As maricas, cando imos ao teatro, sobre todo a ver unha comedia, facémolo cun certo punto de cautela pois non é estraño atopar recursos, bromas e propostas cunha certa tintura homófoba. Temos o ouvido adestrado, porque sufrimos esta homofobia no noso día a día, e cuestións que en ocasións pasan desapercibidas ao ollo heterosexual, a nós fannos saltar as alarmas. Neste artigo trato algúns deses lugares comúns na representación do marica na cultura.
Falo do marica e non de maricas porque o que se mostra moitas veces non é explicitamente homosexual, senón que en ocasións se representan características ou elementos que suxiren que un personaxe é queer sen clarificalo. Isto adoita facerse a miúdo na representación dos viláns, no que os anglos chaman queercoding (ou codificación queer).
Pero con viláns reais tamén se camiña polo mesmo percorrido. En moitas ocasións, como di Bob Pop, “utilizan a suposta homosexualidade oculta da xente malvada para xustificar a súa maldade”. Non é estraño ver representacións homosexuais de Hitler, Franco, Merkel… como se as súas maldades só puideran ter explicación nunha suposta atracción reprimida polo mesmo sexo. E non só por iso. Represéntanse con moita pluma, travestidos, maquillados… porque non hai nada máis perigoso que un home efeminado.
Isto faise como se non fosen 100.000 os homosexuais encarcerados polo nazismo, dos cales entre 5.000 e 15.000 acabaron en campos de concentración, identificados polo triángulo rosa invertido. Ou como se durante o franquismo a homosexualidade non fose condenada a traballos forzados como os da Colonia Agrícola (campo de concentración) de Tefía ou nos cárceres construídos especificamente para homosexuais activos (en Huelva) e pasivos (Badajoz).
A sexualidade (non só a atracción) foi duramente reprimida e a estigmatizazón das relacións sexuais entre dous homes continúa. Sen dubida, un dos recursos máis manidos e homófobos é o uso das relacións homosexuais como exemplo de situacións de humillación entre dous homes. Dende o bico entre dous homes heterosexuais que sucede por erro (porque non hai nada máis ridículo e gracioso que dous homes dándose un bico), ata a simulación de sexo oral ou anal para mostrar unha situación de poder.
Porque alén da moitas veces problemática simulación de agresións sexuais con fins cómicos, este (chamémoslle) “recurso” cómico presenta a idea de que este tipo de relacións sexuais só poden suceder se media un abuso. O pracer nas relacións homosexuais é imposible. Isto e análogo á broma de señoro de comentar, na presenza dun home que sente atracción por outros homes, frases como “voume poñer un tapón no cu, non vaia ser que…” ou “mellor camiño coas costas pegadas á parede…”. Identificamos estas bromas como homófobas, pero seguen o mesmo mecanismo que as simulacións de sexo entre dous homes como recurso cómico.
Outra idea mil veces repetida é que “os homófobos en realidade son gais reprimidos”, unha idea que tamén é homófoba. Hai un patrón que relaciona o ser marica con exercer violencia, como se a homosexualidade fose un requisito imprescindible para exercela. Esta é unha idea que está sobrerrepresentada, tanto social como culturalmente, e que é perigosa porque sitúa a causa da violencia sobre as persoas queer no lugar equivocado e impide a asunción de responsabilidades.
De todos estes elementos homófobos pódense ver casos nos escenarios. Non son puntuais senón que se poden ver en propostas de diferentes compañías, en diferentes sistemas teatrais e en pezas de distintos xéneros (tamén en textos dramáticos).
Eu falei só da representación dos homes homosexuais, pois son máis consciente da homofobia cando aparece, e gustaríame invitar ao resto de integrantes destes Palcos LGBTIQ+ a contar que lugares comúns de transfobia, bifobia, lesbofobia… se repiten nos escenarios.
Espero que este artigo se lea dende a mente aberta a ser consciente dos erros de cada un, porque temos moito que mellorar. É triste que a día de hoxe se usen esta clase de “recursos” perezosos en lugar de ir máis alá, de buscar algo orixinal. 🙁 Pasa moito, demasiado e incluso cando as persoas que aplican esta clase de formas se teñen a sí mesmas por modernas e entendidas, todos temos que limpar as caras de vez en cando, dar un paso atrás e ver as cousas dende fora.