in

Unha historia do Noitebús

Digna de desprezo

Imaxe da peza de teatro Unha historia do Noitebús
'Unha historia do Noitebús', do Colectivo Xuventude Prea. Foto: Santi Prego.

Esta peza é pouco convencional. Por exemplo, a súa xira estase a realizar por locais sociais da xuventude autoxestionados. Nos vímola no Local Social Faísca de Vigo pero anteriormente estivera na asociación cultural Artábria do Ferrol, na A.C. Fillos da Chaira de Rábade e no Colectivo Terra Pontedeume. Outro exemplo: a duración do espectáculo é de 40 minutos, así que nin dá para un espectáculo convencional, nin para microteatro, pero Xuventude Prea (así se autodenomina esta guerrilla teatral) non están moito polo labor de estirar o espectáculo ou despezalo en anacos máis pequenos para poder representalo baixo fórmulas máis doadas de distribuír. Outro máis: os cartos que obteñen das actuacións son a través da billeteira inversa, é dicir, é o espectador o que valora cantos cartos mereceu pagar por ese espectáculo. Estas preas teñen claro o que queren contar e como o queren contar.

A peza retrotráenos ao transporte nocturno que implantou no seu día a Xunta do PSOE-BNG, e que levaba a mocidade de ruta polas discotecas da contorna. Como o propio colectivo afirma “esta historia do Noitebús é a historia dunha xeración marcada polas discotecas do rural, os metros de chupitos e os botellóns nos aparcadoiros, cargada de emoción e moitas, moitas risas”. A iniciativa do Noitebús para que os mozos do rural non morresen de madrugada nas estradas tivo lugar durante catro anos, nesa paréntese igualmente improbable, pero tamén real, do goberno bipartito.

En galego unha prea é un corpo morto en descomposición. Tamén se refire a unha persoa digna de desprezo. E esa é a consideración que parece merecer a xuventude do rural ao que se lle nega o seu dereito a divertirse, que vai aparellado ao dereito a unha mobilidade segura. Algúns deles acaban literalmente coma preas, cos seus corpos podrecendo mesturados cos ferros dos seus automóbiles sinistrados.

E aquí están os bufóns de Xuventude Prea para recordarnos eses momentiños de festa co seu teatro documento. Unhas preas que bebían e bailaban ata o amencer. Porque resulta que todos temos dereito a divertirnos, non só os señores ricos, non só os pijos de cidade. A diversión é un dereito, e a diversión no rural sen risco de morrer na estrada está necesariamente ligada ao transporte público.

Esta xentiña do teatro non ten vergonza: bailan entre cristais rotos, beben, un deles atravesa eivado por entre o publico nunha cadeira de rodas, seguen a beber e a bailar, entran e saen do coma etílico e rin, rin moito, porque como dixo non sei quen, a xente nova é a única que cre na eternidade: non lles entra na cabeza que algún día han morrer. Hai un momento no que unha das actrices (entran e saen de personaxe constantemente) evoca con nostalxia aquela época. E a outra retruca descarada: “Pero que nostalxia, tía, se o PP suprimiu o Noitebús no 2010 e ti daquela tiñas 5 anos”.

O colectivo Xuventude Prea presentouse ao certame Xuventude Crea asinando o seu proxecto baixo o nome de Xuventude Prea. Estes vándalos contábannos no coloquio posterior ao seu documento teatral a súa decepción ao coñecer que non foran seleccionados.

En resumo: teatro irreverente, comprometido, fresco e divertido. Se na túa época non tiveches oportunidade de ir follar ao cemiterio de Cee á saída da discoteca, poderás coñecer de primeira man en que consistían esa e outras experiencias.

O que menos nos gustou: cando tratan as consecuencias dramáticas dos sinistros. Non é doado mellorar os anuncios da DGT.

O mellor: A escenificación das delirantes entrevistas nas discotecas que fai a personaxe de Raquel Atanes (La Voz de Galicia) preguntando cousas como “¿Quéee-diríáaas-que-tieeene-la-noooche-de-Sáanta-Cóoomba?” O sorprendente é que o único que fixo o elenco neste caso foi reproducir ao xeito verbatim as entrevistas reais, porque Raquel Atanes existe de verdade e esas entrevistas están na canle de Youtube de V-Televisión.

Santi Prego
Latest posts by Santi Prego (see all)

Unha historia do Noitebús, do Colectivo Xuventude Prea

Dirección e dramaturxia: Roberto Vázquez

Textos: Candela Martínez, Sandra Zarco, Xiana González, Dani Lago e Roberto Vázquez

Interpretación: Candela Martínez, Sandra Zarco, Xiana González, Vanessa Lens, Dani Lago e Teo Piñeiro

Espazo sonoro e vídeo: Marqués de Vilapodre

Iluminación e escenografía: Roberto Vázquez

Produción: Colectivo Xuventude Prea

Local Social Faísca de Vigo, 24 de abril de 2025

Santi Prego

Santi Prego

Son actor dende hai máis de trinta anos. Tamén traballei como narrador oral e noutros oficios do espectáculo. Apaixónanme a investigación e a docencia: son doutor en Artes Escénicas e profesor de Teoría e Historia do Espectáculo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

"As desterradas", de Producións Teatrais Excéntricas. Imaxe de Sabela Eiriz.

As desterradas

Foto da convocatoria

Foco Galicia Danza pecha hoxe o prazo de presentación de propostas