in

Conciencia

photo 1567351344506 b2e8a94e273b |
Foto: Arthur Chauvineau

A Academia Galega define a conciencia como o “coñecemento que toda persoa ten de si mesma, que permite establecer un xuízo moral dos actos e distinguir entre o ben e o mal.”

Esta definición, de carácter principalmente filosófico, remítenos ás ideas coas que traballaban as pensadoras do século XX, como por exemplo Hannah Arendt. Ideas que arraigaban nas cinzas e nos escombros de dúas guerras mundiais. Claro, cen anos despois, é lóxico pensar que as ideas lanzadas nesa época xa non teñen sentido. Que están caducas. E que, polo tanto, o seu uso non dista moito da difamación, do esaxerado ou dun perverso uso da nostalxia. Porque o mundo cambiou. Para ben.

E si, o mundo é diferente, o mundo xa non é así. É outra cousa. Houbo avances, houbo conquistas laborais e sociais. Si, a historia seguiu.

Mais a actualidade séntese coma un barullo. Unha nube de escasa visibilidade. Onde non sopra o vento e o po vaga en suspensión. Cada partícula percorre o espazo sen ir a ningún lado pero sempre en movemento. Un movemento inútil que non achega nada, que parece que si, pero que logo se anula a si mesmo cambiando de traxectoria. Subindo e baixando dun lado cara ó outro. Arriba, abaixo. Esquerda, dereita.

Pensemos por un instante nesa partícula zombi, nesa partícula vagabunda, voadora e imbécil, que pasaría se tivese conciencia? Subitamente esa partícula tería a capacidade de escoller, de decidir, e incluso, atendendo á teoría, de escoller ben. É dicir, que se todas as partículas de po fosen conscientes de si mesmas, o barullo desaparecería, entraría a luz.

Atendendo a José Saramago, a quen, por outra banda, sempre debemos atender, di que a conciencia non é un sistema económico, nin mercantil, nin un sistema político. “É algo máis ca todo iso”.

Ante a negación constante de todo: conciencia.


Publicidade

E que ten que ver isto co teatro? Porque, en fin, nunha revista especializada en teatro, é o tipo de información que se agarda atopar. Pois todo.

Estou aquí inaugurando o 2023 con este artigo pedindo un exercicio colectivo de conciencia. Porque a conciencia é o exercicio persoal máis importante. Un exercicio que nos achega ó ben, á beleza e á xustiza. E ante o inxusto: máis conciencia.

Un profesional consciente é moito mellor plan. E as forzas malas do mundo esixen un espertar da conciencia colectiva. A única maneira de que a nube de po desapareza.

Quero para este 2023, e sucesivos, un teatro tremendamente consciente de si mesmo. Un teatro que axude a distinguir entre os berros, as imaxes aceleradas e o estímulo constante. Un punto de calma que axite.

Bo 2023. Boa conciencia.

Pablo Carrera Simón

Pablo Carrera Simón

(Vigo, 1991) Master en Artes Escénicas polo Instituto de la Danza Alicia Alonso & URJC. Graduado en Interpretación Textual e Dramaturxia pola ESAD de Galicia. Dende o ano 2019 presenta o podcast Procastination e é un dos fundadores da Asociación Galega de Commedia dell'Arte. As palabras fante conservador ou revolucionario. E nesas andamos.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Encontro interxeracional artes escénicas

I Encontro Interxeracional das Artes Escénicas de Galicia

Último veran en Santa Cristina de Teatro do Noroeste

Teatro do Noroeste lévanos aos anos 60 en ‘Último verán en Santa Cristina’