Marina Gómez Pose e Fernando Castro Paredes son profesores de Lingua Española no IES Fernando Blanco de Cee. Desde hai 13 anos son responsables de dirección do grupo Tuéjele Teatro, formado por alumnado do centro e desde 2018 dirixen o grupo de teatro amador Farándula Velutina. A súa experiencia achéganos ao traballo feito coa mocidade desde a perspectiva do teatro escolar e amador.
[ANTÓN LAMAPEREIRA E XOÁN CARLOS RIOBÓ:] Onde e como empezou a vosa afección polo teatro?
[Marina Gómez e Fernando Castr Paredes:] As artes en xeral e as artes escénicas en particular sempre foron obxecto do noso interese. A nosa afección polo teatro, nun primeiro momento, limitábase á asistencia a espectáculos e á lectura ata que decidimos montar o grupo no instituto e xa non houbo volta atrás.
Por que decidides montar un grupo de teatro no ensino medio con adolescentes?
Foi un pouco por iniciativa dun grupo de alumnas e alumnos que viñan doutro centro a cursar o bacharelato ao noso instituto. Pedíronnos formar un grupo e nós aceptamos.
Atopastes algunha dificultade no Centro para levar adiante a actividade?
Non, todo o contrario. Sempre contamos coa aprobación dos diferentes equipos directivos. Nós partimos dunha premisa: todos e cada un dos membros da comunidade educativa son imprescindibles. Tuéjele é a compañía de todos. O proceso de preparación dunha montaxe teatral é longo e complexo e nel entran en xogo moitas persoas que son fundamentais aínda que non actúen sobre o escenario. O noso grupo teatral, neste sentido, suscita as súas funcións anuais como proxectos interdisciplinares nos que se implican profesorado e alumnado de diferentes áreas e materias.
Pero non só o profesorado e o alumnado colaboran dun xeito activo, senón que tanto familias, como persoal non docente, os concellos de Cee e Corcubión e mesmo a nosa Asociación As nove musas implícanse en gran maneira en diferentes momentos no noso proxecto cun obxectivo común.
Na vosa opinión que achega o teatro como actividade extraescolar á formación humana do alumnado?
Como diciamos antes, o teatro é un viveiro para o desenvolvemento intelectual e afectivo. É unha aprendizaxe continua: traballo en equipo, respecto, motivación, responsabilidade, iniciativa. A través da práctica escénica o alumnado adquire unha actitude curiosa, inquisitiva e crítica. Ademais, o xogo de roles implicado no teatro axuda a comprender o punto de vista dos outros, a escoitar e aceptar os seus argumentos, e a relativizar a propia visión do mundo. E, por suposto, os textos que se traballan aportan temas e enfoques particulares que invitan á reflexión e a acción: o paso do tempo, a morte, as desigualdades sociais, a corrupción política, o valor, a amizade, o amor, etc. (por mencionar algúns que están presentes nas obras que representamos).
A través da montaxe das diferentes obras, os nosos alumnos aprenderon a relacionarse dun xeito diferente co espazo; desenvolveron técnicas de lectura e de interpretación; introducíronse na arte da oratoria e a declamación… Teñen, en suma, adquirido unha serie de capacidades e estratexias que foron, son e serán de moita axuda no desenvolvemento da súa vida académica.
O teatro debería formar parte do currículum escolar? Que fórmula sería máis axeitada?
Non saberiamos dicir se “debería”. O que si temos claro é que podería, e que fornecería ao estudantado de ferramentas importantes para a adquisición das competencias e, por que non dicilo, para a vida. Non cremos que se precisen fórmulas revolucionarias. O tratamento da materia podería ser o mesmo que teñen outras con contidos relacionados con actividades creativas, como a Música ou a Educación Plástica. O gran problema é o que teñen todas as novas propostas que se fan no ámbito educativo: o da xestión administrativa. Se se quere facer ben, incorporar unha nova materia implica a necesidade de profesorado especializado, espazos adecuados para desenvolvela e un oco no horario escolar. Ningunha desas cousas é doada. Por non falar do máis importante: o interese dos rapaces e as rapazas. En dúas ocasións tentamos implantar no noso centro unha materia optativa de Artes Escénicas que non saíu adiante pola escaseza de alumnado na prematrícula.
