in ,

Os Premios de Teatro María Casares 2024 xa teñen gañadoras

Foron 9 os espectáculos entre os que se repartiron os galardóns das 16 categorías

Gala Maria Casares Corsino red
Gala dos XXVIII Premios María Casares. Foto de Corsino.

Os XXVIII Premios de Teatro María Casares resolvéronse onte. Un total de 19 espectáculos aspiraban a facerse con algún dos 16 galardóns nos que se dividen os premios, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) coa colaboración de institucións e entidades como a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, a Fundación AISGE, a Fundación SGAE, o Padroado de Cultura do Concello de Narón e Gadis. Unha inimiga do pobo, de Talía Teatro, converteuse na gran triunfadora da noite ao facerse con sete galardóns: espectáculo, actriz protagonista (Marta Lado), actor secundario (Toño Casais), adaptación-tradución (Vanesa Sotelo e Tito Asorey), espazo escénico (Dani Trillo), iluminación (Laura Iturralde) e dirección, galardón que Tito Asorey compartiu con Quico Cadaval, director de O Auto de Castromil. Estoutra obra, de Producións Teatráis Excénctricas en coprodución co Centro Dramático Galego (CDG), fíxose con dous galardóns. Ademais do xa citado premio de dirección a Cadaval, acadou o de vestiario (Carlos Alonso).

Deadpan Karaoke, de Ibuprofeno Teatro, impúxose nas dúas categorías ás que optaba: maquillaxe (Baia Fernández) e espazo sonoro (Mónica de Nut). Pola súa banda, Nanai da China, produción de Pérez&Fernández, acadou o María Casares ao mellor espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas, mentres que o premio ao mellor espectáculo infantil acabou nas mans da compañía Caramuxo Teatro pola súa obra Crisálida.

Toni Salgado alzouse co premio ao mellor actor protagonista polo seu traballo en Shakespeare en Roma, do Centro Dramático Galego. A compañía de teatro público acadou outro galardón na noite dos XXVIII Premios de Teatro María Casares: mellor dirección de movemento para María Torres e Gonçalo Guerreiro pola obra Un hotel de primeira sobre o río. Finalmente María Roja conquistou o galardón á mellor actriz secundaria polo seu papel en Entrega en man, de Contraproducións, mentres que Manuel Cortés se impuxo na categoría de texto orixinal pola obra Códice K, de Ainé.

Os/as gañadores/as divididos/as polos 9 espectáculos galardoados son:

 

  1. Unha inimiga do pobo, de Talía Teatro (7 Premios): espectáculo, dirección, actriz protagonista, actor secundario, adaptación-tradución, espazo escénico e iluminación
  2. O Auto do Castromil, de Producións Teatrais Excénctricas en coprodución co CDG (2 premios): Dirección e vestiario
  3. Deadpan Karaoke, de Ibuprofeno Teatro (2 premios): espazo sonoro e maquillaxe
  4. Nanai da China, de Pérez&Fernández (1 Premio): espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas
  5. Crisálida, de Caramuxo Teatro (1 premio): espectáculo infantil.
  6. Shakespeare en Roma, do CDG (1 premio): actor protagonista
  7. Entrega en man, de Contraproducións (1 premio): actriz secundaria
  8. Un hotel de primeira sobre o río, do CDG (1 premio): dirección de movemento
  9. Códice K, de Ainé (1 premio): texto orixinal

E, os gañadores/as por categoría son:

MAQUILLAXE: Baia Fernández por Deadpan Karaoke, de Ibuprofeno Teatro.

VESTIARIO: Carlos Alonso por O Auto do Castromil, de Producións Teatráis Excéntricas en coprodución co CDG.

ILUMINACIÓN: Laura Iturralde por Unha inimiga do pobo, de Talía Teatro.

ESPAZO ESCÉNICO: Dani Trillo por Unha inimiga do pobo, de Talia Teatro

ESPAZ SONORO:  Mónica de Nut por Deadpan Karaoke, de Ibuprofeno Teatro

ADAPTACIÓN-TRADUCIÓN: Vanesa Sotelo e Tito Asorey por Unha inimiga do pobo, de Talía Teatro

TEXTO ORIXINAL:  Manuel Cortés por Códice K, de Ainé.


Publicidade

ACTOR PROTAGONISTA: Toni Salgado por Shakespare en Roma, do CDG.

ACTRIZ PROTAGONISTA:  Marta Lado por Unha inimiga do pobo, de Talía Teatro

ACTRIZ SECUNDARIA:  María Roja por Entrega en man, de Contraproducións

ACTOR SECUNDARIO: Toño Casais por Unha inimiga do pobo, de Talía Teatro

DIRECCIÓN: (Ex aequo) Tito Asorey, por Unha inimiga do pobo, de Talía Teatro, e Quico Cadaval por O auto do Castromil, de Producións Teatráis Excéntricas en coprodución co CDG.

DIRECCIÓN DE MOVEMENTO: Gonçalo Guerreiro e María Torres por Un hotel de primeira sobre o río, do CDG

ESPECTÁCULOUnha inimiga do pobo, de Talía Teatro.

ESPECTÁCULO INFANTIL: Crisálida, de Caramuxo Teatro

ESPECTÁCULO DE MONICREQUES: Nanai da China, de Pérez&Fernández.

 A gala dos XXVIII Premios de Teatro María Casares, celebrada no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, converteuse nunha homenaxe ao teatro musical baixo a dirección de Sara Fandiño. A directora contou cun elenco conformado por sete intérpretes (Mario Lagoas, Alba Tojeiro, Verónica Peiteado, Rocío Salgado, Iván Márquez, Iván L. Estévez, Germán Prenta), ademais da colaboración dos patinadores Marta Fraga e Fabián Martínez. A propia Fandiño compuxo a música e a letra dos temas orixinais que se escoitaron ao longo da gala e Alexandro González asumiu a dirección musical. José Expósito Ortiz encargouse do espazo escénico, María Vázquez Mosteiro asinou o vestiario, e Dani Pais deseñou a iluminación.

Na cerimonia de entrega tiveron gran protagonismo as lendas do mar, o espírito atlántico e dous arquetipos fundamentais no imaxinario marítimo universal con gran amor polo canto: os piratas e as sereas. Deste xeito, o escenario do Teatro Rosalía de Castro converteuse nun barco pirata que celebrou as artes escénicas nunha noite na que Vero Rilo leu o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro e María Barcala recolleu o Premio de Honra Marisa Soto.

 

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Premio María Casares

O Teatro Rosalía de Castro da Coruña acolle a gala dos Premios María Casares 2024

Lo único que verdaderamente BUTACAZERO (3) red

ButacaZero estrea en Galicia ‘O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada’