O venres 23 de agosto marchei de Galicia para asistir á Feria de Teatro de Castilla León, en Ciudad Rodrigo. A pesar de non poder desfrutar do festival na súa totalidade, tiven a oportunidade de ver moito teatro, e Cómo me convertí en árbol, de Producciones Glauka, foi a primeira peza de todas estas.
Entramos na sala, que nos refuxiou do calor que había na rúa ás 17.30 da tarde, e nos atopamos con Pepa Gracia xa na escena, agardando por nós. Nas súas costas, un bastidor para as proxeccións, e con ela, unha mesa metálica na que podíamos atopar ramas de árbore.
Debo ser sincera, non son a mellor espectadora. Chego á sala chea de prexuízos e con expectativas, que poden ser máis ou menos xustas para as artistas. Ao mellor por iso gozo das artes escénicas, porque adoitan rachar con estas cousas coas que entro. Estou moi leda de dicir que foi o caso. Cando comeza un espectáculo, e penso aos dez minutos que non me vai gustar, adoita non gustarme, e con Como me convertí en un árbol non aconteceu isto. Comezou, e asumín que ía ser unha proposta con tendencias melodramáticas e moralizante, e pensei que non me ía gustar. Pero ao contrario. Gocei especialmente da peza.
Cómo me convertí en un árbol é unha peza que vén dunha ferida profunda, e iso nótase no traballo (fantástico) de Pepa, tanto na interpretación como na dramaturxia (acompañada de Carlos Álvarez-Ossorio). Nesta peza amósanos esa ferida, e é probable que moitas de nós atopemos algunha semellante no noso propio corpo, e de que xeitos a comunidade fallou á hora de axudar a curala (ou directamente, previla). Así, consegue ser política, pero non un panfleto, porque é honesta e moi particular, á par que universal.
Saín chorando coma unha cativa, porque Pepa falaba do meu corpo, e o de todas. Cando lin o mito de Dafne de pequena deume moito medo, mentres que os meus compañeiros non o chegaban a comprender.
En todo caso, Cómo me convertí en un árbol é unha peza que vai atopar as marcas que non lembrabas que tiñas na pel, para logo apertarte cun perfecto final, lento e cálido.