Que vos levou a crear e dirixir fóra das aulas un grupo de teatro amador?
Farándula Velutina é unha especie de continuación de Tuéjele Teatro, a agrupación escolar do I.E.S. Fernando Blanco, que tamén diriximos. No ano 2018, un grupo de alumnos e alumnas, cando remataron os seus estudos no centro, quixeron continuar facendo teatro e pedíronnos axuda na dirección e na coordinación. Farándula Velutina foi a resposta a esa petición.
Desde 2018 producistes 7 montaxes creadas dentro do propio grupo (autoría, dirección e interpretación). Unha simbiose interesante. Podedes comentar algo sobre esta experiencia?
Trátase dunha dinámica moi natural. A maior parte das obras escríbense pensando nun determinado elenco e nunha proposta escénica específica, co cal todos os aspectos do proceso están interconectados desde o primeiro momento. A partir da nosa segunda montaxe (a primeira foi unha versión moi particular de A cantante calva, de Ionesco) determinamos traballar con textos propios, de tal xeito que todas as decisións técnicas e artísticas se axustan ás capacidades e puntos fortes dos actores e actrices, aos espazos nos que imos desenvolver a nosa actividade e os recursos dos que dispoñemos. A nosa filosofía é a de tratar de producir o mellor espectáculo que poidamos dentro das nosas limitacións, tratando co máximo respecto ao público e aos participantes no proceso creativo e procurando xerar produtos dignos que poidan provocar nos receptores o mesmo grao de satisfacción que moitas propostas profesionais.
Algún criterio para elixir a montaxe dun determinado espectáculo?
Procuramos estrear unha peza ao ano e sempre temos tres ou catro textos na recámara cos que poderiamos traballar. Os criterios de elección son moi variados. En ocasións traballamos por encarga, como sucedeu con Animais de compañía, que foi unha peza que escribimos e montamos cando o Concello de Corcubión nos pediu unha obra relacionada coa violencia de xénero para a súa programación cultural. Noutros casos o criterio é a dispoñibilidade do elenco. Non sempre todos os membros do grupo se poden comprometer a participar nas montaxes e eliximos obras que se adapten ao que temos. E, por suposto, non podemos descartar factores máis subxectivos, coma o que nos pode apetecer facer nun momento dado. Por exemplo, despois da estrea da nosa última obra, Troia, 1940, unha traxedia contemporánea, todos estamos de acordo no feito de que a nosa próxima montaxe sexa unha comedia (con moitas risas, se é posible).
Por que entrar a formar parte da Asociación Cultural As nove musas?
As nove musas naceu ao mesmo tempo que Farándula Velutina. Para poder beneficiarnos das axudas administrativas, decidimos constituírnos coma asociación cultural. Desde o noso nacemento, a única actividade da asociación é a teatral, pero non descartamos abrirnos a outros ámbitos.
Tendes un espazo propio para ensaios? Tempo dedicado? Metodoloxía de traballo? Formación?
Temos a sorte de poder dispoñer das instalacións da Casa da Cultura do concello de Corcubión, que sempre se mostrou moi receptivo ás nosas propostas. Mesmo se nos concedeu un espazo para a almacenaxe da escenografía, o attrezzo e o noso material técnico.
Ensaiamos un día á semana, normalmente os sábados, o momento en que todos os integrantes do grupo podemos subtraernos das obrigas dos nosos traballos e estudos.
A nosa maneira de entender a práctica cotiá da nosa actividade é moi clásica. Facemos teatro de texto. Unha vez escollida a peza da montaxe e feito o reparto, cada participante aprende a letra e imos pouco a pouco montando as diferentes escenas, probando cousas ata que o resultado nos resulta satisfactorio. Os ensaios son o noso laboratorio de probas e todo, incluído o texto, pode cambiar ata o mesmo día da estrea (e mesmo despois).
