A montaxe máis ambiciosa da historia da compañía Ibuprofeno Teatro estréase esta fin de semana no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Este acollerá unha primeira función hoxe, venres, ás 20.30 horas, e outra mañá, sábado, á mesma hora, deste novo traballo, Reconversión, que conta con oito actores-músicos en escena e un amplo equipo artístico. Despois da estrea, o espectáculo poderá verse en Moaña (o 15 de febreiro), Carballo (o 21 de febreiro), Vilagarcía (o 22 de febreiro), Ames (o 14 de marzo), Oleiros (o 15 de marzo), Pontevedra (o 20 de marzo), Cangas (o 22 de marzo), Ourense (o 27 de marzo), Lugo (o 3 de abril), Vimianzo (o 5 de abril), Vigo (o 11 e 12 de abril) e Narón (o 25 e 26 de abril).
A peza
Reconversión é un exercicio de memoria histórica arredor da reconversión naval na Ría de Vigo. O texto, creado ao abeiro do XI Laboratorio Teatral da Fundación SGAE 2023 e publicado en galego por Edicións Positivas, narra a historia do pai do autor, un home que traballou no estaleiro Ascón durante 30 anos. Nel, Cortegoso busca levar o público do plano íntimo ao político sintetizando na persoa de seu pai as vivencias de toda unha xeración, que sufriu o paro polo peche da factoría en 1984 e viviu as mobilizacións históricas que tiveron lugar nos 70 e nos 80.
A montaxe conta co apoio da Xunta de Galicia a través das axudas á creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, Agadic; do Concello de Catoira, que acolleu a compañía durante o mes previo á estrea nunha residencia artística que culminou o domingo 2 de febreiro cunha preestrea aberta á veciñanza, e da MIT de Ribadavia, onde poderá verse o espectáculo.
Oito actores-músicos interpretan a banda sonora en directo, formando unha charanga e dando vida ás persoas protagonistas desta historia, entre os que se atopan Miguel Boyer, Alfonso Guerra, Felipe González, Franco, Mayra Gómez-Kemp, Naranjito ou Isabel Preysler. Os actores Artur Abad, Cristina Collazo, César Goldi, Celia González, Davide González, Fran Lareu, Nani Matos e Santiago Cortegoso conducirán esta viaxe dende a posguerra ao Felipismo dos 80, pasando polo auxe da industria siderúrxica e a evolución dende un estilo de vida rural a unha sociedade capitalista.
Con dirección do propio Cortegoso, completan o equipo artístico Carlos Álvarez-Ossorio na codirección e no deseño de iluminación, Pablo Giráldez ‘O Pastor’ no deseño do espazo escénico, Alonso Caxade na dirección musical, Marián Bañobre no deseño de vestiario, Baia Fernández na caracterización, Armando Martén no movemento escénico e Natalia Feijoo na asistencia de dirección (a través dun convenio coa Escola Superior de Arte Dramática de Vigo).
“A obra é un exercicio de memoria histórica sobre uns acontecementos socioeconómicos que tiveron un impacto enorme na sociedade con resonancias globais. A reconversión foi un intenso e extenso proceso de axuste e acomodo a unha realidade cambiante que aquí se narra a través da vida do pai do autor, ex-traballador do estaleiro Ascón. O sector naval foi referente na loita sindical embarcándose nun proceso longo e duro no que destacan as manifestacións masivas de 1978 ou o secuestro do catamarán que cobre a liña Vigo-Cangas en 1985. Estes dous acontecementos reprodúcense na montaxe, que mestura a realidade coa ficción, e o surrealismo cos feitos históricos”, segundo recolle a sinopse do traballo.
A peza inspírase na retranca e o humor galegos, botando man da ironía do Entroido e outras celebracións populares. O público chega ao teatro e recíbeo unha charanga que o acompaña ao patio de butacas antes de continuar cara ao escenario, onde se recrea unha verbena propia dos anos 80. A partir dese momento e mediante flashbacks faranse viaxes do presente ao pasado a través da mirada do personaxe do fillo (Santiago Cortegoso) que tratará de encaixar as pezas da vida de seu pai.