Detalle de ‘Caligula’s Palace and Bridge exhibited 1831’ de JMW Turner. Tate Britain de Londres. Foto: Afonso Becerra
Detalle de ‘Caligula’s Palace and Bridge exhibited 1831’ de JMW Turner. Tate Britain de Londres. Foto: Afonso Becerra
in

Teatro Lento

INVENTARIO DE TEATROS (IM)POSIBLES: #1 Teatro Lento

Hai unha serie de metodoloxías de xestión e creación escénica que non estamos a facer porque nos deixamos levar polas correntes ou porque andamos por camiños xa explorados. Pero estes outros Teatros posibles existen: só hai que saír a buscalos. Provocacións, banalidades, sobradas, propostas incómodas, parvadas ou cousas xa inventadas, desas que alguén xa viu nos sesenta, ningunha destas aireadas respostas estará falta de razón. Mais espero que tamén haxa a quen lle resulten o suficientemente desconcertantes como para ter que repensar as prácticas escénicas propias e alleas. Con todo, o obxectivo non é prescribir nin pontificar, senón estimular a creación colectiva de imaxes mentais de certos horizontes. Porque só podemos facer aquilo que imaxinamos.

Vivimos demasiado rápido. A hipermodernidade da que falaba Lipovetski supéranos. Byung-Chul Han chámalle a ‘sociedade do cansancio’. A moda xa non é unha tiranía, senón unha cenoura. É a sociedade do hype. Alí onde a raíz hipque une o hipster co hippi (que en orixe facía referencia a consciencia do momento presente) vendeu a súa alma a cambio dos cinco minutos de fama ou unha manchea de likes. Plataformas, buscadores, redes sociais e intelixencias artificiais fixéronnos tan fácil o difícil que neste lado tanxible das pantallas imos quedando cada vez máis sós e impacientes. Quixemos e conseguimos tantas cousas que xa non nos chega un único universo.  

Que lle pode ofrecer a arte escénica a este contexto? A resposta é o Teatro Lento, un construto teórico utópico que serve para inaugurar esta nova sección na que intentarei rompervos a cabeza.
O Teatro Lento faise aos poucos. Por moito que o pareza, isto non é unha obviedade. Non se refire a ensaiar só dúas horas á semana, non se trata de teatro amador, senón de teatro profesional. A xente ten que cobrar, pero non mes e medio, co texto memorizado antes de comezar e catro conversas previas sobre a construción da personaxe. As leis do mercado non casan ben coas metodoloxías que albisca o Teatro Lento.Pregunta: Entón como o facemos? Resposta: Volve ler o título da sección.

Pensemos un momento: comparado co resto de artes, o teatro xa é lento de seu. Nunca se prestou moi ben á virtualidade, aínda prefire a artesanía antes que a fábrica en cadea, sobre todo se o comparamos con artes performativas (cine, televisión, series, radio). Isto é certo; mais acontece que, contaxiado polo zeitgeist, o teatro contemporáneo (que é todo o teatro que facemos as persoas vivas) vese arrastrado pola voráxine da aceleración socioeconómica imperante e non hai quen o saque desa roda universal da infamia da que falaba o punki de Lois Pereiro. Un bo referente das posibilidade creativas da lentitude nas artes da comunicación e o espectáculo son os podcasts que teñen como base teórica o concepto de slow radio: foxen do directo e da actualidade, non precisan estímulos auditivos histriónicos nin dinamismo superficial, falan en voz baixa durante horas sen dicir nada necesariamente relevante e escóitanse a demanda.

Se conseguirmos facelo realidade, o Teatro Lento, fose cal fose a súa concreción temática e escénica, sería un teatro perigosamente político. Porque vai á contracorrente. Esnáfrase contra o núcleo de todo o que sexa mainstream.

Non vos confundades, o Teatro Lento non ten nada que ver con facer os mesmos textos máis despacio, ou os mesmos xestos ao ralentí. Non é iso. Os seus postulados preocúpanse máis polos procesos que polos resultados. Como cando a persoa que ocupa o rol de atancante lle pasa o balón á que fai de gardamallas. Ademais, no Teatro Lento nin se gaña nin se perde. No Teatro Lento vívese.

No Teatro Lento non se berra nin se discute porque todo acaba atopando o seu lugar.

Ademais de imposible, o Teatro Lento é imprescindible. Pero tamén podería non ser así, porque o que desde logo non é o Teatro Lento é arrogante e ególatra.


Publicidade

O Teatro Lento non aspira a grandes cousas, pero si inspira as pequenas.

Prefire o boca a orella ás campañas de marketing. E case nunca utiliza proxeccións audiovisuais, nin focos móbiles, nin videomapping, porque se ve a si mesmo como completamente moderno, dunha modernidade que vai máis alá das modas ou do reclamo dos últimos avances tecnolóxicos. Claro que está aberto a utilizar a tecnoloxía sempre e cando esta lle axude a ser el mesmo. Unha escena creada a partir dun intercambio de notas de voz de whatsapp realizado durante varios anos sería un bo exemplo de Teatro Lento tecnolóxico.

No Teatro Lento non se pensa na data de estrea. Os días non teñen horario. Non require madrugar nin deitarse tarde. Pódese facer durmindo. Pero non é un soño.

O Teatro Lento non precisa as présas para chegar a onde quere, porque en si mesmo é xa unha presa, ou sexa, unha pausa. 

O Teatro Lento non produce. Rescata, reutiliza, recolle, recicla. A produtividade é a súa inimiga. O seu espírito é decrecentista. O Teatro Lento é o antídoto máis velenoso contra as esixencias das Industrias Culturais.  Combustible para os cambios. Dinamita para os circuítos de programación. Un cóctel molotov de verdadeiro amor polo teatro.

Roi Vidal Ponte

Roi Vidal Ponte

(Santiago de Compostela, 1982). Licenciado en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela e egresado en Dirección de Escena pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. Docente, investigador, director de escena e escritor. Como dramaturgo gañou o XII Premio Abrente con 'Poesía. Instrucións para montar unha escena de cama' (2017) e o XII Premio Barriga Verde con 'Marcha fúnebre para un monicreque' (2017); foi seleccionado polo INAEM no Programa Dramaturgias Actuales co texto 'O asasinato de Zinaida Reich' (2016) e participou no grupo de escrita teatral DramaturXA do CDG con 'Boisaca ou a divina desgraza', que foi unha das obras elixidas para formar parte do espectáculo 'Neorretranca e posmorriña' (2019). Exerceu a crítica teatral no Faro de Vigo e na erregueté. É membro co-fundador de DramaturGa (Asociación de Dramaturxia de Galicia) e da sección teatral O Galiñeiro, do xornal Praza Pública. Na actualidade
forma parte do Consello de Redacción da erregueté.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

FOTO PRESENTACION 40 MITCFC

A MITCFC desvela a programación da súa 40ª edición

'Vaivén' de Marcia Vázquez. Foto: Carlota Mosquera.

Marcia Vázquez estrea ‘Vaivén’ no Festival Primavera TRC Danza