Estades en FEGATEA. Por que? Vantaxes. Algunha suxestión para mellorar o seu funcionamento?
Desde o nacemento do noso grupo, consideramos que estar federados era fundamental para darmos a coñecer o noso labor. FEGATEA ofrécenos a posibilidade de participar coas nosas propostas en moitos eventos e deunos a infraestrutura administrativa para podermos organizar nós mesmos un circuíto de teatro amador en Corcubión, permitíndonos deste xeito aumentar significativamente a oferta teatral do noso concello. Ademais, os cursos e talleres que organizan estannos resultando moi útiles para crecer en aspectos da formación teatral para nós descoñecidos ou pouco explorados e que están tendo incidencia práctica nas nosas montaxes.
Que vos achegou o teatro persoalmente?
Difícil resumir nunhas liñas. Poderiamos destacar que o teatro supuxo e supón para nós un grande enriquecemento persoal a nivel intelectual, emocional e mesmo afectivo. Animounos a levar a cabo todo tipo de lecturas relacionadas co xénero, a producir os nosos propios textos. Establecemos un vínculo sólido non só entre nós os dous senón tamén con moitas das rapazas e rapaces que pasaron polos nosos grupos. Viaxamos. Coñecemos xente interesante. Fixemos novas amizades. O teatro levounos a desbloquear as nosas propias inhibicións, que non eran poucas. Desde hai uns anos, nós tamén recibimos formación como actores. Cantas veces nos preguntamos como é que chegamos ata aquí. Quen nolo ía dicir? En definitiva, moitas satisfaccións e, por que non dicilo, algún que outro rompedeiro de cabeza.
Ademais do voso interese e da práctica, procurastes algún tipo de formación para levar a dirección do grupo?
Consideramos o teatro coma un oficio, coma unha especie de artesanía na que un non deixa de crecer e de aprender. Na nosa opinión, para desenvolver adecuadamente o labor de dirección é importante coñecer ben todos os aspectos do proceso teatral. Formámonos coma actores no estudio CasaHamlet, baixo o maxisterio de Santiago Fernández. No Centro Latinoamericano de Creación e Investigación Teatral, participamos en talleres de dramaturxia para diferentes modalidades de teatro, con mestres coma Ignacio Apolo, Ariel Barchilón, María Inés Falconi ou o especialista en monicreques e teatro de obxectos Javier Swedzky. Asistimos, sempre que nos é posible aos cursos que organiza FEGATEA. Recordamos con moito cariño un de fabricación de máscaras impartido por Kukas que nos causou unha impresión formidable. E, por suposto, somos lectores e espectadores de teatro. Entre os nosos obxectivos a curto prazo en materia de formación está o de buscar axuda para mellorar nos aspectos técnicos da posta en escena (iluminación e son).
[A Fernando Castro:] Que supón para un profesor de lingua e amador do teatro obter premios tan importantes como o Cunqueiro, o Vidal Bolaño ou o Dieste?
[Fernando Castro:] Supón un enorme orgullo. Álvaro Cunqueiro, Roberto Vidal Bolaño e Rafael Dieste son tres figuras fundamentais na configuración e o desenvolvemento do teatro galego e ter sido galardoado cos premios que levan os seus nomes é extraordinariamente satisfactorio. En todo caso, penso que o maior premio para calquera autor de textos teatrais é ver as súas pezas representadas. Nese sentido, o meu principal agradecemento é para todos os integrantes de Farándula Velutina, que confían (quen sabe por que) no meu traballo e dan o mellor de si para que o que imaxino cobre vida sobre as táboas.
Queredes dicir algo máis?
Queremos agradecer á Erregueté o seu interese no noso traballo e a súa preocupación por darlle voz ao teatro afeccionado. Un cordial saúdo para a revista e todos os seus lectores.