in

O teatro e as expectativas: un matrimonio por poderes

Foto: Álex Sobrino.
Foto: Álex Sobrino.

Cantas veces mercamos entradas polo que pensamos que vai ser, polo que nos dixeron ou pola foto do cartel? Cantas veces saímos coa sensación de ter perdido o tempo e os cartos? Somos as protagonistas dun matrimonio por poderes, sen sabelo. É un ritual que se facía con asiduidade na Galiza do século pasado e consistía en casar sen que a parella estivera presente. Así, a cerimonia facíase aquí e, no lugar da persoa que faltase, poñíase a outra que o facía “por poderes”. Os casos que coñezo son de mulleres, practicamente nenas, que as obrigaban a casar aquí e despois collían o barco para as Américas onde ían atoparse co seu home e a súa nova vida. Imaxinade as expectativas, convencíanas falándolles marabillas do seu futuro home, creando unhas expectativas descomunais, para despois atoparse en América cunha uva pasa que lle facía pasar un calvario. Non me digades que iso, extrapolando a metáfora, non vos pasou veces no teatro e no cinema?

Mais alá dos compromisos, sexamos sinceras, o que nos fai ir ao teatro son as expectativas. Ben sexa para comprobar que non acertaron coa escenificación, ben para volver abraiadas pola marabilla da proposta. De feito, non esaxero, se digo que as expectativas moven o mundo tanto como a avaricia.

Pero na dirección a xestión das expectativas dun proxecto é esencial e, a verdade, a min custoume saber que hai que facer como o que se fai no PP cando o tema non está de gañar: perfil baixo. Si, pasar polo tema no bico dos pés que sempre vai resultar mellor iso ca unha derrota atronadora, así que xa vai sendo hora de aplicar idiosincrasia galega, ás expectativas coma á política se non estamos seguras de gañar, mellor pasar de esguello.

Dramaturxicamente o manexo das expectativas nun texto teatral é unha das bazas fundamentais na recepción da peza e na fase da posta en escena faise fundamental o traballo da dirección, tanto na súa análise como na súa aplicación á linguaxe teatral. Mesmo podería dicir que a expectativa e o prexuízo comparten unha relación íntima e perversa. Cando eu espero algo dunha escena, puxen en xogo unha análise da información que se completa coa miña situación e o meu coñecemento facendo que agarde o seguinte para comprobar que todo vai na coherencia que me fixen na cabeza, pero ás veces non sintonizamos os mecanismos da recepción tan ben como nos gustaría e o agardado escápase como a quen se lle escapa un globo de aire.


Publicidade

A min gústame xogar cando non me agardan, tanto no teatro como no amor, non o fago cómoda se hai presión, sempre foi así. Máis cando non se conta comigo ou estou na bancada, sei que vou brillar porque non teño a expectativa que me xulgue, e vou a peito aberto como me gusta facer as cousas, sen protocolos e con arroubo.

Por iso é san baleirarnos de expectativas para ver teatro, para facelo e tamén para  casar!

Irene Moreira

Irene Moreira

(Vigo, 1980) Directora de escena e profesora de arte dramática. Actualmente dirixe a compañía teatral Xerpo, e, xunto con Álex Sobrino, fundou a Sala Ingrávida (Porriño), da que foi responsable de programación. Imparte docencia na ESAD de Galicia, traballo que combina co podcast 'Radio Ingrávida' e a experimentación co novo teatro confinado.

Un comentario

Retrucar
  1. Gostei muito. As expetativas son condicionantes e patrimonio do eu. Na pasión , na procura da beleza, na ética do traballo xa existe compromiso , esixencia . Os paxáros presos cunha corda non voan con liberdade e os camiños marcados cunha frecha non invitan a exploración. Voemos , camiñemos e disfrutemos do proceso creativo ceibes .

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

mesura raquel ferradás

A convocatoria Da man acepta propostas para a súa segunda edición

Imaxe de ensaio da ópera galega 'Pálido punto azul'. Foto: José Díaz.

Estrea absoluta da ópera galega ‘Pálido punto azul’ de Javier Otero Neira