in

Comeza o curso escolar e todas as persoas somos as alumnas

'A escola de Doloriñas' de Julia Minguillón (1906-1965). Museo Provincial de Lugo.
'A escola de Doloriñas' de Julia Minguillón (1906-1965). Museo Provincial de Lugo.

Comeza setembro e o curso escolar, e con el tamén os teatros fan públicas as súas programacións de espectáculos para o derradeiro cuadrimestre do ano.

A familia do teatro galego e, máis concretamente, a da dramaturxia, comezamos o curso coa ledicia dunha moi boa nova: Paula Carballeira (1972) vén de recibir o Premio Estatal de Literatura Dramática 2023 pola súa obra As alumnas. A primeira dramaturga galega en facerse con este prestixioso e ben dotado galardón. Recíbeo precisamente cunha peza que pon en valor a educación. Antes dela obtivérono, primeiro Manuel Lourenzo (1943), en 1997, por Veladas indecentes, e despois, en 2007, Rubén Ruibal (1970) por Limpeza de sangue, un dos “best sellers” da nosa literatura dramática.

Comeza setembro e o curso escolar e parece que, despois das vacacións, despois dese xenérico, que cadaquén formula como mellor pode e que moitas persoas non alcanzan a desfrutar, todo arrinca e se pon en marcha.

As vacacións, o mito das vacacións, a pausa estival, dáme moito que pensar. Por un lado, penso, temos sorte, estamos nun Estado no que a Educación parece importante e gratuíta. Gratuíta de todo non é, pero accesible si. As vacacións do curso escolar marcan e condicionan o país case tanto como a axenda do fútbol masculino.

Por outro lado, penso en que o acceso á cultura e, en concreto, ás artes escénicas, non é simétrico nin igualitario para todas as vilas e cidades do Estado español. E penso tamén se, no que atinxe á cultura e, dentro dela, á fruición das artes escénicas, é necesaria unha pausa estival, compensada, nuns poucos casos, por algúns festivais. Aí é onde non acabo de estar contento, porque entendo que todas as persoas necesitemos, por saúde e xustiza, desconectar do noso traballo, dos horarios, das obrigas etc. Pero non entendo que non poidamos, na época estival, ter unha oferta de artes escénicas da que desfrutar, ao aire libre ou nos teatros. Porque do desfrute cultural e artístico, igual que de comer e beber, non pode haber pausa.


Publicidade

Claro, alguén me podería retrucar, con razón, que as traballadoras e os traballadores das artes escénicas tamén teñen dereito a desconectar e a ter as súas vacacións. Por suposto que si. Pero a natureza intermitente do seu traballo permitiría, de xeito equilibrado, que houbese unha alternancia, de tal maneira que se puidese distribuír, e así puidese traballar máis xente e tamén ter as súas vacacións. Pero, supoño que isto só se conseguiría se houbese unha programación ininterrompida e máis repartida, ou sexa, se non estivesen a traballar sempre as mesmas e os mesmos. Porque, ás veces, parece que todos os espectáculos teñen que estar dirixidos polas mesmas catro persoas, e interpretados polas mesmas oito persoas e que, en case todos, teñamos que ver o deseño de iluminación da mesma escenógrafa etc., habendo, como hai, unha rica e enorme cantidade de artistas que fican sen apenas posibilidades de traballar ou de mostrar o que fan. Isto xera, ademais, unha especie de uniformidade nos escenarios que, para quen vai moito, como é o meu caso, acaba até por cansar.

Así pois, cunha programación de artes escénicas ininterrompida durante todo o ano, daríase a oportunidade a que entrase maior variedade e riqueza nos escenarios e a que no verán non tivésemos a, para min, lamentable pausa estival. Porque é un planazo conxugar praia coa posibilidade de, pola noite, por exemplo, ir ver un espectáculo ao aire libre ou nun teatro, tanto nas vilas como nas cidades. Iso xeraría, ademais, unha oferta cultural de prestixio: vilas e cidades, incluso aldeas, no rural, onde ademais de romarías, festas populares, verbenas, feiras, praias, pozas, montes e fontes, poderiamos ir ver espectáculos de danza, de teatro, de circo, de ópera, performances, etc.

Teño fame, teño sede, teño ganas de artes escénicas. Comeza o curso escolar e todas as persoas seremos mellores se somos alumnas, porque para aprender non hai idade. E non esquezamos que o teatro – as artes escénicas en xeral – é unha escola.

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2024, de prensa especializada, do Festival de Almada, organizado pola Câmara Municipal de Almada, do que tamén recibira unha Mención Honrosa en 2020.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Paula Carballeira

Paula Carballeira gaña o Premio Nacional de Literatura Dramática

sebastian moreno premio platta

Sebastián Moreno gaña o IV Premio PLATTA de Teatro Breve con ‘Sakura’