivo LGBTIQ+, nun canto de activismo transformador. Letras cargadas de poesía e reivindicación tratan temas como o racismo, a transexualidade, a violencia “taurina”, a dobre vida. Temas que desfrutamos e escoitamos con atención, e que podemos volver reproducir tanto en Cd como en vinilo, no seu traballo, Ocupação .


Publicidade

Un dos momentos máis esperados, como cada ano, foi o concerto que a Orquestra (IN)Quieta ofreceu no palco da alameda co seu entorno cheo de público. Esta orquestra está aberta a toda persoa ou colectivo que queira participar, reunindo, nesta ocasión, a máis de 80 persoas que deleitaron ao público con música, canto e ritmos de alegría en comunidade.

Más Companhias coa Banda Bingre Canelense ofreceron o concerto fin de festa no Cine-Teatro Alba, con músicos de distintas procedencias que mesturaron os instrumentos clásicos cos eléctricos, interpretando temas propios e actualizando temas do repertorio tradicional e do fado. O Grupo Folclórico Cultural Recreativo de Albergaria veu poñerlle o toque final bailando cos músicos o Vira do Minho, deixando en pé ao público que enchía as butacas do local. A continuación, subiron ao palco todos os organizadores nun canto de alegría e ledicia, tamén ovacionados, polo excelente traballo realizado.

OUTRAS ACTIVIDADES

Un ano máis atopámonos coa señora Natália no Mercado das Coisas, entre os postos de artesáns da alameda. É unha das poucas persoas que segue tecendo esteiras con material de bunho, utilizadas antigamente como illante ou para taparse na hora do sono. Na actualidade utilízase como elemento decorativo.

Proxecto Erasmus+ “Social Arts Hub”, orientado cara ao desenvolvemento artístico comunitario. Máis de 20 participantes de Italia, Polonia, Alemaña, Grecia e Portugal, presentaron o traballo final desenvolvido nestes días, un concerto con baile final xunto co público.

O documental Mewga Muzica, preséntanos un proxecto comunitario musical desenvolvido no cotiá Maltés, aberto a toda xente de todas as idades, soubesen tocar ou non.

Cacá Otto Reuss impartiu un obradoiro sobre a pelve, un traballo para activar, liberar e ter consciencia da rexión pelviana como punto de partida para expresar co resto do corpo. Houbo tamén un obradoiro de percusión impartido por Jorge Porto. Joana Ratola ocupou o seu espazo habitual na zona de benestar ofrecendo masaxes terapéuticos.

Miguel Ramos expuxo Mais perto de casa, unha serie de ilustracións no Cine-Teatro Alba, que motivan a amar e preservar a natureza.

Sra Natalia 2 | Apertura coas autoridades e coordinadores no lugar onde se prantou un carballo na memoria de Tucha Martins | Obradoiro sobre a pelve | Orquestra In Quieta | Projecto erasmusSocial Arts Hub | Quatro de Nos |

Xoán Carlos Riobó

Xoán Carlos Riobó

Director de escena e dramaturgo. Desenvolve a súa actividade teatral con grupos de adolescentes e adultos dentro do ámbito escolar e amador (Obradoiro de Teatro María Soliña, Teatro a Réplika e Teatro Aberto). Como dramaturgo ten publicados varios textos para crianzas e adolescentes en Edicións Fervenza: 'O retábulo das marabillas no país do chapapote', 'Acariñando os desexos' e 'A viaxe de Burhan: Éxodo'. Fundador da Mostra de Teatro Escolar de Cangas. Dirixe o Ciclo de Teatro Afeccionado do Morrazo. Membro dos grupos de traballo que organizan a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) e a Mostra de Teatro do Ensino Secundario do Morrazo (MOTESMO). É membro do consello de redacción da 'erregueté'.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Espectáculos calendario

O sometemento da arte

290777294 10226407837599463 2902891781306507622 n |

O colectivo #ChamizoBelloVila gaña o 67º Ourense Fervescénica con ‘Menú-do día’