in , ,

’40 anos de teatro’ na MITCFC

Cangas acolle un coloquio arredor de proxectos escénicos que cumpren catro décadas

Teatre Arca. Secretos de un cubo. 1ªmostra MITCFC reducida
Teatre Arca representando 'Secretos de un cubo', na 1ª MITCFC

A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, que arrancou o pasado domingo día 25 e que está a desenvolverse ata o sábado 8 de xullo cunha extensa programación de espectáculos e  outras actividades culturais, como exposicións, coloquios e conferencias ou obradoiros, acolle hoxe o coloquio 40 anos de teatro. A erregueté | Revista Galega de Teatro participa neste encontro xunto coa propia MITCFC e compañías como a galega Tanxarina, a andaluza Atalaya, a madrileña Cambaleo ou a asturiana Teatro del Norte; todos eles proxectos que cumpren, veñen de cumprir ou están a piques de cumprir as catro décadas.

O coloquio, que se celebrará a partir das 17.30 horas no Salón de Plenos do Concello de Cangas, estará moderado por Ana Abad de Larriva, e nel intervirán Silvia Garzón, dende Atalaya; Antonio Sarrió, da Compañía Cambaleo; Etelvino Vazquez, da Compañía Teatro del Norte; Eduardo R. Cunha, Tatán, de Tanxarina; Antón Lamapereira e Afonso Becerra, da erregueté; e Che Mariño e María Armesto, en representación da MITCFC.

O encontro

“Van catro décadas dende aquel setembro de 1984, no que a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas ergueu o pano por primeira vez no Teatro Avenida, 40 anos que nos contan… a través do humor, que falan de nós, da nosa realidade, da nosa historia. A falta de infraestruturas, o feble apoio das institucións, as repetidas crises, pandemia, (momentos de verdadeira resistencia), foron pedras no camiño que afectaron a esta Mostra e ao conxunto do tecido teatral estatal e galego. Pedras que, afortunadamente, non fixeron tremer a consolidación das nosas artes escénicas.


Publicidade

Hai 40 anos xestouse a profesionalización de boa parte do sector. Hoxe celebramos este aniversario xunto a algunhas das iniciativas que comezaron a súa andaina por aquel tempo e que co seu traballo conseguiron mudar e modernizar a concepción da escena galega e estatal. Con este encontro queremos propiciar un intercambio de experiencias e reflexionar sobre os avances e atrancos vividos ao longo destes 40 anos”.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Fogar da Cía Soa 2

A compañía SÖA estrea ‘Fogar’

Porta de Cena representa 'As viúvas'

Festival PLATTA. Dez anos no fío das linguas