in ,

Carta á verdade máis grande

'O lume' de David Rubin.
'O lume' de David Rubin.

É a verdade máis grande, ou polo menos unha das verdades máis grandes. Mentira non é.

O teatro nunca podería ser mentira porque as accións, palabras e emocións son reais. Cando se discute, cando se ri, chora, fala, berra, camiña, abraza, cando se vive enriba dun escenario, todo é de verdade. Porque é o que di, o que fai, o que sente a personaxe e no tempo que dura a función é a personaxe a que existe. O que sucede en escena é unha realidade nese instante na que público e elenco son cómplices nunha conexión sincera, e iso está sucedendo nas vidas de quen participa desa conexión. Dise que o teatro é a mentira máis verdadeira, pero non é mentira ningunha. Podo prometelo. Para facer teatro, para actuar, hai que traballar ca verdade. Hai que espirse emocionalmente para permitirlle voar á personaxe, para liberala e liberarse. Hai que sentir e aprender que esa emoción pertence á escena, á personaxe. Non é fácil.

O teatro xera máis verdade, é xerado pola vida e xera a vida que vivimos. Todo o que aprendemos ensaiando, todo o que o proceso de busca nos aporta, o traballo en equipo e co interior dunha mesma, toda a construción. É curioso como unha soa personaxe pode ser interpretada por moitas persoas e cadaquén entrega a súa parte de alma. A súa esencia, esa é a maxia. Cando unha personaxe ten cen verdades dentro, cando cobra vida.

Este curso ca compañía do campus de Vigo, dirixidas por Silda Alfaro e Sonia Rúa, fixemos «Incendios», de Wajdi Mouawad. Un relato de verdades e silencios, de identidades e guerra, de segredos e vidas que se cruzan. É unha obra que mostra unha realidade, unha verdade. Como realidade tamén é a necesidade que moitas veces sentimos de contar o que sucede para poder abrir os ollos. Porque esa é outra das verdades do teatro, facer abrir os ollos. Detrás disto houbo moito traballo e en cada ensaio fomos atopando cada personaxe e medrando máis, aprendendo máis. Gústame moito ensaiar e ver como todo deixa de ser guion e se converte en historia, en realidade.

O día que actuamos en Pontevedra era a última función. Antes de pechar a última escena, con Nati, Yerai e Juan xa no escenario, Rosa, Aroa e eu démonos a man moi forte coma sempre antes das cartas finais. Mentres Brenda, Lidia, Miguel, Andrea, Celia, Marta e Antón nos compartían a súa alma con miradas cheas de forza das súas propias escenas anteriores que fiaron a historia, sendo equipo. Mentres Sonia e Silda nos acompañaban dende o outro lado do teatro, sentíndoas con nós. A platea en silencio. Situamos a luz e as marcas e saímos a escena, Nawal contaba a súa verdade ante os seus fillos. Final e segundos nos que todo segue sendo realidade. Lembro pensar «oxalá vivir nestes momentos por sempre». Escuro e aplauso.


Publicidade

Eu xa comecei a chorar no terceiro aplauso. E seguín chorando en bambalinas abrazada ás miñas compañeiras e choraba cun gran sorriso e feliz por dar voz en unión a esa historia. Choraba porque era a última función pero tamén por toda a emoción que nos levou transitar «Incendios» e a súa verdade. Porque o que o teatro nos fai sentir tamén é real. Xogar, sentir, estar, observar, escoitar. Para ser. Como real tamén é todo o que non se ve, as marcas no chan, os ensaios, as risas, os abrazos, as miradas de complicidade, a confianza, a unión, a amizade, os olliños de ilusión ao vernos actuar, o apoio, a maxia, os nervios cando se escoita o timbre dos cinco últimos minutos, a catarse. O teatro saca a nosa verdade e pon as emocións sobre a mesa. A min é capaz de quitarme todo o medo que me dá a vida e regálame paz, esa paz inmensa que me inunda ao sentir as luces nos ollos e esa necesidade de actuar. O teatro faime estar presente e é o lugar onde toda a sensibilidade é apreciada. Facer teatro e ver teatro fainos sentir, danos humanidade, conexión.

Que sorte poder facer isto cunha compañía tan marabillosa e cunhas directoras que merecen todas as flores do mundo. Que bonito contar esta historia sentíndonos da man. E que sorte interpretar a Nawal, que me ensinou a non rendirme na busca do que se quere, a berrar non a esa guerra que existe en tantos lugares e a abrazar a emoción. O teatro é sanador, necesario, eterno e verdade. Sentir todo iso é real, como non vai selo? Tan real que por min viviría sempre ante o gran telón vermello.

Cartaz de 'Incendios' da Aula de Teatro Universitario do Campus de Vigo.
Cartaz de ‘Incendios’ da Aula de Teatro Universitario do Campus de Vigo.

Laura Pousada

Laura Pousada

Tradutora, intérprete e profesora. Estudei linguas estranxeiras para comunicarme e ensinar a comunicarse e por esa razón o teatro e a escritura sempre foron dúas constantes na miña vida. A transmisión dende a verdade, dende a catarse e a esencia de ser. Dende o papel e o escenario, que están moi unidos ás aulas. Porque actuar e escribir non son só unha sucesión de palabras bonitas, deben ser dende a emoción. Coma a vida.
Traduzo, interpreto, ensino, actúo e escribo para dar voz ao silencio. Entre outras moitas cousas.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Nova Galega de Danza BERRO (1)

Nova Galega de Danza estrea ‘BERRO’ en Narón

FIOT32 Presentación Apaga o candil Foto de Vanessa Rábade

O FIOT rende homenaxe ao Xestal coa estrea de ‘Apaga o candil’