Hai uns días asistín a unha peza na Área Panorámica de Tui dun director portugués que non vou amentar. A peza tiña unha duración de catro horas e a expectativa arredor do tema da Revoluçao dos Cravos xeraba moita expectativa.
O que sucedeu e pasa moitas veces no teatro foi unha absoluta desesperación.
Non son crítica teatral, nin o pretendo, pero como dicía o meu tío Pepe cando gañaba ao tute “E que eu vivo disto”. Pois iso, podo rexoubar irreverentemente do que sei.
Máis alá do contexto da peza, que non é importante para o tema, o terríbel eran as horas infindas onde as escenas se alongaban nun puticlube onde os corpos das compañeiras actrices eran sobados polos seus compañeiros actores (por un máis que por outros, hai que puntualizar), nunha desafortunada escenificación que non facía máis que perder espectadoras e incluso espectadores. As escenas que versaban sobre a homosexualidade masculina eran un clixé sobre un clixé, pero iso si, solucionadas con distanciamento, onde malamente se asomaba o cu dun dos actores, en fin, tan indignante como o tratamento dos corpos das mulleres.
E o erro non foi a duración, hai relativamente pouco asistín a sete horas de función de Robert Lepage, e o devir do tempo estaba ben xestionado e executado no escenario, a escena non estaba apurada e o tempo semellaba voar, unha delicia.
Mais isto non acontecía aquí onde o texto corría apurado sen moito sentido, as escenas alongábanse sen accións ou imaxes e o único ao que nos convidaban eran a botar unha soneca, como dixo unha alumna sobre a peza: “foi un secuestro”, e ten razón, porque cando o teatro é malo é un auténtico secuestro.
Non entendo porque non se puxo esa pedazo produción nas mans de Joana Craveiro, por exemplo, directora de escena portuguesa que investiga arredor do mesmo tema, a historia recente de Portugal.
Ou ao mellor si o sei e estou ata a cona… Os homes, os teatros e as grandes producións… pfff!
Así se entende porque as producións pequenas ou sen recursos son moitas veces os lugares das creadoras que fan máis do que poden co tempo e os recursos. Pensade nas grandes producións das institucións e repasade cantas están dirixidas por mulleres, e aínda así non paramos de crear.
Poñamos de exemplo a xenealoxía marabillosa que nos confirma que a performance é maioritariamente feminina, unha arte que precisa pouca produción e moita valentía e na que sobre todo se expón a realidade a través dos corpos, iso que non interesa aos homes que saben que a igualdade implica quitarse privilexios.