Paüra quere dicir pavor ou medo en lingua catalá. O medo é unha emoción primaria que nos asusta e nos mantén alerta ante un perigo ou ameaza cara á nosa persoa, ben sexa real ou imaxinaria; o medo invítanos a accionar. E así o fai a Cía. Lucas Escobedo, co espectáculo Paüra, finalista dos premios MAX 2022 ao mellor espectáculo musical.
Paüra, da Cía. Lucas Escobedo, é un espectáculo de humor, que nos somerxe no mundo da comedia da man do clown para abordar o tema principal: o medo. A comedia, o musical, o canto, a danza, forman parte desta peza composta por catro artistas multidisciplinares: Raquel Molano, Alfonso Rodríguez, Paula Lloret e o propio Lucas Escobedo, actor, dramaturgo e director da peza.
A Cía. Lucas Escobedo, con ampla traxectoria profesional, nace no ano 2011 da man do espectáculo Boiing, que Escobedo realiza en solitario. Seguidamente van destacar Habitación 801 no 2015, e YOLO no ano 2018, gañadora do premio ao mellor espectáculo de gran formato e mellor espazo sonoro nos premios FETEN.
Paüra propón un espectáculo dentro do propio espectáculo. O primeiro que percibimos é a entrada dos catro personaxes vestidos de clown con certa estética underground. Cada un dos personaxes leva unha indumentaria característica e identificativa que grazas a iso e á súa presenza escénica, entendemos o código de clown que se vai establecer dende o comezo.
O obxectivo dos personaxes é facer unha función musical. Para iso recorren ao emprego de varias linguas na súa presentación buscando o riso, a comedia e a conexión co público. Non só presentan o espectáculo en castelán (Rodríguez), inglés (Molano) e francés (Lloret) senón en galego (Escobedo) o cal nos sorprendeu á vez que nos agradou grazas ao uso da nosa propia lingua cun manexo máis que notábel das cadencias e curvas de entoación do galego.
Logo dunha dilatada introdución en varias linguas, o gag remata cando un dos personaxes di unha palabra que non ten tradución nas demais linguas: o coloquialismo “aliquindoi” típico da zona de Cádiz. Pola súa situación xeográfica, as zonas costeiras beben de termos estranxeiros que rematan incluíndo na súas variantes dialectais. É o que acontece co termo aliquindoi, significa “estar atento” e provén da expresión inglesa look and do it. Expresión que adoitaban empregar os mariñeiros ingleses nos portos andaluces.
Os personaxes conseguen comezar o seu propio espectáculo cando o personaxe de Alfonso Rodríguez, un dos catro clowns, consegue dicirnos que veñen a falar do medo. Deste xeito, xogan coa metateatralidade en escena expoñendo unha metarrealidade na que vemos un espectáculo dentro da propia peza. A medida que a peza avanza, pasan por unha serie de situacións onde vemos que o medo está presente na nosa vida cotiá. Aparecen así a preocupación, a ansiedade, ou a angustia, ou o choro.
Os obstáculos intensifícanse, o espazo escénico transfórmase, e a escenografía xunto co attrezzo cambia varias veces de lugar creando unha atmosfera de caos que coincide cos problemas técnicos que afrontan os personaxes na función: cae un foco de iluminación, quedan sen luz no teatro e por conseguinte deciden continuar coa luz das velas. Demostran así que se pode superar calquera adversidade, que os erros son humanos e que como diría Freddy Mercury nas súas letras; The show must go on.
Con todo, o conflito conecta coa temática onde se mostra que o medo é unha emoción necesaria, que é preciso aprender a enfrontarse a el, vivila e saber transitala. O medo é unha emoción inevitable xa que nos axuda a enfrontarnos á vida e superar os obstáculos que se nos presentan.
Por último, e non menos importante, non podo deixar de mencionar o espazo sonoro que corre a cargo de Raquel Melano. A música en directo é un piar máis, imprescindíbel nesta peza. Cunha gran cantidade de instrumentos de percusión, piano, violín, ou guitarra eléctrica, funciona como fío condutor, levándonos por distintos camiños emocionais. A composición musical da peza consegue crear unha partitura sonora non só cos instrumentos mencionados máis tamén cunha caixa de mistos, o silencio, ou os propios ritmos corporais que empregan os actores nas diversas coreografías corporais ao longo da peza.
Paüra é un canto ao medo nesta aventura escénica que nos invita a darlle a man e levala connosco de viaxe.