in ,

O Teatro Rosalía Castro acolle a gala dos XXX Premios María Casares

Hoxe, 8 de abril, a partir das 20.30 horas

Imaxe grupal dos Premios María Casares 2025
Imaxe grupal nos Premios María Casares de Teatro 2025. Foto: LaDiapo.

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) celebrará hoxe, mércores 8 de abril de 2026, a partir das 20:30 horas, no Teatro Rosalía Castro da Coruña, a gala dos XXX Premios de Teatro María Casares. O acto será presentado por Gloria Rico e ao longo del homenaxearase a figura de Manuel Lourenzo, falecido o ano pasado, e entregarase o Premio de Honra Marisa Soto á actriz e activista Luma Gómez. Ademais, resolveranse as candidaturas gañadoras das 16 categorías nas que se dividen os Premios.

Nesta edición, son un total de 17 espectáculos os que competirán por facerse con algún dos 16 galardóns que se entregarán durante a gala. Entre as montaxes con máis candidaturas destacan Reconversión, de Ibuprofeno Teatro, con 11 finalistas; A serie clopen, do Centro Dramático Galego, con 10; e TROMSØ, de Morraoconto, con 7.

Trofeos dos Premios María Casares
Trofeos dos Premios de Teatro María Casares. Foto de Alberte Peiteavel.

No escenario coincidirán catro actores e actrices —Arantza Villar, Carlos Mosquera “Mos”, María Barcala e Roberto Leal— xunto a un cuarteto musical formado por Josito Porto, Carlos Arévalo, Rafa Otero e Sabela Dacal.

Á gala asistirán tamén a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; o subdelegado do Goberno, Julio Abalde; o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil; a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González; e o concelleiro de Cultura do Concello da Coruña, Gonzalo Castro.

Os XXX Premios de Teatro María Casares contan coa colaboración da Xunta de Galicia, Deputación da Coruña, Concello da Coruña, Fundación AISGE e Gadisa.

O evento poderá seguirse en directo a través da canle en YouTube dos Premios, nesta ligazón. 

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

BFlecha, unha das artistas seleccionadas nas Residencias Paraíso 2026. Fonte: Residencias Paraíso.

As Residencias Paraíso desvelan os proxectos seleccionados para o ano 2026

Foto: José Caldeira - TNSJ

O Fim