in

Aurora Boreal

Movemento conxelado

Aurora Boreal, de Paula Quintas. Imaxe de Alberte Peiteavel
Aurora Boreal, de Paula Quintas. Imaxe de Alberte Peiteavel

Paula Quintas volve á Sala Ensalle de Vigo para celebrar o seu 10º aniversario coa preestrea da súa última peza até o momento, Aurora Boreal, dentro do Festival Isto Ferve, que precisamente este ano celebra tamén 20 anos dende a súa creación.

Aurora Boreal é unha peza de danza pensada para sala, algo que se cadra pode parecer obvio, mais tendo en conta a traxectoria de Paula Quintas non o é tanto, xa que no seu repertorio se mesturan a danza e o circo tanto como os espectáculos de sala, de rúa ou creados para espazos especiais e non convencionais.

Neste caso, e acompañada na creación por Rut Balbís (quen se fai cargo da dirección), o espazo creado é tamén especial, pensado para levarnos á idea boreal, é dicir, ao norte, ao frío, aos espazos nevados e xeados do ártico.

Así o chan e o fondo brancos, a néboa ou o xeo, referencias materiais específicas, pero tamén a calidade do movemento lévannos á idea nórdica: desprazamentos lentos, precisos, repetidos, por veces conxelados ou adurmiñados, por veces frenéticos (acaso na procura de calor)…

Dividida en tres partes, a peza ofrece unha reflexión sobre a fugacidade ou o efémero da vida, contrastada coa súa conxelación: un combate entre as forzas da natureza e o pensamento humano sobre as cousas e sobre o tempo.

Este substrato conceptual aparece reflectido no movemento e na atmosfera da peza, que ofrece ao público un espazo para a contemplación, como quen mira o proceso vital dunha flor que loita por nacer e sobrevivir nun espazo onde os elementos non son propicios, mais salientan a beleza da forza vital.

Flores que aparecen literalmente conxeladas dentro de enormes cubos de xeo, pendurados sobre a escena, e cos que Quintas establece un diálogo danzado, tanto coa dureza do elemento como coa promesa pechada dentro, como coa auga que vai pingando sobre o linóleo ao ritmo marcado pola desconxelación natural.

Finalmente, a peza remata cunha imaxe extática, tanto no seu aspecto de parálise do movemento até chegar á conxelación, como no relativo ao transo en éxtase, unha conxunción case mística que nos lembra a experiencia transcendental de fundirse coa natureza, de deixarse levar e mesmo morrer en plena éxtase.

Unha imaxe que non sería posíbel sen o traballo cos elementos e aparellos técnicos precisos para xerar a súa maxia visual, apartado no que hai que salientar o labor de Octavio Mas na iluminación (imprescindíbel para levarnos á sensación ártica e boreal), de Carla Andrade no traballo audiovisual ou de Macarena Montesinos e Nacho Muñoz na composición musical, realizada en exclusiva para esta peza, e que acompañan os movementos de Paula Quintas do mesmo xeito que forman parte da peza por si mesmos.

Un traballo no que recoñecemos a traxectoria artística de Quintas, quen fai do diálogo cos elementos (naturais ou artificiais) unha das súas especialidades, como xa o fixo co plástico en Plastic, en 2018, co aramio, en Multiperspectivas 2.0., en 2023, ou cos aparellos circenses en  Analepsis, en 2017.

Iván Fernández
Latest posts by Iván Fernández (see all)

Aurora Boreal, de Paula Quintas

Dirección: Rut Balbís
Asesoría de movemento: Tanit Cobas
Interpretación: Paula Quintas
Vestiario: Jandro Villa
Iluminación: Octavio Mas
Composición musical: Macarena Montesinos, Nacho Muñoz
Composición audiovisual: Carla Andrade
Asesoría artística: Manu Lago-Galicia Danza Contemporánea
Foto: Alberte Peiteavel
Audiovisual: Miramemira

Aurora Boreal é unha produción de Paula Quintas con axuda á Creación da Xunta de Galicia a través da Agadic.

Sala Ensalle, Vigo. 15 de febreiro de 2025. Preestrea.

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, ADE Teatro, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

'O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada'. Foto de Ana Barceló.

O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada

Xabier Deive

A AAAG concédelle a Xabier Deive o Premio de Honra Marisa Soto