Poi é un espectáculo de circo da compañía D’es Tró, e puiden asistir a unha das súas función na Feria de Teatro de Castilla y León, o día 24 de agosto en Ciudad Rodrigo.
A peza é artellada a partir do personaxe encarnado por Guillem Vizcaíno e o movemento da buxaina. Este resulta profundamente carismático, e só coa súa entrada, o público simpatiza con e. Unha característica do espectáculo é a interacción constante co espectador, e grazas á graza do personaxe, permítenselle cousas que ao mellor non se tolerarían de persoas máis achegadas, grazas a este carisma, e a tenrura que chega a provocar.
En todo caso, en Poi, Guillem consegue abraiar os espectadores coa súa destreza nalgo, aparentemente sinxelo, coma unha buxaina, e descóbrenos todas as posibilidades que esta pode ofertar. Todo dentro dunha estética moi coidada e fermosa, e que estaba moi ben acompañada polo medio que o rodeaba, a vila de Ciudad Rodrigo. As pezas e exteriores sempre xeran un diálogo coa súa contorna, e cando entre eles hai harmonía, a experiencia resulta fermosa e pracenteira.
Ademais, mediante o traballo co personaxe, a buxaina e o espazo sonoro, Poi transmite un imaxinario moi concreto, sobre a vida rural e tradición da costa mediterránea, construíndo pontes entre o folclore e a infancia, e poñendo en valor estes elementos. Poi convídanos a ir atopando estes elementos en nós, que están (ou estiveron) máis presentes do que pensamos.
En conclusión, Poi é unha peza que vai máis aló do abraio dos espectáculos circenses, xa que, ademais de sorprender coas capacidades do intérprete, convídanos a pór en valor as nosas raíces, e atopalas en nós mesmos.