in , ,

O CITEAMOR celebra a súa 14ª edición

A programación desenvolverase entre o 7 de abril e o 26 de maio

Teatro das Aras representando Reencontro, de Rosa E. Gantes.
Teatro das Aras representando 'Reencontro', de Rosa E. Gantes. Fonte: CITEAMOR.

O Ciclo de Teatro Afeccionado do Morrazo (CITEAMOR) inaugura mañá, martes 7 de abril, unha nova edición, que se desenvolverá ata o vindeiro 26 de maio. Os obxectivos deste ciclo, organizado pola Asociación Cultural A Cepa e que conta coa colaboración do Concello de Cangas e o programa Culturea da Deputación de Pontevedra, son os seguintes: “a visibilidade dos grupos do Morrazo, a formación actoral, a inclusión e a diversidade e a consolidación dos vínculos cos grupos de teatro portugués do Alto Minho”.

Nos dous meses de programación (ás 20:00 horas todos os martes, mais o venres 8 de maio), actuarán un total de 12 grupos de teatro: sete de Cangas, tres de Moaña, un convidado portugués e outro galego-portugués. Tamén inclúe por primeira vez a lectura dramatizada dun mesmo texto en galego e portugués. Ademais, retómanse por primeira vez despois da COVID os cursos de formación,  “nos que poderá participar toda persoa amante do teatro, dando preferencia ás persoas que participan no ciclo”.

Dentro do apartado formativo do ciclo, o actor e monicrequeiro Eduardo Rodríguez Cunha, Tatán, impartirá un curso de construción e manipulación de siluetas para sombras, coa elaboración dun traballo artístico final. Ofrecerase tamén outro curso, que a organización dará a coñecer proximamente.

A inauguración desta edición celebrarase no Auditorio Municipal de Cangas Xosé Manuel Pazos Varela, mañá martes, ás 20.00 horas, e o pregón correrá a cargo de Rosa E. Gantes. A continuación, abrirá a programación o grupo de teatro Ocupando Espazos, de recente formación e saído do curso de “Posta en Escena” que imparte Fran Paredes na Escola de Teatro de Cangas. O elenco representará VOD(k)VIL, un vodevil que versa sobre a condición feminina nun mundo rexentado por electrodomésticos de deseño masculino. Este espectáculo conta con textos de María Armesto e Paula Carballeira.

Luzazul, “colectivo verdadeiro que desborda alegría, amor e paz”, actuará o 14 de abril, seguindo a liña marcada por Maite Campos, coa súa peza Zyranxs. O 21 de abril cambiarase de escenario. Na Capela do Hospital, que está integrada nos xardíns do Sinal, poderán verse dous espectáculos de pequeno formato. No primeiro, o grupo de teatro do Camões-CCP-Vigo, Eu.Experimento, porá no altar da capela a comedia do autor portugués Júlio Dantas, A ceia dos Cardeais, baixo a dirección de Afonso Becerra. A continuación, o grupo cangués Teatro das Aras seguirá o ritmo das actuacións co texto gañador da segunda edición do Premio PLATTA-Portugal, Reencontro, escrito por Rosa E. Gantes.

De novo, os idiomas galego e o portugués uniranse na lectura dun mesmo texto. O 28 de abril, na sala de exposicións do auditorio cangués, un grupo pertencente á Escola de Teatro de Cangas e outro do Camões-Centro Cultural Português em Vigo lerán o texto de Xacobe García, A importância de se chamar António/A importancia de chamarse Antonio, gañador do 1º Premio PLATTA de Teatro Breve-Portugal.

O día 5 de maio actuará o grupo da Asociación Cultural Mulleres de Moaña, conmemorando o 90 aniversario do asasinato de García Lorca, con A casa de Bernarda Alba.

Duplaface-Companhia das Artes de Ponte de Lima representará o venres 8 de maio Os mendigos, unha historia sobre a brutalidade da rúa e os xogos de poder escrita e dirixida por Rita Campos. As actrices da Asociación Cultural e Folclórica Charaviscas de Domaio, guiadas polo actor Lois Soaxe, representarán na seguinte semana, o 12 de maio, Figurantes, de Sanchís Sinisterra

Tamén participará neste ciclo xente moza dos institutos da comarca. O 14 de maio contarase cos grupos de teatro do Colexio Eduardo Pondal e o IES As Barxas de Moaña, que porán en escena Lixocho e Cousas de maiores, respectivamente. Este último foi escrito pola súa directora, Laura Carballo.

DOA, Furafollas Teatro, subirá ao escenario o 19 de maio e representará unha continuación de Os cravos de prata, engadindo e ampliando escenas para construír un novo relato, Os de Freixo. E, finalmente, o 26 de maio, actuará Teatro Aberto, que estreará a comedia do autor Fernando Lalana Suspéndese a función. Antes haberá unha acción na entrada do auditorio cun novo proxecto sorpresa: Movemento Inclusivo.

Cartel Citeamor 14 Ciclo de teatro afeccionado do Morrazo Citeamor 2026
Cartel coa programación completa do CITEAMOR 2026.
Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

O elenco saúda o público ao remate da función de Riazor Ostia en Vigo

Riazor Ostia