in ,

Disforia de clase

Aleksandra Kollontái. Foto de autoría decoñecida.
Aleksandra Kollontái. Foto de autoría decoñecida.

Pois si, recunco con forza para establecer un novo concepto: disforia de clase.

A disforia de clase é a epidemia que sofre unha porcentaxe elevada da clase traballadora actual e que consiste en crer e sentir que pertencen a outra clase social, sempre superior, obvio. O padecemento está tan arraigado que na maioría dos casos detectados a epidemia prevalece e as persoas afectadas conseguen facer vida “normal” sen precisar da medicación. A medicación habitual consiste na inmersión intelectual en lecturas arredor desta temática como son os escritos de Aleksandra Kollontái que explicaba a dobre escravitude da muller, a da clase como obreira e a do xénero, no mesmo feito de nacer muller.

Este virus instalouse na cultura galega sobre todo na relación espiñenta entre o teatro e as institucións, por iso cando sofres disforia de clase pensas que o “carghiño” é para ti por ser ti ad eternum, o que provoca situacións delirantes na realidade, propias do medievo, onde se explicaba a realidade a través das crenzas, onde a ciencia aínda non sabía.

Os síntomas son: néboa mental, non falar claro, tentar quedar ben aquí e acolá, un abismo entre o que dis e o que pensas e o que fas… E dígovos a verdade, prefiro os síntomas da menopausa.

Porque cando unha persoa é diagnosticada con disforia de clase é ben difícil que se recupere, imponse esa hibristráxica que lle impide escoitar e sofre e fai sufrir ás demais. Así que para todas esas persoas que convivan cunha persoa infectada moita forza e que saiba que non está soa, existe un xesto internacional para cando queremos indicar que vivimos unha situación deste tipo. Consiste en erguer o dedo maior con decisión cara á persoa enferma e mantelo como se foramos Van Helsing cun crucifixo cara Drácula.

O teatro é un traballo tan inestábel que ter conciencia é o único xeito de envellecer con dignidade na profesión e non está ao alcance de todo o mundo facelo, porque agora, coma antes, é máis doado confesarse que rectificar, aínda que isto último sexa de sabias.

Irene Moreira
Latest posts by Irene Moreira (see all)

Irene Moreira

Irene Moreira

(Vigo, 1980) Directora de escena e profesora de arte dramática. Actualmente dirixe a compañía teatral Xerpo, e, xunto con Álex Sobrino, fundou a Sala Ingrávida (Porriño), da que foi responsable de programación. Imparte docencia na ESAD de Galicia, traballo que combina co podcast 'Radio Ingrávida' e a experimentación co novo teatro confinado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Concerto para cámara, de Diego Seixo

Teatro Permanente estrea ‘ÜBERSCHACH 1937’