in

Brazaletes

Cando o fútbol toma partido

Foto: Amorodio Teatro.
Foto: Amorodio Teatro.

Aínda que o tema é o fútbol, desta vez nas bancadas non hai maioría masculina nin se berran slogans agresivos. O que inunda o espazo hoxe é silencio, memoria e unha loita compartida. Non estamos no estadio. O xogo é outro: o teatro.

En pé, a compañía Amorodio Teatro fronte ao tempo e ao esquecemento.

O partido titúlase Brazaletes.

No centro do campo, Javier Castiñeira sostén os setenta minutos escénicos cunha entrega que alterna entre narrador e personaxes. Cambia camisolas como quen cambia de posición no terreo de xogo. Cada camiseta é unha historia. Cada historia, unha toma de postura. O recurso é sinxelo, pero funciona: detrás de cada escudo hai un corpo, e detrás de cada corpo hai unha conciencia. O actor sostén o xogo elegantemente, con certa delicadeza, saíndo do clixé para representar un seareiro do fútbol cheo de sensibilidade e moi humano.

A escena preséntase cunha escenografía minimalista que lembra a disposición dun pequeno campo de xogo. No centro, unha portería que funciona como fronteira entre espazos e tempos. Diante dela esténdese un pequeno céspede circular onde o intérprete constrúe boa parte da narración. Á esquerda, un panel forrado de camisetas a modo de parede de vestiario, cun banco aos pés, onde o intérprete descansa ás veces, visualizando xunto co público a pantalla que hai á dereita da portería.

Castiñeira regatea dun lado a outro do escenario atravesando distintas capas do relato. Móvese creando unha composición lumínica e espacial intelixente, que permite ao espectador trasladarse con el.

Adestrado e dirixido por Santiago Cortegoso, o equipo aposta por unha táctica limpa, onde o movemento e a palabra levan o peso do xogo. Cortegoso, cunha traxectoria marcada pola reflexión política e pola vontade de diálogo co presente, formula aquí unha pregunta clara: pode o fútbol ser tamén un espazo de resistencia? A súa estratexia de colaxe, chea de cambios de ritmo, de estilos e flashbacks, ten unha conseguida intención de entretemento, mais, como o seu propio estilo define, sempre con debate interno e reflexión política.

O texto de Ernesto Is serve de estrutura para este encontro entre documento e ficción. Sen artificios innecesarios, a dramaturxia permite que os feitos históricos —os últimos fusilamentos do franquismo baixo o réxime de Francisco Franco— entren en escena como memoria viva e non como lección pechada.

A proxección de materiais audiovisuais reforza ese carácter documental. As imaxes reais conviven co corpo presente do actor. Pasado e presente xogan no mesmo campo. O teatro convértese nun estadio de memoria.

E aquí é onde o partido se volve interesante.

Porque o fútbol, tantas veces asociado ao capital, á maquinaria mediática e á masculinidade impermeable, aparece atravesado por outra narrativa: a daqueles xogadores que decidiron usar a súa visibilidade como ferramenta política. Non todos o fixeron. Pero algúns si. E ese xesto —un brazalete negro no brazo, un posicionamento incómodo, unha negativa a calar— foi suficiente para rachar a suposta neutralidade do deporte.

O espectáculo deixa desfilar polo campo diferentes figuras que, en momentos distintos da historia do fútbol, decidiron xogar contra o guión establecido. Entre elas noméanse a Jenni Hermoso, convertida nun símbolo recente da loita pola dignidade das mulleres no deporte; tamén Borja Iglesias, parte dunha xeración que non renuncia a expresar posicións políticas; o brasileiro Sócrates, que durante a ditadura militar fixo do Corinthians un experimento democrático; ou Bebel García, capitán do Deportivo da Coruña fusilado en 1936. Nese percorrido faise evidente que a historia tamén se escribe desde xestos pequenos, desde corpos que resisten e desde a voz da arte cando decide intervir no xogo.

A obra lembra tamén o acontecido o 28 de setembro de 1975 nos Campos do Sport de El Sardinero, cando dous futbolistas saíron ao campo en sinal de protesta polos fusilamentos, entre eles o do vigués Xosé Humberto Baena. Foi un xesto pequeno, pero profundamente valente e poderoso, que aínda hoxe nos axuda a lembrar aquilo que non pode caer no esquecemento.

En escena hai momentos de intensidade dramática que cambian o ritmo do xogo e deixan ver a vulnerabilidade do intérprete. Hai tamén humor, retranca e frescura. Nalgúns instantes, os propios balóns convértense en interlocutores inesperados: o actor diríxese a eles como se fosen personaxes silenciosos do relato. Noutro, son golpeados en tiro directo á portería, representando dramaticamente os fusilamentos e deixando claro o absurdo e a violencia do xogo do poder.

A relación co público forma parte dese mesmo dispositivo escénico. Castiñeira fala directamente ás persoas da sala, interpélaas, baixa ás bancadas e constrúe momentos de complicidade que fan da audiencia parte do partido, como da vida mesma.

Esa alternancia constrúe unha dinámica que evita o discurso plano e mantén o xogo aberto.

Brazaletes non pretende absolver o fútbol das súas contradicións nin convertelo nun espazo utópico. Pero si lembra algo esencial: que ningunha plataforma de masas é inocente. Que toda estrutura pode ser cuestionada desde dentro. E que para a xuventude —tan próxima ao fútbol como ás redes e ás pantallas— a memoria pode entrar por camiños inesperados.

Se o estadio adoita ser ruído, aquí foi escoita.
Se o marcador adoita medir goles, aquí mediu conciencia.

E o final foi claro: público en pé. Aplauso longo. Un gol ben colocado no ángulo superior da nosa memoria colectiva.

O partido non foi competitivo hoxe. Foi una exhibición clara de que o fútbol é cultura e de que a cultura, inevitablemente, é política.
Zara Sobral
Latest posts by Zara Sobral (see all)

Brazaletes, Amorodio Teatro

Texto: Ernesto Is

Dirección: Santiago Cortegoso

Interpretación: Javier Castiñeira

Dirección de movemento: Inés Santos

Deseño de iluminación: Violeta Martínez

Vestiario: Carmen Facorro

Espazo sonoro: Vazone

Vigocultura. Auditorio Municipal de Vigo, 6 de febreiro de 2026. Estrea.

Zara Sobral

Zara Sobral

(Santiago de Compostela, 1984) é actriz, creadora escénica e directora teatral. A súa traxectoria comeza na Coruña en Casa Hamlet, da man de Manuel Lourenzo. O seu interese polo traballo do corpo e polo teatro físico lévaa a profundar nas pedagoxías de Jacques Lecoq xunto a Mar Navarro en Madrid. Máis adiante completa a súa formación coa técnica Meisner con Javier Galitó-Cava en Barcelona, estuda tamén en Londres en Physical Theatre con Ron East e continúa sempre unha constante formación en diferentes técnicas con grandes mestres.
Como actriz participou en distintos proxectos teatrais e audiovisuais, moitos deles vinculados a procesos de creación colectiva. Como directora levou á escena 'Ni con tres vidas que tuviera', de José Pascual Abellán, representado durante varias tempadas en diferentes salas de Madrid e con boa acollida da crítica.
Actualmente continúa ampliando a súa formación na ESAD de Galicia, onde estuda dramaturxia e dirección de escena.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Santiago Cuquejo e Leonor Sangabriel en 'RIAZOR OSTIA'.

A compañía Os Náufragos Teatro presenta ‘RIAZOR OSTIA’ en Vigo