in

Os Andares presenta seis viaxes sonoras por concellos dos Ancares

Os Andares, proxecto artístico-inmersivo sobre a memoria emocional dos territorios, presenta seis viaxes sonoras para percorrer a historia e a natureza dos concellos dos Ancares

Equipa Os Andares (Dende a esquerda, Marcos PTT, José Díaz, a poeta María Lado, a dramaturga Avelina Pérez, a dramaturga Clara Gayo e actriz Iria Azevedo)
Equipa Os Andares (Dende a esquerda, Marcos PTT, José Díaz, a poeta María Lado, a dramaturga Avelina Pérez, a dramaturga Clara Gayo e actriz Iria Azevedo)

Artistas vencellados ás artes escénicas, ao audiovisual e á poesía como Iria Azevedo, Marcos PTT, Avelina Pérez, Clara Gayo, José Díaz ou María Lado crean viaxes sonoras  a medio camiño entre a ficción e o documental para visitar enclaves singulares das Nogais, Baralla, Cervantes, Navia de Suarna, Becerreá e Pedrafita

Os seis audioitinerarios, pensados para vivir unha experiencia artística en movemento, brindan unha vía de dinamización do rural a través da cultura e están dispoñibles tanto na Rede (www.osandares.com) como nos traxectos físicos a través de carteis con código QR

Os Andares, serie de viaxes sonoras pola serra dos Ancares impulsada por Fósforo Arte & Cultura xunto ao colectivo Galiza Emocional, presentaron no Centro de Interpretación Terras do Miño a conclusión deste proxecto que contou coa participación dun grupo de artistas do teatro, do cine documental, da poesía e da música para a súa creación. Os Andaresinclúe seis capítulos, cada un escrito por unha autora diferente, no que se mestura o documental e a ficción coa meta de afondar no coñecemento da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá. Os seis capítulos, elaborados ao abeiro do programa Territorio Cultura da Xunta de Galicia e co patrocinio da Deputación de Lugo, xa están dispoñibles na Rede de forma gratuíta a través da web www.osandares.com, atópanse en tres idiomas (galego, castelán e inglés). Os seis audioitinerarios dos Andares protagonizaron no mes de xuño cadansúa sesión de presentación coa veciñanza e participantes.

 Así o adiantaron José Díaz e Iria Azevedo, de Fósforo Arte & Cultura, xunto a Marcos PTT do Colectivo Galiza Emocional, nunha rolda de prensa na que tamén participaron a deputada provincial de Turismo,  Pilar García Porto; e os rexedores de As Nogais, Jesús Núñez Díaz, e de Navia, José Fernández. Na presentación, os responsables de Fósforo sinalaron que Os Andares é un proxecto de “viaxes sonoras” que “hibrida os xéneros da ficción sonora e das artes escénicas” para brindarlle ao público, conformado tanto pola veciñanza como por visitantes dos Ancares, unha sorte de “periplo auditivo e emocional” para coñecer a historia, o patrimonio, a paisaxe e lugares singulares dos concellos de Cervantes, Navia de Suarna, As Nogais, Pedrafita, Becerreá e Baralla. A perspectiva ecolóxica ten, ademais, unha presenza transversal ao transmitirse reflexións sobre a urxencia na protección da enorme biodiversidade deste territorio e sobre os efectos irreparables do despoboamento na contorna.

Voces da dramaturxia e voces da veciñanza

Cada unha destas pezas, cuxas duracións oscilan entre os 32 e os 47 minutos, ofrece unha perspectiva concreta a través da mirada dunha dramaturga. Así, a propia Iria Azevedo encárgase de tomarlle o pulso á Pobra de Navia (Navia de Suarna), mentres que o xa citado José Díaz escolle o Castro de Santa María en  Cervantes para a súa creación sonora. Pola súa banda, a poeta María Lado percorre a Lagoa Maior de Pedrafita do Cebreiro e as dramaturgas Avelina Pérez e Clara Gayo recrean os lugares dos Grobos (Becerreá) e Penarrubia (Baralla) respectivamente. Por último, Marcos PTT retrata a localidade de Torés (As Nogais).


Publicidade

Outros nomes do sector escénico galego como son Patricia Vázquez ou Carlos Santiago prestan as súas voces como narradores destas viaxes psicoafectivas que ofrecen Os Andares. Nelas tamén están presentes as voces da veciñanza, que se encargan de rescatar a memoria comunitaria dos diferentes lugares, e as intervencións de historiadores e expertos en diversos campos. No proxecto tamén participan Nacho Muñoz, no apartado musical;  Chus Silva, quen se encargou de diferentes traballos técnicos, e Aser Álvarez, quen serviu de apoio no proceso de documentación e investigación etnográfico que o equipo dos Andares levou a cabo para a creación dos seis capítulos.

Os Andares preséntase polo tanto como un proxecto artístico cunha vertente divulgativa, pero que ademais traballa coas emocións. Todo para abordar asuntos do devir colectivo destes lugares que van dende a memoria histórica ao patrimonio local, pasando polos terremotos que afectan a contorna, as lendas que habitan nestas montañas, os vestixios castrexos, o seu pasado medieval ou as máis recentes mobilizacións veciñais contra proxectos eólicos.

Experiencia individual

Os seis capítulos brindan unha actividade artística que cómpre vivir percorrendo o itinerario previsto de forma simultánea á escoita. Esta experiencia inmersiva pode ser gozada de xeito individual, grupal ou en parella, e por iso Os Andares celebrarán neste mes de xuño sesións colectivas para presentar diante da veciñanza e das persoas consultadas ao longo do proceso de documentación o resultado final desta iniciativa artística que, ademais, constitúe unha vía de turismo sostible para coñecer este territorio natural dunha forma pouco invasiva.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Artús Rei en 'CANCHAL 11. SOBRE' de Ensalle Teatro, Juan Navarro e Terrorismo de Autor. Foto: Diego Seixo.

Có(s)mico e festivo

'Sans tambour' Foto: Jean Louis Fernandez

Sans tambour