O Teatro Principal de Ourense acolle o vindeiro sábado, 15 de novembro, a estrea do novo espectáculo de Redrum Teatro, Nas nubes. Nel, a compañía pon sobre as táboas o texto homónimo de José Luis Baños de Cos, que resultou gañador do XV Premio Barriga Verde.
Trátase dunha comedia dirixida a todos os públicos “que fala dos cambios que poderá ter na nosa vida a irrupción da intelixencia artificial, e combina distintas disciplinas como a improvisación, os números circenses e a música en directo”.
Está protagonizado por Xúlio Abonjo, Carlota Mosquera e Guillermo Carbajo baixo a dirección de Alex Sampayo. Completan o equipo Marta Alonso na dirección de movemento; Carlos Álvarez- Ossorio no deseño de iluminación; Davide González no espazo sonoro; Malala Ricoy na asesoría circense; Escenoset na construcción da escenografía e Nicolás Zamorano na construcción dos monicreques.
Trátase do vixésimo primeiro espectáculo de Redrum Teatro e conta coa subvención da Xunta de Galicia mediante as axudas á produción de espectáculos da Axencia Galega das Industrias Culturais, así como coa colaboración do Concello de Teo.
As entradas para a estrea pódense mercar a través da páxina Ataquilla.com.
A compañía
Redrum Teatro funciona como unha empresa cultural dedicada á produción e á distribución de espectáculos dende o ano 2009. Dende a súa fundación, a compañía levou a escena obras para o público familiar (Moito Conto, Roedores, A nena que quería navegar ou Os contos do Lobicán) e diversos espectáculos para adultos, como Currículum vitae, Noiteboa, A canción do Elefante, IDIOTA, O mozo da última fila ou Invisibles.
- O CDG estrea ‘Memorias dun neno labrego’ - 08/01/2026
- O festival internacional Galicia Magic Fest está a celebrar a súa novena edición - 03/01/2026
- Falece o actor Miquel Insua - 31/12/2025



