Hai pouco tiven unha conversa con xente da miña contorna sobre o público e o teatro de carácter máis vangardista ou experimental, ese que as veces se achega á danza contemporánea e que algúns espectadores catalogan como raro. Estas persoas coincidían en que o público (entendido como unha masa homoxénea) non estaba interesado en este tipo de espectáculos, aos que só asistían persoas da profesión, xerándose unha maneira de cámara de eco nos centros de exposición destes. Non creo que teñan razón, pero si que é certo que non adoito atopar a espectadores non educados nestes espazos, mais non creo que sexa cuestión de gustos, creo que é cuestión de ignorancia, tanto a súa ausencia como a enunciación destas persoas.
Digo isto convencida despois asistir ao barrio de Bouzas o pasado sábado 28 de setembro á derradeira xornada do festival organizado por Teatro de Gorrilla nas súas rúas. A programación tiña unha dirección moi clara, danza contemporánea, pero tamén realizaron obradoiros e charlas en distintos espazos (de Bouzas e na ESAD) os dous días anteriores.
Cheguei á praia do Adro onde o linóleo xa estaba preparado para as tres presentacións que se ían dar. Non parecía que os espectadores foran a ser moi diferentes dos que xa ían ás anteriores pezas da programación do Gorrilla, que xa contan cunha comunidade dende antes da COVID, e as persoas vencelladas, dalgún xeito, as artes escénica, pero isto foi mudando a medida que ía avanzando a tarde. A veciñanza de Bouzas, que participou grazas á colaboración da Asociación de Veciñas, e os transeúntes, foron achegándose a ver que estaba a acontecer nese linóleo. Moitos pararon na zona na primeira peza, para ficar nas demais, se era posible, e podías ver nas súas caras o desfrute.
A xornada comezou coa experiencia ofertada pola bailarina Elsa Pereira, ás 12 da mañá polo Paseo dos Peixes. Elsa guiábamos no seu particular xeito de sentir a nosa contorna, abrindo a ollada e proporcionando máis espazo aos outros sentidos, que ás veces esquecemos. Eramos un grupo bastante grande, cun andar silencioso e lento, que ocupaba o espazo, pero sen resultar intrusivos. Teatro de Gorrilla X Síntese fai así unha declaración de intencións.
Á tarde se daba a programación máis semellante á dunha sala, na Praia do Adro. A primeira peza foi Podería ser calquera, de DisidenCia. O seu traballo pode ser interpretado coma unha exploración das etiquetas e as consecuencias limitantes destas. As dúas bailarinas chamaban a atención co seu vestiario bizarro e os seus movementos absurdos. A peza é divertida, pero sensible, e conseguiu levantar a xente dos seus asentos no aplauso.
Despois puidemos ver Ollos cara adentro, de iXa Danza. Este espectáculo foi moi especial tendo en conta que era a primeira vez que Xián Martínez bailaba na súa cidade natal. Esta peza é poesía corporal en estado puro. Os movementos de Xián e Mª José Casado eran dunha beleza impresionante. Ollos cara adentro consegue facer vibrar con tan só a presenza de dous bailaríns e o seu talento.
A derradeira proposta que vimos foi WTF! da compañía AY CARIÑO!. Tamén dun carácter máis bizarro e de desfrute. Nunca sabes que van facer na escena, e iso é o bonito. Ver a ambos intérpretes saír de detrás da igrexa coa indumentaria colorida e rechamante foi unha imaxe que fantástica, e que deixa claro o carácter do espectáculo.
En todo caso, esta primeira edición do Teatro de Gorrilla X Síntese foi unha experiencia fermosa, e un gran paso para achegar a novos públicos este tipo de manifestacións artísticas. Porque si, hai demanda de espectáculos, a xente quere ver cousas que lle movan, independentemente da súa estética, porque a cultura é un espello no que vernos a nós mesmos e aos outros. Só precisaban que llo achegasen.