in ,

Os monicreques volveron á Ascensión

Na Barraca de Barriga Verde da AC Morreu o Demo

BorjaAlakranfacendoaporta MOD
Títeres Alakrán particiou coa peza 'Barriga Verde ataca de novo'. Foto da AC Morreu o Demo.

Logo da pausa do pasado ano, o Concello compostelán recorreu de novo á Asociación Morreu o Demo para continuar a experiencia de 2022 e contar coa Barraca de Barriga Verde no programa das festas máis picheleiras. Desta volta na praza de Mazarelos, esta montaxe recreou de novo a histórica presenza da familia Silvent na capital galega. Estas festas constituían unha praza moi devecida polos titiriteiros populares, que chegaban a Compostela despois de inaugurar a tempada de feiras na Pascua de Padrón. En Santa Susana coincidían a feira cabalar e as barracas de artistas itinerantes; tamén coincidían as dúas ramas da familia Silvent: a de José, asentado en Lérez, e a de Santiago Silvent, provinte de Neda. Cada irmán traía cadansúa barraca mais algún ano chegaron a traballar xuntos. No entanto, para a Asociación Morreu o Demo supón un fito ver referendada a súa aposta pola incorporación do monicreque tradicional nestas festividades, xa que un dos principais obxectivos da entidade é normalizar esta arte escénica de volta nos seus escenarios históricos de festas e feiras.

O programa achegou na súa primeira xornada unha mostra de propostas escénicas recentes, cun importante peso de formas tradicionais, a cargo de dúas compañías escénicas compostelás. O Xan Perillán e a maleta máxica amosou unha vez máis o bo facer de Monicreques de Kukas, historia viva dos nosos fantoches, nunha proposta clásica que fixo as delicias do público máis cativo. En A filla do Cacharulo, Babaluva amosou as posibilidades de combinar monicreques, narración oral e música ao vivo, coa reivindicación de elementos como os postos de venda de artesanía e un lote de referencias ao noso patrimonio inmaterial, a explorar xeitos inéditos de vencellar esta arte coa nosa sociedade.

En total foron catro xornadas primaverais as que permitiron ao público compostelán apreciar de balde e en aberto as propostas titiriteiras do programa. O interese deixouse sentir en todo momento, con cheos continuos na barraca e un público entregado, do tipo que resulta imprescindible para que unha función de cachaporra saia ben.

As postas en escena das versións de Barriga Verde que desenvolveron Larraitz Producións Artísticas, Títeres Alakrán e Viravolta Títeres amosaron un grupo de profesionais moi experimentados no contacto co público, capaces de adaptar as montaxes ás reaccións da audiencia e de fomentar a súa participación.

Os berros, as reaccións espontáneas, as respostas ás cuestións dos e das titiriteiras e a emoción xenuina encheron a barraca durante os días deste programa. Mais sobre todo foron os risos os que amosaron a vixencia das formas tradicionais de fantoches para as novas xeracións. A capacidade catártica dos monicreques deixouse sentir, e se no publico máis novo conseguiu unha conexión inmediata, nas adultas a retranca e o bo facer dos titiriteiros conseguiu transformar ricto de asombro ante as transgresións máis salvaxes, propias destas obras, en novos risos.

Nenas e nenos achegándose aos monicreques
As nenas e nenos achéganse aos monicreques. Foto do Concello de Santiago .

É certo que a organización desenvolveu de xeito previo a estes espectáculos un labor de contextualización que marcaba o carácter patrimonial das obras. Ao incidir na importancia que a tradición titiriteira de cachaporra, coas súas raíces no Nápoles do século XVI, e máis ao situar a Barriga Verde ao nivel de celebérrimos personaxes internacionais como Pulchinella, Guignol ou Punch, predispoñíase a boa parte do público a observar un anaco de patrimonio inmaterial (un anaco divertido como poucos) e a non xulgalo con estándares de corrección política actuais. A familiaridade coa que diferentes turistas seguiron uns números en galego que, sen dúbida, se lles facían coñecidos, demostrou perfectamente o carácter internacional do noso monicreque tradicional.

