Porta de Cena representa 'As viúvas'. Foto: Ana Laura
in

Festival PLATTA. Dez anos no fío das linguas

Pasaron algo máis de dez anos desde que se realizaron as VII Xornadas de Teatro Fegatea en Salvaterra do Miño. En agosto do 2012, dentro destas xornadas, celebrouse a 1ª Mesa de Traballo sobre a Cultura Teatral Transfronteiriza. A esta mesa asistiu a Federación de Grupos Aficionados de Teatro de Castilla y León, Comédias do Minho, a Federación Galega de Teatro Afeccionado e a erregueté | Revista Galega de Teatro, patas que constituirían a Plataforma Transfronteiriza de Teatro Amador para o desenvolvemento comunitario. Na seguinte reunión, organizada en decembro dese mesmo ano en Valença por Comédias do Minho, elaboran un calendario de intercambio, perfilan o acordo formal da PLATTA e establecen varias áreas de acción que se van consolidando no tempo. En novembro de 2017 asínase un novo convenio no que a parte portuguesa queda representada por Teatro do Noroeste-Centro Dramático de Viana/TEIA-Teatro em Iniciativa Associativa.

Esta nova edición do Festival PLATTA, organizada pola Federación Galega de Teatro Afeccionado, transcorreu entre os días 9 e 11 de xuño en O Carballiño. Nesta vila termal, polbeira e con tradición teatral amadora, as catro patas festexaron o décimo aniversario dunha unión cultural que crea vencellos entre as tres comunidades: norte de Portugal, Castela e León e Galiza.

O Carballiño, epicentro do décimo aniversario

Os espectáculos e as lecturas dramatizadas realizáronse no acolledor Auditorio Municipal Manuel María, que contou no seu vestíbulo cunha exposición fotográfica con paneis explicativos nas tres linguas e uns vídeos de lecturas dramatizadas. Realizada por Zoe Iriarte e titulada “10 Anos no Fío das Linguas”, ofrécenos unha perspectiva histórica do que foron estes dez anos de convivencia trans-teatral.

Despois da inauguración, á que asistiu o concelleiro de cultura Diego Fernández, o grupo lucense Hipócrita Teatro, abriu a programación de espectáculos coa recoñecida obra de Yasmina Reza, Arte, dirixida por José Campanari. Nesta comedia aceda vemos como tres amigos discuten sobre un cadro en branco mercado por un deles tras pagar unha importante suma de diñeiro. Ese cadro en branco vaise debuxando en escena coa vida dos tres actores que, a través dos seus distintos trazos, cuestionan sobre o que é a arte, se todo vale, e tamén sobre a fraxilidade das súas relacións, da súa amizade. Iván Redondo, Carlos Rebolo e Teo García realizaron unha excelente interpretación, perfilando e definindo aos personaxes desde o realismo.

Komo Teatro representa '¡Shock!'. Foto: Fernando Sánchez
Komo Teatro representa ‘¡Shock!’. Foto: Fernando Sánchez

Na tarde do sábado procedeuse á entrega de diplomas do obradoiro Multiplay e Resolume, impartido por Uxío Álvarez, coa participación do señor alcalde Francisco Fumega e do Director Xeral de Cultura Anxo Lourenzo. A continuación actuou o extenso grupo salmantino Komo Teatro, co texto orixinal de Roberto Sánchez, ¡SHOCK!

A doutrina do shock, un libro escrito pola periodista canadiana Naomi Klain, inspirándose no traballo de Milton Friedman, formula que, ante desastres, como pode ser unha pandemia, os drogadictos do diñeiro aproveitan a conmoción social para debilitar ao Estado e impulsar así políticas que incrementen a desigualdade, perdendo parte da sociedade, o estado do benestar.


Publicidade

Nun lugar indeterminado, onde hai antenas de todo tipo e un pequeno laboratorio, adminístranlle unha descarga eléctrica á Estatua da Liberdade, producíndolle un efecto “sedante”.

Así comeza este espectáculo satírico que con ironía e humor, transcorre tocando temas político-sociais de actualidade como poden ser o Big Data, as adicións ás novas tecnoloxías, a privacidade, os populismos, ou o sistema público. Temas que, sen afondar moito, adquiren sentido no conxunto. Xa non somos máis cun código de barras, reflexiona a Estatua da Liberdade nesta obra dirixida por Felix Nieto e Amalia de Prado.

Lecturas dramatizadas. Grupo de Castela e León. Foto: Zoe Iriarte
Lecturas dramatizadas. Grupo de Castela e León. Foto: Zoe Iriarte

A serie de actuacións remataron o domingo pola tarde co grupo de Caminha, Porta de cena. As viúvas é un texto escrito por María Meixeiro, unha das intérpretes que xunto con Helena Trindade, Jessica Moreira e Manuel Silva, forman este elenco dirixido por Filomena Mouta. Na peza xúntanse tres mulleres viúvas nunha aldea do Alto Miño. As tres falan abertamente das súas necesidades como mulleres e non pensan noutra cousa que desabafar os seus calores, confesándose co cura novo que acaba de chegar. Esta comedia áxil, con diálogo fluído e unha excelente interpretación, provocou risas en toda a platea e deixou unha moi boa impresión na clausura do festival.

Outra das actividades que se celebran dentro do festival son as lecturas dramatizadas de textos publicados pola erregueté. As lecturas tradúcense aos tres idiomas, mais, nesta ocasión, o texto xa os contiña. Non podía ser outro que o tan aplaudido Elisa e Marcela, da Panadaría e Gena Baamonde, escollendo o fragmento final para a lectura. Este texto deu moito xogo, esa é a palabra, porque o que se vía no palco era diversión, expresividade, enxeño na montaxe das escenas, gana de agradar e desfrutar de sonoridades de quen non está a falar no seu idioma materno, calidades que foron transmitidas ao público que escachou a rir.

Hipócrita Teatro representa 'Arte'. Foto: Juan Rivas
Hipócrita Teatro representa ‘Arte’. Foto: Juan Rivas

Como novidade na Mesa Platta, deuse a benvida á nova directiva de FETACyL, composta polo Presidente Juan Casado, A vicepresidenta Pilar Asensio e o secretario Rafael de Juan.

Xoán Carlos Riobó

Xoán Carlos Riobó

Director de escena e dramaturgo. Desenvolve a súa actividade teatral con grupos de adolescentes e adultos dentro do ámbito escolar e amador (Obradoiro de Teatro María Soliña, Teatro a Réplika e Teatro Aberto). Como dramaturgo ten publicados varios textos para crianzas e adolescentes en Edicións Fervenza: 'O retábulo das marabillas no país do chapapote', 'Acariñando os desexos' e 'A viaxe de Burhan: Éxodo'. Fundador da Mostra de Teatro Escolar de Cangas. Dirixe o Ciclo de Teatro Afeccionado do Morrazo. Membro dos grupos de traballo que organizan a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) e a Mostra de Teatro do Ensino Secundario do Morrazo (MOTESMO). É membro do consello de redacción da 'erregueté'.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Teatre Arca. Secretos de un cubo. 1ªmostra MITCFC reducida

’40 anos de teatro’ na MITCFC

Velar Fran Martínez Foto de Marcos Loopez

O Teatro Gorrilla celebra o Orgullo cunha edición especial