in

Costa da morte, cartografía dun naufraxio

O mar non ten amigos

Cartografía dun naufraxio, de Mariña Lestón. Fotografía de Pixelín.
Cartografía dun naufraxio, de Mariña Lestón. Fotografía de Anxo Beiro.

O domingo 13 de xullo tiven a oportunidade de ver a última (que non derradeira) función de Costa da morte, cartografía dun naufraxio, espectáculo debut da actriz Mariña Lestón, en coprodución co Centro Dramático Galego, no Museo do Mar de Galicia.

A peza é un monólogo que trata unha das problemáticas máis destacables da historia do noso país, os naufraxios, centrándose na zona da Costa da Morte, da que ela é nativa. Nesta peza podemos ver a pegada dos naufraxios na nosa cultura, mediante as cantigas que tratan destes, pero tamén imos ao particular, xa que Mariña pon o seu corpo á disposición de tres testemuñas, dando vida a persoas afectadas polos naufraxios, de xeito directo ou indirecto.

Cartografía dun naufraxio pon en valor a historia popular de Galicia, xa que, encarnando as afectadas, a actriz se torna nun altofalante para as persoas que sempre son esquecidas da Historia de Galicia con maiúsculas, poñendo o foco no común, e no contexto do Museo do Mar de Galicia, isto resulta especialmente valioso.

O espectáculo conta cunha posta en escena simple, pero a actriz é quen de encher o espazo cunha presenza amable, pero potente, e chea de detalles. Grazas a isto, consegue que todas as persoas que encarna aparezan en todos os recunchos do seu corpo, incluso nas comisuras dos beizos. O espazo escénico, de Carlos Alonso, é consciente do seu lugar nesta proposta, e serve de apoio para a actriz, sendo así un moi bo compañeiro de escena.

Con isto, podemos dicir que Costa da Morte, cartografía dun naufraxio é unha peza necesaria, que estuda a nosa relación como pobo co mar, elemento fundamental na nosa identidade como galegas, e que nos coloca en fronte de experiencias que de xeito sistemático adoitamos esquecer.

Diana Longa
Latest posts by Diana Longa (see all)

Costa da morte, cartografía dun naufraxio, de Mariña Lestón e o CDG

Dirección, dramaturxia e produción: Mariña Lestón.
Interpretación: Mariña Lestón.
Apoio na dramaturxia: Vanesa Sotelo.
Asistencia vocal: Cristina Domínguez.
Escenografía e vestiario: Carlos Alonso.
Imaxe e audiovisuais: Anxo Beiro.
Proxeccións e deseño gráfico: Xaime Beiro.
Técnico en xira e iluminación: Jorge Álvarez.

Coproduce: Centro Dramático Galego.
Colabora: Concello de Oroso, Concello do Barco de Valdeorras.
Cofinancia: Xunta de Galicia, Fondos Europeos.
Distribúe: Urdime.

Museo do Mar de Galicia. Vigo, 13 de xullo de 2025.

Diana Longa

Diana Longa

(Vigo, 2001)Titulada superior en Dirección Escénica e Dramaturxia na ESAD de Galicia. Formada en música, sobre todo canto. Cofundadora do podcast Isolda, Diana e Martín viven nun mocasín.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Imaxe de Simon Takatomi.

Ética, inspiración e cervexa de media noite

Manuel Lourenzo

Falece o dramaturgo Manuel Lourenzo, figura pioneira e central do teatro galego