Non faltaron sustos ante os demos e mortes que apareceron en escena, pero en xeral o potencial das historias seguiu o seu curso e conseguiu transformar ese temor en humor. O cativo que despois do espectáculo se achegou e puido bater coa cachaporra nos monstros que momentos antes lle causaran pavor amosa o poder desta ferramenta para superar medos e transformalos en desafíos que se poden superar. Tal e como sinalaba Chesterton “os contos de fada non din ás crianzas que os dragóns existen. As crianzas xa saben que os dragóns existen. Os contos de fada dinlles ás crianzas que os dragóns poden ser mortos”.


Publicidade

fotopublicoforabarracaMOD
Imaxe do público fóra da Barraca. Foto da AC Morreu o Demo.

O interese do público que ateigou a barraca durante os catro días de actividade deixouse sentir no feito de ser habitual haber tanta xente no exterior a ollar a través das lonas transparentes e do fondo aberto desta carpa, como sentada no interior. Recreouse aí a vella tradición dos tempos dos Silvent de ollar o espectáculo a través de regañas, desta volta coa total conivencia da organización.

A multitude de avós e avoas que visitaron a barraca na compaña de netas e netos evidenciou a posibilidade doutro grande empeño de Morreu o Demo: A transmisión interxeracional de Barriga Verde. Aqueles que viviron na infancia a experiencia de contemplar os enfrontamentos coa morto, co cura ou co militar, poden agora compartir esa vivencia coa súa descendencia,, mercé ás compañías que apostan por recrear esta tradición. Houbo quen deixou testemuño de ter visto o espectáculo nas festas do barrio de Sar. Ou un dos membros do desfile de cabezudos (outra tradición escénica por reivindicar axeitadamente) que lembraba a barraca en Santa Susana. A visita de Mary Silvent, descendente da familia que orixinalmente levou a Barriga Verde por todo o país, supuxo outra feliz mostra desta transmisión.

O éxito deste proceso, no entanto, continúa a se desenvolver nas marxes do noso sistema cultural e, sobre todo, na precariedade que comparte todo o sector escénico. A dificultade para acceder a programacións estables, a falta de centros de referencia (como pretendía ser o estrañado Museo Galego da Marioneta e o proxecto municipal da Casa dos Monicreques, promesa electoral aínda non feita realidade), relega as posibilidades de se atopar cos monicreques a festivais, programacións vencelladas a centros de ensino e a público infantil ou a escasos exemplos como o que achegou Compostela este ano.

AMBIENTE MAZARELOS Barraca Barriga Verde
Ambiente na praza de Mazarelos coa Barraca de Barriga Verde. Foto da AC Morreu o Demo.

De cara a vindeiras ocasións, é de desexar unha melloría nas condicións materiais nas que se desenvolve a actividade. Un espazo maior que facilite o coidado de crianzas acompañadas e a circulación do público, instalacións con maior comodidade ou unha tarima que eleve os teatriños empregados e permita unha axeitada visualización das montaxes poden contribuír a optimizar a experiencia do público. Non se achará en falta tampouco unha maior información de contexto sobre o espectáculo, a historia de Barriga Verde e a tradición europea de monicreques.

Aproveitar o interese do público e a boa reacción ás montaxes para xerar interese e demanda por este patrimonio e conseguir que as persoas que asisten ás obra sintan que fan parte deste legado e que poden contribuír á súa continuidade, é o desafío que enfronta a Asociación Morreu o Demo de cara ao futuro.

 Dona Barriga Verde
Detalle da representación de ‘Dona Barriga Verde’. Foto do Concello de Santiago.

Germám Ermida

Germám Ermida

(1978) Jornalista e antropólogo. Fai parte do movimento associativo desde os 13 anos. Participou e participa de iniciativas como BD Banda, MDL, AGAL, Agantro e, sobretudo nos últimos dez anos, da AC Morreu o Demo, onde trabalha a prol da recuperaçom do títere tradicional galego.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Foto: Irene Moreira.

Cultura fake. Vilas e comunidade

Ensaio Dique foto Vanessa Rabade

Nova Galega de Danza estrea ‘Dique’